Estás lendo

O dron predator MQ-1 enfoca brevemente a Nek Muhammad Wazir, un poema

É case noite entre as montañas de Waziristán do Sur, Pakistán,
dun dezaoito de xuño de dous mil catro;
a hora da cea case a punto
a calma do verán

(Nek Muhammad comentara vintecatro horas antes
a un dos seus subordinados pashtunes
"levo todo o día escoitando
un paxaro raro
que non dou visto
e que soa como
un zumbido metálico,
ao lonxe")

No ceo de Waziristan do Sur, Pakistán,
un dron Predator MQ-1 leva xa horas voando
dende a base de Shamsi, Baluchistán;
envolto no zumbido característico
dos drons
ao tempo que nunha cabina terrestre
un piloto anonimizado polas leis militares norteamericanas
observa aburrido as imaxes
que chegan da cámara
pensando en canto lle queda para saír a cear

Nek Muhammad está sentado
na terraza da súa casa
no silencio das montañas
convencido da seguridade do seu refuxio
pero inquieto polo zumbido do día anterior
un presaxio
ou simplemente un son ao chou no que reparou de máis

Para cando o dron Predator MQ-1 enfoca a casa de Nek Muhammad
o piloto de drons trata de calmar os seus nervios
procurando que a fame
non lle faga precipitarse
-un rudimentario algoritmo de recoñecemento facial
asegura que o obxectivo
é quen ten que ser cunha certidume
suficiente según as ordenanzas militares
para disparar os seus misiles AGM-114 Hellfire-

Un asubío no ceo
fai que Nek Muhammad
deteña un segundo a culler
que está a levar á boca,
un segundo que lle dá para ver a estela
do misil Hellfire
que semella abrir o ceo en dous;
un segundo para pensar
"serei eu o primeiro ser humano asasinado por un dron?"

si

 

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.