A Terra aí abaixo
devorada polas temperaturas insoportables,
devorada pola contaminación/degradación/corrupción de todo o existente,
devorada pola desaparición de case todas as criaturas vivas que antes
a habitaban fermosa e discretamente,
devorada por eses 75 millóns de humanos ávidos do infinito e máis (ese 1% do que se fala todo o rato),
devorada por eses 7.5 millóns de humanos necesitados de 10 planetas cada un para poder seguir vivindo como ata agora (ese 0.1% do que sabemos algo menos)
devorada por eses 750000 humanos que querrían ter unha nave espacial na porta da casa para ir de vacacións á cara oculta da lúa ou para atoparse a si mesmos no Mar da Tranquilidade (ese 0.01% que case non existe publicamente nin forma parte das bases de datos máis traficadas por parte de google, amazon, meta, microsoft, apple, samsumg ou xiaomi)
devorada por eses 75000 humanos que querrían ter unha segunda residencia en Marte mentras compran todos os terreos que poden en Nova Zelanda, Noruega, Suecia ou Finlandia (ese 0.001% que aspira a ver o amencer en Xúpiter en directo, a vivir douscentos anos e a ter hoteis na atmosfera terrestre, condominios na superficie da Lúa, unha mansión en Marte baixo un domo xeodésico convintemente presurizado e osixenado e algún tipo de nave que poida desprazarse ao 1% da velocidade da luz nalgún momento)
devorada por eses 7500 humanos que se consideran semideuses a si mesmos (ese 0.0001% etc)
devorada por eses 750 humanos que so compiten contra o deus da creación (ese 0.00001% etc etc)
devorada por eses 75 humanos que (ese 0.000001% etc etc etc)
devorada por eses 7.5 humanos (ese 0.0000001%)
devorada por eses 7.5 humanos (ese 0.0000001%)
devorada por eses 7.5 humanos (ese 0.0000001%)
devorada por eses 7.5 humanos (ese 0.0000001%)
Esa Terra é o telón de fondo
para un bico apaixoado nun voo subespacial de quince minutos en gravidade cero
entre dous dos seres humanos que forman parte dese 0.0000001%,
un bico húmido de recoñecemento entre iguais
un bico que recolle o fin do tempo coñecido e o principio do que virá,
o anuncio da irreversibilidade da apocalipse
o son do derrumbamento de todo o que unha vez foi fermoso, amable e discreto
Tras ese bico sen palabras, collidos da man, mirando cara o espazo exterior, 3LN MSK e JFF BZS sorrín coa inxenuidade que dá o verdadeiro amor e pensan no exército de idiotas que os levou ata alá arriba,
o exército de tontos que está a agonizar tras eles
o exército de consumidores que pensaban que
o exército vencido da humanidade (case) ao completo
E tanto 3LN coma JFF pensan neles coma os humanos pensan nos años que van ao matadoiro,
unhas centésimas de segundo de peniña, outras décimas de segundo de compaixón, unha eternidade
de olvido
E tras o bico, collidos das mans, apuntando a marte cos ollos fixos na escuridade do espazo
nunha nube de serena ledicia inesgotable pensan en sincronía neuronal
"Somos a nova humanidade, o mellor do que queda dela
e temos dereito a todo
e nada vai impedir que o consigamos"
E dende unha Terra agónica con sabor a Marte, a 50 °C de temperatura media no 90% da súa superficie,
un sospiro de resignación e envexa percorre a mudez do espazo
dicindo ao tempo nunha onda tridimensional esférica
"nós, o 99,99999% querriamos ser vós"