Amosando publicacións coa etiqueta poesía de todo a cen. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía de todo a cen. Amosar todas as publicacións

O romance de 3LN MSK e JFF BZS, un poema

A Terra aí abaixo

devorada polas temperaturas insoportables,

devorada pola contaminación/degradación/corrupción de todo o existente,

devorada pola desaparición de case todas as criaturas vivas que antes

                                                               a habitaban fermosa e discretamente,

devorada por eses 75 millóns de humanos ávidos do infinito e máis (ese 1% do que se fala todo o rato),

devorada por eses 7.5 millóns de humanos necesitados de 10 planetas cada un para poder seguir vivindo como ata agora (ese 0.1% do que sabemos algo menos)

devorada por eses 750000 humanos que querrían ter unha nave espacial na porta da casa para ir de vacacións á cara oculta da lúa ou para atoparse a si mesmos no Mar da Tranquilidade (ese 0.01% que case non existe publicamente nin forma parte das bases de datos máis traficadas por parte de google, amazon, meta, microsoft, apple, samsumg ou xiaomi)

devorada por eses 75000 humanos que querrían ter unha segunda residencia en Marte mentras compran todos os terreos  que poden en Nova Zelanda, Noruega, Suecia ou Finlandia (ese 0.001% que aspira a ver o amencer en Xúpiter en directo, a vivir douscentos anos e a ter hoteis na atmosfera terrestre, condominios na superficie da Lúa, unha mansión en Marte baixo un domo xeodésico convintemente presurizado e osixenado e algún tipo de nave que poida desprazarse ao 1% da velocidade da luz nalgún momento)

devorada por eses 7500 humanos que se consideran semideuses a si mesmos (ese 0.0001% etc)

devorada por eses 750 humanos que so compiten contra o deus da creación (ese 0.00001% etc etc)

devorada por eses 75 humanos que (ese 0.000001% etc etc etc)

devorada por eses 7.5 humanos (ese 0.0000001%)

devorada por eses 7.5 humanos (ese 0.0000001%)

devorada por eses 7.5 humanos (ese 0.0000001%)

devorada por eses 7.5 humanos (ese 0.0000001%)

 

Esa Terra é o telón de fondo

para un bico apaixoado nun voo subespacial de quince minutos en gravidade cero

entre dous dos seres humanos que forman parte dese 0.0000001%,

un bico húmido de recoñecemento entre iguais

un bico que recolle o fin do tempo coñecido e o principio do que virá,

o anuncio da irreversibilidade da apocalipse

o son do derrumbamento de todo o que unha vez foi fermoso, amable e discreto


Tras ese bico sen palabras, collidos da man, mirando cara o espazo exterior, 3LN MSK e JFF BZS sorrín coa inxenuidade que dá o verdadeiro amor e pensan no exército de idiotas que os levou ata alá arriba,

o exército de tontos que está a agonizar tras eles

o exército de consumidores que pensaban que

o exército vencido da humanidade (case) ao completo

E tanto 3LN coma JFF pensan neles coma os humanos pensan nos años que van ao matadoiro,

unhas centésimas de segundo de peniña, outras décimas de segundo de compaixón, unha eternidade

                                                                                                                       de olvido

E tras o bico, collidos das mans, apuntando a marte cos ollos fixos na escuridade do espazo

nunha nube de serena ledicia inesgotable pensan en sincronía neuronal

"Somos a nova humanidade, o mellor do que queda dela

e temos dereito a todo

e nada vai impedir que o consigamos"

E dende unha Terra agónica con sabor a Marte, a 50 °C de temperatura media no 90% da súa superficie,

un sospiro de resignación e envexa percorre a mudez do espazo

dicindo ao tempo nunha onda tridimensional esférica

"nós, o 99,99999% querriamos ser vós"


Jeff Bezos saúda dende o espazo, un poema

 A cen kilómetros de altura

- pasada a liña de Kárman que marca a saída da atmosfera terrestre e saúda a entrada no baleiro cósmico do espazo exterior-

Dende unha das fiestras da súa nave espacial Blue Origin

Ollando con melancolía cara a esfera azul situada literal e metaforicamente aos seu pés

Jeff Bezos sorrí á cámara imaxinaria que leva toda a vida enfocándoo sen desmaio

E pensa nos mil millóns de dólares anuais que leva invertidos no proxecto dende 2003

E pensa nos salarios de entre quince e dezaoito dólares á hora que cobran os douscentos cincuenta mil traballadores dos seus warehouses (cifra obtida na súa web adicada á transparencia https://www.aboutamazon.es/centros-logisticos-de-amazon/)

E pensa nos millóns de horas extras non retribuídas que fan os seus repartidores oficiais e non oficiais

E pensa no exército de furgonetas azuis que enchen as rúas das cidades e no outro exército de furgonetas sen logos exteriores a cargo de traballadores sen contratos conducindo a reo por rúas máis escuras que o espazo exterior

E pensa nos millóns de unidades vendidas do Fire TV Stick Lite con mando por voz Alexa | Lite a trinta euros a unidade con dezasete mil catrocentas once valoracións positivas

E pensa nos millóns de unidades vendidas da BRITA MAXTRA+ – Pack 2 filtros para a agua, Cartuchos filtrantes compatibles con xerras BRITA que reducen a cal e o cloro a 18,90 € 

E pensa nos outros miles de millóns de obxectos absurdos-inútiles-ridículos-innecesarios que os seus empregados dos almacéns inmensos como países empaquetaron ao longo de xornadas interminables e os seus conductores de furgonetas repartiron en tempos record baixo a presión dunha valoración negativa na súa web

E pensa en como cada céntimo derivado deses obxectos absurdos-inútiles-ridículos-innecesarios transformouse nunha pinga no seu océano de douscentos mil millóns de dólares de fortuna persoal a xuño do ano dous mil vinte un

E non pode evitar que o seu sorriso adquira as dimensións da vía láctea ou do cúmulo local onde habita a nosa galaxia

E mentras ese xesto de ledicia infinita debúxase tratando de imitar o logo da súa empresa na súa faciana, el vai imaxinando cales van ser as súas verbas cando, dez minutos máis tarde, volte ao planeta do que lle gustaría fuxir para sempre

E vai dicindo en voz alta pero para si mesmo

"Grazas a todos os meus empregados"

"Grazas a todos os que comprades os obxectos absurdos-inútiles-ridículos-innecesarios por decenas de miles de millóns"

"Sen todos vós aupándome non sería capaz de ter chegado ata aquí"

"Non son máis listo, nin peor persoa que vos"

"Se acaso, teño ese punto espabilado que fai que un sexa moi bó facendo unha soa cousa na vida"

"Negocios"

"Acaso os faraóns déronlle as grazas aos centos de miles de escravos que levantaron as pirámides por eles? (man de obra realmente barata)"

"Eu son mellor que os faraóns"

"Saín ao espazo exterior grazas a vos. E todo fixéchedlo voluntariamente: traballar millóns de horas a reo por un salario de entre 15 e 18 $ á hora, mercar centos de miles de millóns de obxectos absurdos-inútiles-ridículos-innecesarios"

"Grazas, empregados e clientes"

"A miña riqueza débevos unha"

"Ups, non"

O dron predator MQ-1 enfoca brevemente a Nek Muhammad Wazir, un poema

É case noite entre as montañas de Waziristán do Sur, Pakistán,
dun dezaoito de xuño de dous mil catro;
a hora da cea case a punto
a calma do verán

(Nek Muhammad comentara vintecatro horas antes
a un dos seus subordinados pashtunes
"levo todo o día escoitando
un paxaro raro
que non dou visto
e que soa como
un zumbido metálico,
ao lonxe")

No ceo de Waziristan do Sur, Pakistán,
un dron Predator MQ-1 leva xa horas voando
dende a base de Shamsi, Baluchistán;
envolto no zumbido característico
dos drons
ao tempo que nunha cabina terrestre
un piloto anonimizado polas leis militares norteamericanas
observa aburrido as imaxes
que chegan da cámara
pensando en canto lle queda para saír a cear

Nek Muhammad está sentado
na terraza da súa casa
no silencio das montañas
convencido da seguridade do seu refuxio
pero inquieto polo zumbido do día anterior
un presaxio
ou simplemente un son ao chou no que reparou de máis

Para cando o dron Predator MQ-1 enfoca a casa de Nek Muhammad
o piloto de drons trata de calmar os seus nervios
procurando que a fame
non lle faga precipitarse
-un rudimentario algoritmo de recoñecemento facial
asegura que o obxectivo
é quen ten que ser cunha certidume
suficiente según as ordenanzas militares
para disparar os seus misiles AGM-114 Hellfire-

Un asubío no ceo
fai que Nek Muhammad
deteña un segundo a culler
que está a levar á boca,
un segundo que lle dá para ver a estela
do misil Hellfire
que semella abrir o ceo en dous;
un segundo para pensar
"serei eu o primeiro ser humano asasinado por un dron?"

si

 

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018, un poema

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
-é unha mañá soleada de xuño
no barrio de Medina cerca de Seattle-

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
e dende a ventá do seu salón na rúa Evergreen Point
levanta a vista cara a casa de Bill Gates
 -o novo home máis rico do mundo pregúntase que se debe sentir sendo o anteriormente home máis rico do mundo-

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
ten unha taza na man na que se pode ler un "Amazon" case sen cor
-da primeira tanda de tazas, das de 1994, cando fundou unha compañía
chamada Cadabra,  que logo foi brevemente Relentless e finalmente
Amazon-

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
o café está frío na taza na que aínda non se ve o logo
co sorriso do A ao Z
e a luz do case verán de 2019 ilumina con tristura o salón inmenso da súa casa

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
e na casilla de RENDEMENTOS DO CAPITAL lé 11 200 000 000$
-nese momento lémbrase de que o ano anterior alí mesmo poñía: 5 600 000 000$
e sinte algo así como unha erección no ánimo
apenas unha agulla de excitación incontible-

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
e na casilla de GASTOS FISCALMENTE DEDUCIBLES lé 11 200 000 000$
-e sente o gosto metálico do frío do café pola súa gorxa no penúltimo grolo da mañá-

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
e na casilla de COTA RESULTANTE DA AUTOLIQUIDACIÓN lé 0$
e xusto debaixo RESULTADO DA DECLARACIÓN 0$
e sabe que o mundo está ben
e que sempre o estará

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
e durante unha centésima de segundo
pensa nos seus 613 300 empregados directos (datos de 2018)
e experimenta algo así como unha erección no ánimo
apenas unha agulla de excitación incontible


Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
levanta a vista lixeiramente
e así pode ver dende a ventá fronte á súa
a Bill Gates que saúda coa educación que se espera do segundo home máis rico do mundo

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
sorrí un segundo
enrruga o papel que estaba a ler
e alónxase a paso lixeiro polo seu salón inmenso escapando,
de que




 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.