Estás lendo

Día 48 da corentena

Estamos en "desescalada". O sábado poderemos saír un rato a estirar as pernas. A tratar de achegarnos de novo á nosa cidade/pobo como quen volta dunha longa viaxe. O primeiro que penso facer é abrazar unha árbore. Coma se fora un hippie ata arriba de ácido. Saturado do tacto das teclas do ordenador e da pantalla do móbil. Isto é bonito. A profecía cumpriuse: a forza de separarnos de todo, a tecnoloxía rematou por facer que queiramos separarnos dela mesma. Pasamos unha fronteira invisible. A nosa desconfianza mudou en fatiga. Non caben máis píxeles na nosa retina. Temos os dedos desgastados de frotalos coa pantalla do móbil. Precisamos unha desintoxicación tecnolóxica profunda que nos permita ter unha relación de uso con ela no lugar da colonización psíquica que leva practicado ela con nós nas dúas últimas décadas. Polo menos sacar iso en limpo da pandemia. As miles de horas traballando diante do ordenador. Os millóns de horas en videochamadas. Os billóns de horas vendo series nun binge watching interminable que semella aspirar a competir coa eternidade en duración. Todo ese tempo non só é tempo perdido. É tempo degradado. Afastado da vida e entregado ao culto á morte que conforman o traballo interminable, a comunicación sen contacto humano e o entretemento como adicción. A nosa vida nestes días sufriu unha erosión brutal en algo parecido á súa esencia. Non só polo peche en si mesmo -que tamén- senón pola entrega de nove décimas partes de cada segundo destes 48 días ao contacto íntimo coa tecnoloxía.

Mentres, fora das nosas casas, todo son presaxios de algo feo no ar. Somos colapsonautas e o futuro semella ser un tren ao que xa non imos poder subir. Quero abrazar unha árbore. Non son un hippie colocado. Ogallá.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.