Estás lendo

Día 41 da corentena

Comezo a ter unha fatiga inmensa cada vez que teño que facer unha videochamada. Ao principio facíame gracia, a novidade, ver á persoa que tiña enfronte, non so escoitala. Fixen moitas pero o meu período de lúa de mel coa tecnoloxía (sempre aborrecín o skype e máis dende que coñezo a intrahistoria deste servizo) rematou relativamente rápido. Probamos o zoom (máxima castaña a nivel seguridade), as videochamadas de wasapp (xa o estandar nas conversas familiares e coas nosas amizades), o jitsi (simpatizo mil con esta) e o servizo da xunta, o webex (xa que cumpre a GPDR e as autoridades a recomendan é a que usamos no chollo).

Pronto comecei a aburrirme das imaxes de baixa calidade, da sensación de irrealidade que me deixaban os minutos pasados falando así. Se ben o proceso de aburrimento comezou no ámbito do familiar, a hecatombe chegou coa súa aplicación ao traballo: reunións entre nós a dez, quince, vinte persoas. Gardando estritos turnos de palabra. Mirando para as ringleiras de cabeciñas mal iluminadas, con problemas co son, coa conexión, cos micros, coa cámara web. A presenza dos demais reducida a un puñado de píxeles (320x180 de media) para facer sitio a todo o mundo na pantalla do ordenador de xeito óptimo. O da resolución é unha lata pero, se o penso, case dame igual. A imaxe de alguén petrificado con cara de póker mirando para algún punto que non son os meus ollos dista bastante de ser ese alguén. Máis ben, un representante defectuoso, unha mala imitación, un dobre sempre irritante pola súa insuficiencia. Se as funcións da linguaxe son (grazas wikipedia) a referencial, representativa ou informativa, a expresiva ou emotiva, a apelativa ou conativa, a metalingüística, a poética ou estética e a fática ou relacional, a miña sensación é que nas videochamadas todas elas están perdidas agás a informativa. Hai unha transmisión de información e punto. É difícil conseguir algunha das demais (ou serei eu que son torpe, que tamén). O resultado é que aos cinco-dez minutos de reunión (se é no eido do laboral) ou de conversa (no familiar ou coas amizades) comezo a mirar o wasapp ou a facer algunha outra cousa que me importa so un pouquiño máis que a videochamada. Fáltame a persoa, o seu corpo, os matices dos seus movementos, mesmo o silencio parece diferente cando alguén cala en persoa que cando o fai a súa imaxe equivalente feita a base de sumar píxeles. Perdón pola expresión, pero a materialidade ausente dese outro que está aí converte ás videochamadas nunha especie de ouija sofisticada na cal os espectros son os vivos e esa comunicación espectral vólvese unha caricatura que me resulta insufrible. Quizais, cando volvamos á "realidade" "normal" e recuperemos os nosos niveis habituais de materialidade tornando as videoconferencias en excepcións curiosas, eu estea en condicións de tomalas con deportividade e asumilas como unha trangallada soportable. Mentres tanto, tócame facer o que fago sempre coa dimensión comunicativa da tecnoloxía: asumila de mala gaña, soportar os seus ditados e tratar de rematar as conversas o máis rápido posible. Prefiro as chamadas de teléfono clásicas. Aí non hai pantasmas fosforescentes. So a calidez dunha voz, a dozura das inflexións, os acenos coñecidos, a familiar musicalidade do interlocutor. Algo peor que unha conversa presencial pero bastante mellor que o espectáculo fantasmagórico ao que nos estamos acostumando a toda velocidade.

------


Onte comecei a ver DEVS, a serie (en HBO) de Alex Garland, o tipo detrás de marabillas como Ex Machina e de produtos semifallidos pero interesantes como Annihilation. Atopo en común con Ex Machina esa arquitectura minimalista e inhumana a base de cristal e hormigón que para moita xente é o sinónimo de "vivenda" e que semella ser un marcador de ambientes hostís á humanidade, así como un factor de exclusión de calquera posibilidade de ter relacións afectivas e calquera tipo de emoción humana. O ton grávido non presaxia nada bó (ai ese existencialismo tecno-distópico un pouco gastado xa), pero visualmente é deslumbrante. Como en moitos outros produtos semellantes parece que a imaxinación visual vai moi por diante da escritura. Agardo que a serie non se enrede demasiado en todas as tontadas sobre o determinismo que vai soltando un dos protagonistas (un pouco ridículo o recurso á formulación do determinismo causal de Laplace) e que o seu argumento sexa polo menos a metade de imaxinativo que a súa flipante posta en escea. Veremos.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.