Arquivos

Día 48 da corentena

Estamos en "desescalada". O sábado poderemos saír un rato a estirar as pernas. A tratar de achegarnos de novo á nosa cidade/pobo como quen volta dunha longa viaxe. O primeiro que penso facer é abrazar unha árbore. Coma se fora un hippie ata arriba de ácido. Saturado do tacto das teclas do ordenador e da pantalla do móbil. Isto é bonito. A profecía cumpriuse: a forza de separarnos de todo, a tecnoloxía rematou por facer que queiramos separarnos dela mesma. Pasamos unha fronteira invisible. A nosa desconfianza mudou en fatiga. Non caben máis píxeles na nosa retina. Temos os dedos desgastados de frotalos coa pantalla do móbil. Precisamos unha desintoxicación tecnolóxica profunda que nos permita ter unha relación de uso con ela no lugar da colonización psíquica que leva practicado ela con nós nas dúas últimas décadas. Polo menos sacar iso en limpo da pandemia. As miles de horas traballando diante do ordenador. Os millóns de horas en videochamadas. Os billóns de horas vendo series nun binge watching interminable que semella aspirar a competir coa eternidade en duración. Todo ese tempo non só é tempo perdido. É tempo degradado. Afastado da vida e entregado ao culto á morte que conforman o traballo interminable, a comunicación sen contacto humano e o entretemento como adicción. A nosa vida nestes días sufriu unha erosión brutal en algo parecido á súa esencia. Non só polo peche en si mesmo -que tamén- senón pola entrega de nove décimas partes de cada segundo destes 48 días ao contacto íntimo coa tecnoloxía.

Mentres, fora das nosas casas, todo son presaxios de algo feo no ar. Somos colapsonautas e o futuro semella ser un tren ao que xa non imos poder subir. Quero abrazar unha árbore. Non son un hippie colocado. Ogallá.

Día 43 da corentena

Pasei de escribir os días pares de corentena a facelo os impares. Camiño da cincuentena, que significa isto? Mentras busco resposta a isto: a palabra de moda destes dous últimos días é pulsioxímetro. Un aparato que mide a saturación de osíxeno en sangue. Unha busca rápida en internet revela que están esgotados en todas as farmacias reais e online que un poida imaxinar.  Saímos do circuíto farmacéutico e imos ao retail online. No Corte Inglés, esgotados. No Lidl, esgotados. En Amazon, os cinco modelos con mellor puntuación dos clientes, esgotados. A paranoia ama os días impares. Crece neles como se atopara terreo aboado con esterco da mellor calidade. Hoxe é o día 43 da corentena. Surfeamos por internet entre o pánico -polos casos coñecidos que eran asintomáticos e de pronto convertíronse en pacientes UCI bruscamente- e a paranoia "son os pulsioxímetros as novas mascarillas e en breve van ser imposibles de atopar?".

 Un artigo dun divulgador que goza da nosa confianza alértanos un pouco máis: un pode ter o virus sen síntomas mentras os seus pulmóns van colapsando, pero, por culpa do mecanismo de intercambio de O2 (que non chega ben ao sangue) e CO2 (que sae con normalidade) nos alveolos pulmonares, un non ten sensación de afogo. O tema é que se a saturación de O2 cae demasiado pode ser demasiado tarde tamén. Entón, concluimos, se un sente unha fatiga abraiante e non sabe a que se debe, e ademais non ten ningún síntoma da enfermidade que nos ten pechados na casa, unha simple medida co pulsioxímetro pode marcar a diferencia entre entrar de cabeza a unha UCI ou non facelo. A paranoia e os días impares crecen de forma esaxeradas nestes tempos, seino, pero como dicía o noso querido William Burroughs "un paranoico so é unha persoa ben informada". Entramos en Amazon, ese sitio no que xuraramos fai case sete anos que non iamos entrar nunca máis. Facemos todo o que odiamos profundamente, dar datos á esgalla, ler as humillantes opinións dos clientes-bots que viven no ecosistema amazónico, regalar a nosa pasta a ese Jeff Bezos que é o tipo máis rico do mundo e non paga apenas impostos por elo e que sabe que o negocio son os datos e non os pulsioxímetros. Pasamos a Visa. O aparato chegará o 10 de maio, no día 58 da corentena. O futuro ten forma de número par. A paranoia ten gostos impares. Todo isto son arbitrariedades, pero en momentos de incertezas absolutas o voo dun pardal diante da ventá da casa pode ser o anuncio de algo. Que estamos facendo? Como bós colapsonautas, sucumbir. Derrotas pequenas que anuncian unha derrota maior para a que non estaremos preparados. Que o colapso nos pille coa saturación ao 98%, cifra óptima según os sitios de internet supostamente adicados á medicina.

Día 41 da corentena

Comezo a ter unha fatiga inmensa cada vez que teño que facer unha videochamada. Ao principio facíame gracia, a novidade, ver á persoa que tiña enfronte, non so escoitala. Fixen moitas pero o meu período de lúa de mel coa tecnoloxía (sempre aborrecín o skype e máis dende que coñezo a intrahistoria deste servizo) rematou relativamente rápido. Probamos o zoom (máxima castaña a nivel seguridade), as videochamadas de wasapp (xa o estandar nas conversas familiares e coas nosas amizades), o jitsi (simpatizo mil con esta) e o servizo da xunta, o webex (xa que cumpre a GPDR e as autoridades a recomendan é a que usamos no chollo).

Pronto comecei a aburrirme das imaxes de baixa calidade, da sensación de irrealidade que me deixaban os minutos pasados falando así. Se ben o proceso de aburrimento comezou no ámbito do familiar, a hecatombe chegou coa súa aplicación ao traballo: reunións entre nós a dez, quince, vinte persoas. Gardando estritos turnos de palabra. Mirando para as ringleiras de cabeciñas mal iluminadas, con problemas co son, coa conexión, cos micros, coa cámara web. A presenza dos demais reducida a un puñado de píxeles (320x180 de media) para facer sitio a todo o mundo na pantalla do ordenador de xeito óptimo. O da resolución é unha lata pero, se o penso, case dame igual. A imaxe de alguén petrificado con cara de póker mirando para algún punto que non son os meus ollos dista bastante de ser ese alguén. Máis ben, un representante defectuoso, unha mala imitación, un dobre sempre irritante pola súa insuficiencia. Se as funcións da linguaxe son (grazas wikipedia) a referencial, representativa ou informativa, a expresiva ou emotiva, a apelativa ou conativa, a metalingüística, a poética ou estética e a fática ou relacional, a miña sensación é que nas videochamadas todas elas están perdidas agás a informativa. Hai unha transmisión de información e punto. É difícil conseguir algunha das demais (ou serei eu que son torpe, que tamén). O resultado é que aos cinco-dez minutos de reunión (se é no eido do laboral) ou de conversa (no familiar ou coas amizades) comezo a mirar o wasapp ou a facer algunha outra cousa que me importa so un pouquiño máis que a videochamada. Fáltame a persoa, o seu corpo, os matices dos seus movementos, mesmo o silencio parece diferente cando alguén cala en persoa que cando o fai a súa imaxe equivalente feita a base de sumar píxeles. Perdón pola expresión, pero a materialidade ausente dese outro que está aí converte ás videochamadas nunha especie de ouija sofisticada na cal os espectros son os vivos e esa comunicación espectral vólvese unha caricatura que me resulta insufrible. Quizais, cando volvamos á "realidade" "normal" e recuperemos os nosos niveis habituais de materialidade tornando as videoconferencias en excepcións curiosas, eu estea en condicións de tomalas con deportividade e asumilas como unha trangallada soportable. Mentres tanto, tócame facer o que fago sempre coa dimensión comunicativa da tecnoloxía: asumila de mala gaña, soportar os seus ditados e tratar de rematar as conversas o máis rápido posible. Prefiro as chamadas de teléfono clásicas. Aí non hai pantasmas fosforescentes. So a calidez dunha voz, a dozura das inflexións, os acenos coñecidos, a familiar musicalidade do interlocutor. Algo peor que unha conversa presencial pero bastante mellor que o espectáculo fantasmagórico ao que nos estamos acostumando a toda velocidade.

------


Onte comecei a ver DEVS, a serie (en HBO) de Alex Garland, o tipo detrás de marabillas como Ex Machina e de produtos semifallidos pero interesantes como Annihilation. Atopo en común con Ex Machina esa arquitectura minimalista e inhumana a base de cristal e hormigón que para moita xente é o sinónimo de "vivenda" e que semella ser un marcador de ambientes hostís á humanidade, así como un factor de exclusión de calquera posibilidade de ter relacións afectivas e calquera tipo de emoción humana. O ton grávido non presaxia nada bó (ai ese existencialismo tecno-distópico un pouco gastado xa), pero visualmente é deslumbrante. Como en moitos outros produtos semellantes parece que a imaxinación visual vai moi por diante da escritura. Agardo que a serie non se enrede demasiado en todas as tontadas sobre o determinismo que vai soltando un dos protagonistas (un pouco ridículo o recurso á formulación do determinismo causal de Laplace) e que o seu argumento sexa polo menos a metade de imaxinativo que a súa flipante posta en escea. Veremos.

Día 36 da corentena


O mellor destes trinta e seis días de confinamento sucedeunos antonte: vimos Portrait de la jeune fille en feu, de Céline Sciamma en filmin. Quedei impactado co filme e escribín unha reseña na miña conta de filmaffinity (en castelán, que ahí non deixan escribir máis que na lingua oficialísima do estado expañol). Sempre a mesma pregunta: por que non a vin no seu momento? Lembro o cartel nos multicines norte alá por outubro e as boas críticas nas miñas revistas de referencia. É como que cando algo ten un recoñecemento unánime e abraiante póñome no sitio do escéptico absoluto. Así vou deixando de ver películas, de ler libros e de facer cousas, en xeral, que son imprescindibles por un reflexo que se atopa no punto medio exacto entre o paranoide e o narcisista. En fin.





 No segundo lugar das "mellores cousas que me teñen pasado nestes días de confinamento" atópase o visionamento da primeira tempada de Community. A serie (obra de Dan Harmon, o co-creador da marabillosa Rick and Morty xunto a Justin Roilland) é de 2009 e nela saen Alison Brie (a voz de Diane Nguyen na superlativa BoJack Horseman), Donald Glover (o nome real detrás de Childish Gambino), Chevy Chase ou Ken Jeong. Con frecuencia, cando a xente fai a súa declaración serifílica de turno, un se atopa no medio de listas cruzadas tipo "as cinco/dez mellores series de TV da historia" e movidas polo estilo, descubrindo -con certo asombro- que entre as cimas do formato case nunca hai a) algunha de debuxos animados ou b) algunha comedia. O top cinco ou top dez sempre inclúe -recoñézoo- algunhas das miñas series favoritas, pero é rarísimo atopar nestas listas -tan persoais, tan alimentadas tanto pola vaidade como por inseguridades varias- algo que se salga dos dramas profundos, do xénero negro con protas torturados, da marcianada libérrima ou da megaprodución con dragóns ou con osos polares nunha illa exótica. É difícil atopar a alguén que fale, por poñer algúns exemplos, de The Young Ones, The Black Adder, Get a life, The IT Crowd, My name is Earl, Mom, Arrested Development ou The Office (esta si que aparece de cando en vez). O humor sempre está un banzo por debaixo da gravidade, o que nos fai rir nunca xoga na mesma liga que aquilo que nos fai tremer de emoción ou nos fai apertar furiosamente o brazo do sofá pola tensión. Non o dou entendido. Poucas cousas fanme tan feliz como botar unhas gargalladas diante dunha pantalla. Porén, para moitas persoas non é suficiente. Facerche rir, parece ser, para a maioría da xente, sempre é insuficiente e semella evidenciar unha escaseza de profundidade ou lucidez. Por iso, cando descubro cousas como Community, ademais de desfrutar como un tolo con cada capítulo, aproveito para refacer o meu listado persoal de series favoritas, reivindicando no meu espazo interior a miña propia lista de favoritas, as series campionas da risa as que volto cando poido. Eu, que tendo por natureza (quizais por educación, non sei) ao melodrama e ao exceso de adxectivos e adverbios grandilocuentes, recoñezo que (valga a redundancia) me recoñezo a min mesmo singularmente no acto de rir. Cando algo consigue que me salga esa risa, interiormente expreso un agradecemento profundo derivado de eliminar a distancia comigo mesmo coa que vivo o resto do tempo. Como cando un non consegue enfocar algo correctamente porque ten dúas imaxes superpostas e, de súpeto, estas encaixan dando lugar a unha soa. Iso é o que me fai a risa: elimina a distancia entre o que son e o que creo ser, fundindo temporalmente ambas cousas nunha soa. Ese acoplamento fugaz, compacto e sin fisuras é a idea que teño da felicidade. E todo por unhas risas. Que movida.

Día 32 da corentena

Antonte cumpríronse cinco domingos de peche na casa. O tempo pasado desta maneira acumúlase e vai pesando, repartíndose polas distintas partes do corpo como unha substancia fluída de densidade variable. É algo imperceptible no día a día pero evidente se un se compara coa versión de si mesmo anterior ao 14 e marzo. A viaxe comeza a producir efectos secundarios. Non so a fatiga nin o aburrimento ou a incapacidade de concentrarse. Tras os mil intentos para desviar a atención do elefante na habitación, somos conscientes de como vai medrando, paseniñamente, unha ansiedade de baixa intensidade que permanece borrosa, en segundo plano, difícil de asignar a un síntoma concreto. Pode ser algún tipo de malestar orgánico de escasa importancia pero de persistencia estraña. Poden ser pensamentos erráticos ou baixóns emocionais que se producen inesperadamente. Variantes mínimas da melancolía sen obxecto, microaccesos de pánico, a mirada perdida na fachada de enfronte, buscando nas manchas de humidade algún tipo de sinal sobre o futuro. Etc.

Son vítima un pouco de todo o anterior. Cociñamos con calma, e, grazas a iso, estamos a comer bastante mellor do que o facíamos antes do confinamento. Adicamos cada día aproximadamente hora e media a facer exercicio e ioga grazas aos tutoriais de youtube. En xeral coidámonos dentro das posibilidades que ofrece a situación. Pero o desgaste interior crece día a día. Ás veces sentímonos como móbiles que están achegándose á liña vermella do indicador da batería, aferrados con forza aos rituais domésticos como único compás neste deserto no que se teñen convertido os días. A información sobre a situación comeza a ser unha pequena tortura. Xa ata moléstanme as gráficas, os modelos matemáticos que me fascinaban ao principio, as estimacións de cando a curva tomará a forma dunha función loxística, as especulacións sobre os rebrotes ou o proceso de desescalada que ninguén sabe como vai ser. Vivimos nun universo conceptual fabricado a base de cachos de matemáticas, bioloxía, socioloxía e antropoloxía que incorpora termos a velocidades inhumanas. O ritmo de difusión de vocablos novos e de confección de futuros probables é insostible. Tragamos toneladas de información tóxica cada día. Sen sabelo -sen querelo- embelenámonos de forma mecánica e programada, ao ritmo das novidades incesantes. A factura deste banquete descomunal de tóxicos informativos vai ser inasumible. As nosas almas, quebradas como as costas de pequenos lagartos en mans de rapaces crueis, xa non dan para máis. Precisamos un inmenso espazo aberto habitado polos ruídos que facemos os humanos cando estamos xuntos, lonxe das nosas covas actuais, lonxe dos titulares e a estatística e os futuros negros como un universo sen estrelas. Polo noso ben.

---------
Hoxe saín á rúa despois de tres semanas para facer unha pequena compra na tenda que temos ao lado de casa. Enfundado cos meus guantes de látex e a mascarilla preceptiva gardei os metros de distancia recomendados coa outra clienta da tenda e coa encargada desta. Alí metidos, formando un triángulo escaleno de dimensións variables, de cando en vez botabamos unha ollada entre nós, para confirmar que non estabamos dentro dun pesadelo distópico. Que as indumentarias e o distanciamento eran a nosa realidade real. Cando chegoume o turno de pagar intercambiei dúas frases mínimas, "que tolemia, todo", "que situación tan rara". A resposta foi unha boa labazada ás miñas queixas de tipo privilexiado que ten a sorte de estar vivindo todo isto amurallado na súa vivenda: "me lo vas a decir a mí". Terra trágame. Glubs.


Día 28 da corentena

Hoxe rematei o meu "confinamento preventivo" tras dúas semanas metido na miña habitación mentres Cris me traía as comidas a diario e falabamos a dous metros de distancia ou por videoconferencia durante algúns xantares. Digo "preventivo" porque aínda que o médico que me atendeu por teléfono alá polo 21 de marzo descartou que os meus síntomas de febre e malestar xeral foran do covid-19, acordamos que iamos levar os días posteriores coma se tivera pasado polo bicho, por se acaso. Así pois, tres semanas na habitación -case unha completa de enfermidade-, facendo o que facía durante a primeira de confinamento, excepto cociñar e limpar o resto da casa ou saír á compra. Para celebralo, hoxe fixen a comida e a cea e botamos unha medio sesta no sofá mentres viamos entrecortadamente "Os dez mandamentos", monumento cinematográfico excesivo a maior gloria do cartón pedra, o cinemascope, a voz en off cargante, as actuacións máis propias dunha obra de teatro e as cores saturadas ata producir mareos. A vida "normal" resultoume igual de anormal que a vida "non normal" que levei. Cando baixei o lixo a nosa rúa estaba valeira completamente. Mergullada no silencio pesado destes días, levoume un ratiño recoñecela como "a nosa rúa". A mesma sensación que ao principio da corentena: síntome como nunha extensión irreal do noso piso. Ese espazo aberto que se extende a esquerda e dereita non é tal. É unha ilusión óptica porque, en realidade, non podemos ir máis alá do contedor do lixo, da tenda da esquina, da farmacia que está un pouco máis arriba. É unha zona desas, como en Stalker, un lugar por onde pasaron os extraterrestres ou algún deus deixando tras de si un lugar deformado no que non cabe a posibilidade de desenvolver algún tipo de existencia normal. Que flipado. Si. É a reclusión. Xa.

Día 26 da corentena

Unha das consecuencias pouco perceptibles -para min, inicialmente- deste peche foi o aumento da incapacidade para concentrarme un tempo longo nunha actividade intelectual algo esixente. Comecei con forza os primeiros días poñéndome un horario e lendo dentro del unhas cen páxinas diarias de "Tan poca vida" (aínda teño que falar deste libro por aquí) máis unhas poucas decenas de "Razones y personas" (tomando notas) para rematar a día de hoxe tendo problemas para ler seis páxinas de "The Master´s Voice" de Stanislaw Lem cada noite. Como contrapunto, as horas de surfeo interneteril, os milleiros de tuits que leo diariamente ou os centos de wasaps que reviso e contesto sen cesar dan conta de que estou como un polo sen cabeza totalmente descontrolado polas antigamente chamadas autoestradas da información. Tirando de nomenclatura xa en desuso diría que o meu grao de infoxicación é entre medio-alto e alto, e que a miña capacidade para manter a atención en algo que requira de tempo e concentración sufriu un baixón considerable nestas case catro semanas de confinamento. A dinamica das pantallas, como moi ben sinalan en Sobre as cousas (mentres escribo isto a miña cabeza di: "aínda non fixeches un tuit sobre a entrada que enlazas!"), é esnaquizadora: a dispersión permanente que experimentamos estes días lévanos a vagabundear polo inmenso territorio que é internet atentos durante tempos inferiores ao minuto a toda clase de estímulos e anzois nos que sempre rematamos picando. O punto de non retorno acádase cando un xa non se para a pensar que ten un problema con isto. Que certo malestar persistente estea amolándonos no noso surfear sen fin significa que aínda temos capacidade para, con certo esforzo da vontade, tratar de dar marcha atrás nesta corrente que nos arrastra. Por seguir coas miñas atinadas metáforas animais: sexamos salmóns remontando a corrente brutal do río, eses mesmos que cando chegan exhaustos ao seu destino so teñen xa forzas para desovar e morrer alí (vale, esta parte da metáfora sobraba).

Unha das miñas paradas habituais no meu devagar son os comentarios de youtube nas cancións que me gustan. Moitos deles son tremendísimas historias de desamor, enfermidade e/ou morte que che deixan petrificado. Hai exercicios de sinceridade que case parecen invencións perfectísimas (non é a sinceridade simplemente unha ferramenta retórica máis que tendemos a identificar estupidamente coa verdade?). Algún deles está calculado -creo- para poñernos a piques de soltar as bágoas (non a min, que estou moi curtido xa) (a alguén menos insensibilizado seguro que si) (pero a mi non) (que va). Como bo entomólogo youtuberístico afecioado deixo aquí algunhas pezas que me pareceron especialmente boas:

- segundo comentario en "All My Happines Is Gone":

I went to college with Dave. Me and another friend from those days were planning on going to his show on Monday. She had emailed him and asked if we could see him, to say hi. He said he would wait after the show for us, and he said he never does that, but that he would do it for us. I am crushed. I never met anyone like Dave. I will never forget when he was offering haircuts to make extra money, and he shaved my head. I dyed the rest black :) He had a great radio show on WTJU with his friend Rob called "The Black Hair Show." He wrote amazing poetry even then..much of it was written in the UVa morgue where he worked. He was so funny. Super witty and smart. Too much talent, gone too soon. This song is haunting me "some of them were once people I was happy to know".. I was happy to know you, Dave. RIP.


- doceavo comentario en "Darkness and Cold":
 
This video gets me everytime. This is literally how it went before my girlfriend and I broke up. The lyrics are very fitting of that relationship too, I was listening to Silver Jews “the wild kindness” that whole week that it ended. His music was a staple for me. He was the friend that I never had when everyone left. And now, he is a friend who has left. Rip Dave.


- treceavo comentario en "The Lamb - Tenebrae Choir"

This is so beautiful. I think it's the most beautiful thing I ever heard in my life. And it's a joy to watch the expressions on the women's faces. They are in pure exstasy. This is why I think there is still hope in mankind. A man who can compose this and singers who can deliver such a beautiful performance. This is the music that will accompany me on my way to the darkness.

- sexto comentario en "Massive Attack - The Spoils ft. Hope Sandoval"

My ex was cheating on me and continued to manipulate me and deny it. It was the most painful stripping away of all the light I saw in him and all the virtues I thought he lived by decayed before my very eyes. I'd say it felt like this song. Slow and soul-shattering death of the sacred bond we shared..but still loving that person in the strangest way and just wishing that they had the strength to do the right thing and be honest at the very least...you'd think they would love you even enough to tell you the truth and let you go in as much peace as you can...I've somehow realized how strong I really am. I have an unbreakable heart, every time it's burnt I rise more loving...more understanding of humanity towards myself and others. I raised myself to be that way...amidst chaos and pain it's always a choice of love. In a weird way, it was a gift..that darkness he brought me. I learned my true colors.


- segundo comentario en "La Grande Bellezza (colonna sonora finale) The Great Beauty - "The Beatitudes"

What a beautiful poetic movie!
This is how it always ends. With death. But first there was life. Hidden beneath the blah, blah, blah. It's all settled beneath the chitter chatter and the noise. Silence and sentiment. Emotion and fear. The haggard, inconstant flashes of beauty. And then the wretched squalor and miserable humanity. All buried under the cover of the embarrassment of being in the world, blah, blah, blah... Beyond there is what lies beyond. I don't deal with what lies beyond. Therefore... let this novel begin. After all... it's just a trick. Yes, it's just a trick.


É normal que precisemos expresar o que nos proe por dentro (de que viven as redes sociais senón de facer pasta coa combinación desta necesidade e o narcisismo autista), e, con frecuencia, escollemos o parapeto dun nick nalgunha das infinitas caixas de comentarios que habitan o territorio inacabable de internet. Non queremos consolación. Queremos que a alguén lle guste a expresión da nosa aflición. Queremos o pracer de sentir que na nosa tristura hai algo atractivo para un feixe de descoñecidos. Que di iso de nós? A pregunta é boa, pero non estou capacitado para darlle outra resposta que non sexa algunha emoticona. Teño que ir correndo ao tuiter a facer un par de cousas urxentes. Quizais lle bote un ollo antes ao wasapp. Ai non, que agora mesmo teño unha videochamada entrante. Hai tempo, xa me poñerei.

Día 24 da corentena

Durante estes días de corentena a miña dieta musical quedou un pouco reducida a dúas cousas: FKA Twigs e Purple Mountains. Non so, pero basicamente é o que escoito de forma reiterada.

No caso da primeira flipo con todo o que fai: as letras, os arranxos das cancións, as mesturas estilísticas, os vídeos, o artwork dos discos, a voz e a presenza que ten. Se LP1 (2016) era un disco sólido e brillante en bastantes ocasións, Magdalene (2019) paréceme unha obra mestra absoluta e incontestable. O tempo comatoso da electrónica esnaquizada que fai de base en pendulum mentras ela parece cantar nunha especie de trance extático interminable. Fallen angel, sen apenas sección rítmica e cunha especie de campá que funciona a modo de metrónomo-soporte para bases descadradas que nacen e morren abrindo espazo para unha voz pletórica de enerxía que repite "I´m a fallen alien, I´m a fallen alien". Celophane, que arranca con algo apenas maior que un suspiro a cámara lenta sobre un piano con tendencias suicidas, e, tras o cal, a voz vai crecendo en medio dunha atmosfera sonora enrarecida que a ameaza co rompela continuamente. Ou sad day, na cal Thalia canta como se fora unha Lana del Rey susurrante que vai crecendo en intensidade a cabalo dunhas bases que entran e saen da escena deixándoa, alternativamente, ben a solas coas súas confesións case a capela, ben amplificando as súas proclamas que escoitará todo o mundo con excepción da persoa a quen van dirixidas: "Ah, would you make a, make a, make a wish on my love?". Polo medio, as playlists automáticas de youtube ou spotify van introducindo temas de Kelela, Jorja Smith, Grimes, Charlie XCX ou mesmo Blood Orange sen que eu entenda moi ben por que os algoritmos estes fan semellantes deduccións, pero recoñecendo que me teñen ben controlado.



No caso de Purple Mountains (o disco do grupo homónimo do defunto David Berman, suicidado o pasado agosto de 2019), sento a necesidade idiota de ir ata o fondo das súas cancións. Collo a guitarra, busco as tablaturas en internet e trato de acompañar o fraseo vocal de David sen conseguilo. Son cancións sinxelas a nivel armónico e rítmico, pero as liñas melódicas fánseme imposibles. Porén, se hai algo que me rompe absolutamente, máis alá da voz crepuscular de David ou os arranxos infinitamente tristes a ratos ou ironicamente melodramáticos outras, son as letras. Nelas hai un espirse emocionalmente que resulta abraiante. David canta ao amor perdido, ás amizades que se estragaron, ao feito de facerse vello e atoparse so, aos tempos felices nos que o amor e as amizades estaban aí diante e eran cousas que se daban por supostas. Quizais os dous temas que máis me trastornan son All My Happiness Is Gone, e Maybe I´m The Only One for Me, monumentos absolutos á desolación total. A primeira, tras unha intro agónica de dous minutos, xoga cunha liña de baixo que da saltos cunha alegría que roza o pletórico mentres o xogo armónico e a letra abren o chan baixo os nosos pes: "Friends are warmer than gold when you´re old/ And keeping them is harder than you might suppose/ Lately, I tend to make strangers wherever I go/ Some of them were once people I was happy to know". O ritmo é o dunha canción pop para ir coreando no coche coa ventá baixada mentras tarareamos "toda a nosa felicidade foise" entrando nun curtocircuito emocional absoluto. O segundo tema xoga nas mesmas coordenadas: unha melodía que aspira a poñernos moi arriba mentres a súa letra busca perforarnos o corazón detallando a estrañeza de estar sempre so e rodeado de parellas por todas partes, cun protagonista incapaz de afrontar un autoodio insuperable: "I´ll put my dreams high on a shelf/ I´ll have to learn to like myself/ Yeah, maybe I´m the only one for me".  No meu top de favoritas siguen ás anteriores ese cántico incondicional ao amor da súa nai -I Loved Being My Mother´s Son-, a descrición dun inverno a solas nunha Nova Iorque nevada -Snow Is Falling In Manhattan-, o laio por un mundo ao que non chegan novas nin palabras dun deus que permanece xordo ás nosas plegarias -Margaritas At The Mall- e a descrición desapaixoada do equivalente á morte térmica do universo no nivel das propias emocións tras a ruptura co amor dunha vida -Darkness And Cold-. O conxunto é arrebatador e adictivo. Unha infección da que é difícil librarse. Berman morreu so, devorado polas súas adicións -incluidas débedas de xogo que rondaban os cen mil dólares- e deixando como testamento musical un disco que avisaba claramente da súa situación persoal a un paso do abismo. Coma é habitual, non había ninguén do outro lado para facerse cargo, so os fans entusiasmados co enésimo descenso aos infernos do seu artista favorito. Que desastre. David, what the fuck, tío.


(Os algoritmos, cando se trata de Berman, son máis predecibles nas súas incursións por outros artistas: Nick Cave, Bill Callahan, Will Oldham, mesmo Slowdive e movidas polo estilo. Que falta de imaxinación, por favor.)

Día 22 da corentena

Cuarto sábado de peche en casa.

Os aplausos das 20.00 cada vez comezan antes. Parece que a ansiedade se expresa en forma de impaciencia. As palmadas adoitan coller un ritmo nervioso e descompasado. Moita xente berra e silva e fai soar bucinas máis alá dos dous-tres minutos que dura o acto en si mesmo. Hai tamén, ultimamente, unha expresión de fatiga nas facianas dos veciños que eu recoñezo como miña. Somos dos privilexiados que temos metros en casa para non aboiarnos e recursos para aguantar sen problemas materiais (non tanto como os que teñen casas con xardíns ou pisos con balcóns, claro). Pero aínda así o peche produce efectos estraños. Asómome á ventá por aquilo de respirar aire fresco. A rúa baleira paréceme unha prolongación da casa co seu silencio e a ausencia de xente que a habita. Malia a perspectiva que da o horizonte da rúa -unha especie de desfiladeiro de western-, non experimento ningunha sensación de nostalxia da liberdade que debería levar asociada a paisaxe. O que experimento é que o mundo de aí fora é unha extensión deste cárcere provisional e que, dalgunha maneira, como se dixo tantas veces en tantos libros, o cárcere vai crecendo dentro de min mesmo, lentamente, coa paciencia xeolóxica dos procesos inevitables.

Na orde da realidade real, o  goberno ven de propoñer hoxe mesmo a ampliación do Estado de Alarma dúas semanas máis ata o 26 de abril. Discutirán isto nun parlamento cheo de ocos esta semana que entra, pero parece claro que a cousa vai ir adiante. A dereita e a extrema dereita seguen no seu papel -único no mundo, para sorpresa dunha prensa estranxeira que non sei de que se sorprende-, unha instalada nunha especie de anoxo permanente porque-ninguén-nos-pregunta-nada e a outra inundando as redes sociais de mentiras e bulos a conta dos mortos e enfermos da epidemia, nunha calculada campaña de agit-prop na que un día piden un goberno de concentración e ao seguinte proclaman que expaña volveuse un réxime comunista (choro da risa con esta afirmación). A comunicación do goberno vai mellorando aos pouquiños, aínda que seguimos co ton de coach empresarial empeñado en elevar a moral dos empregados a base de frases motivacionais que tanto me amola. Queremos datos, mensaxes baseados en evidencias científicas, medidas económicas, laborais e sociais que sexan realmente anti-neoliberais (xa non pido nin sequera comunistas!) e que protexan ás clases subalternas e precarias. Queremos escoitar (e ver como se cumpre) que o custo da crise que se nos ven enriba non o paguen os de sempre, como xa sucedeu tras a crise de 2008 cando se recortaron todos os servizos fundamentais mentres se lles regalaban sesenta mi millóns de euros a uns bancos que xa avisaron que non ían devolver nin un céntimo. De calquera forma, aínda que critico os modos na comunicación deste goberno e algúns erros máis -a militarización da resposta a pandemia, por exemplo- considero que somos afortunados por non estar nesta situación baixo, por exemplo, un goberno PP-BOCS-Cs. Iso si sería a reostia, a película distópica que estamos a vivir convertida directamente nun filme de terror do xénero slasher. (Ai, que me dan calafríos so de pensalo)

------


Antonte comecei a ver "The Outsider" en HBO, a serie baseada no libro homónimo de Stephen King - e non demasiado ben recibido pola crítica-. Os temas tan habituais en King -a infancia perseguida e castigada polo horror, os adultos marcados por traxedias que non admiten consolación, o mal sobrenatural como residuo do mal feito polos homes, a propagación da devastación como unha epidemia- aparecen aquí con intelixencia e coidado. Gústame a posta en escena con todos eses marróns e verdes apagados que recollen -unha vez máis- a vida na urbanización suburbial norteamericana de clase media. Gústanme os planos xerais da vila coa súa morosidade, o tempo pausado que describe unhas existencias ao ralentí e os movementos de cámara a nivel de chan que van achegándose lentamente aos escenarios da trama. Nótase, en xeral, unha vontade autoral bastante clara, unha necesidade de marcar certas distancias (tampouco moitas, ollo) cos produtos audiovisuais mainstream. Aínda que se lle ven as fontes de inspiración con claridade -as pretensións metafísicas da primeira temporada de True Detective ou o ambiente de Castle Rock (outra serie baseada no universo Stephen King maltratada pola crítica e que a min encantoume), entre outras- o produto está ben feito. Non dá medo -nin creo que fora a súa intención- pero ten personaxes sólidos respaldados por grandes actores -encántame a Holly Gibney interpretada por Cynthia Erivo-, insertos nunha circunstancia enigmática e turbadora. Nesta ocasión non hai un grupo de rapaces heroicos ao seu pesar, e os adultos protagonista transmiten certa fatiga de vivir, un cansazo que ten menos que ver co metafísico e máis co existencial. Aínda que o mal protagonista desta serie suponse universal e adaptado ás distintas culturas do mundo, o guión parece suxerir que tal adaptación exitosa ás sociedades occidentais contemporáneas non é unha casualidade, como se as vidas que levamos e os seus contextos sociais, económicos e laborais, foran unha especie de humus hipervitaminado para a maldade que castiga aos protagonistas. Vou polo capítulo cinco. Mola.

Día 20 da corentena

Xornada simbólica (polo menos un pouquiño). Vinte días xa pechados na casa. Aquela curiosidade que sucedía en China a principios de marzo deixa hoxe en expaña a cifra de dez mil mortos e cento dez mil infectados. O paro disparouse en marzo en trescentas mil persoas (non se contan os ERTEados porque seguen a cotizar) e a afiliación á seguridade social disminuiu en oitocentas mil persoas. As cifras producen mareos e énchennos de preocupación. Nas redes sociais corren os rumores (os bulos?) referidos a que o rei vería con bos ollos un cambio de goberno forzado e que, en teoría, está en conversas coa cúpula militar expañola. O nerviosismo da dereita e especialmente da extrema dereita é brutal. A última ocorrencia destes é unha facherolada cada día ás nove horas (de momento levan dous días de sonoro silencio xeral) para pedir a dimisión de Pedro Sánchez e o seu goberno e a formación dun goberno de concentración (sempre as mesmas palabras cheirando a podre) con presencia, claro, de políticos de partidiños neo-fachas, satélites variados e, como non, o exército, institución que para esta peña trastornada recolle o mellor da condición humana. O panorama é inquietante, en especial porque o goberno tampouco acaba de facelo ben, con erros garrafais de comunicación e un estraño optimismo tras contar os mortos de cada día con frases en plan "todo apunta a que o peor está xa pasando porque a desaceleración no crecemento de casos indica que xa estamos no pico de contaxios e mortes". As críticas dos reaccionarios, dos nostálxicos do franquismo, da alt-right hispánica e dos amantes da economía neoliberal son tolísimas, en especial nas súas formas e nas súas demandas, pero no fondo da súa irracionalidade cargada de odio (previo ao estado de alarma no que estamos) hai algo de razón, en especial a sensación de que o goberno non está a levar con realismo a evolución da situación e que ás veces parece máis preocupado por transmitir unha imaxe de control que de ter o control real do que está a suceder.

Igual de preocupante é a presenza normalizada do exército nas rúas (que obsesión hai en expaña co rollito "uniforme+armas=ben", por favor), o cal está a dar lugar a fricións entre a garda civil e os militares porque os segundos van por libre (que sorpresón) e invádenlles as competencias aos primeiros. E o portavoz ese do estado maior que fala sempre nas rodas de prensa do goberno: que pinta ese home? Non forma parte do poder executivo, nin do lexislativo nin do xudicial, por que ten que falar de nada? Nos telediarios fanlles propaganda continuamente, en plan montan hospitais de campaña e historias así que logo resulta que tamén contan coa participación de bombeiros e centos de voluntarios (pero disto tes que enterarte por outras canles). Imos saír disto con unha normalizada militarización da vida cotiá que sigo a preguntarme se realmente era necesaria: non hai centos de miles de policías en expaña? non son eles o "exército interior" para conter aos enemigos "de dentro" do país? Lembremos que as lóxicas de funcionamento de este exército interior e do outro "exterior" son completamente diferentes. O exército "exterior" está para o estado de guerra, momento de excepción no cal suspéndese a lei básica ("non matar") en nome dunha circunstancia extraordinaria (o conflicto bélico con outro país). O exército "interior" está suxeito ao ordenamento xurídico, á normalidade da vida cotiá, con el temos suficiente. Escoito poucas voces preocupadas con este tema e é algo que me sorprende moitísimo.
 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.