Estás lendo

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018, un poema

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
-é unha mañá soleada de xuño
no barrio de Medina cerca de Seattle-

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
e dende a ventá do seu salón na rúa Evergreen Point
levanta a vista cara a casa de Bill Gates
 -o novo home máis rico do mundo pregúntase que se debe sentir sendo o anteriormente home máis rico do mundo-

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
ten unha taza na man na que se pode ler un "Amazon" case sen cor
-da primeira tanda de tazas, das de 1994, cando fundou unha compañía
chamada Cadabra,  que logo foi brevemente Relentless e finalmente
Amazon-

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
o café está frío na taza na que aínda non se ve o logo
co sorriso do A ao Z
e a luz do case verán de 2019 ilumina con tristura o salón inmenso da súa casa

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
e na casilla de RENDEMENTOS DO CAPITAL lé 11 200 000 000$
-nese momento lémbrase de que o ano anterior alí mesmo poñía: 5 600 000 000$
e sinte algo así como unha erección no ánimo
apenas unha agulla de excitación incontible-

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
e na casilla de GASTOS FISCALMENTE DEDUCIBLES lé 11 200 000 000$
-e sente o gosto metálico do frío do café pola súa gorxa no penúltimo grolo da mañá-

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
e na casilla de COTA RESULTANTE DA AUTOLIQUIDACIÓN lé 0$
e xusto debaixo RESULTADO DA DECLARACIÓN 0$
e sabe que o mundo está ben
e que sempre o estará

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
e durante unha centésima de segundo
pensa nos seus 613 300 empregados directos (datos de 2018)
e experimenta algo así como unha erección no ánimo
apenas unha agulla de excitación incontible


Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
levanta a vista lixeiramente
e así pode ver dende a ventá fronte á súa
a Bill Gates que saúda coa educación que se espera do segundo home máis rico do mundo

Jeff Bezos observa a súa declaración da renda 2018,
sorrí un segundo
enrruga o papel que estaba a ler
e alónxase a paso lixeiro polo seu salón inmenso escapando,
de que




Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.