E esta vez precisaba deixalo consignado.
Que non se me esqueza máis adiante que este ano rematou malia parecer que non ía rematar nunca.
Que non me se esqueza que o 31 de decembro de 2021 paseino ceando na UCI con todo apagado e Cris rodeada por unha constelación de luces vermellas e brancas e por varias pantallas fosforescentes con números que parpadeaban e por vías que entraban como serpes polos seus brazos e o seu pescozo mantendo a súa vida en pé pese a todo.
Que non se me esqueza que no cambio de 2021 a 2022, ás 00.00 horas, tiñamos os auriculares postos para compartir os tres minutos do "Luz" do noso querido Marco Maril mentras entre bágoas nos diciamos feliz 2022, imos saír disto, amor.
Que non se me esqueza que ás 00.10 do 1 de xaneiro de 2022 saín do hospital coas rúas aínda baleiras, no intervalo no que as celebracións comezan o proceso de trasladarse das casas ao exterior. Que percorrín o tramo que leva a casa dos meus pais co corazón encollido polo medo. Que sentín a beirarúa como unha masa branda que se agarraba aos meus pés. Que me deitei sen saber a hora, o día, o ano no que vivía. E que espertei en 2022 e todas as sensacións seguían alí conmigo.
Que non se me esqueza. Ou, quizais, que si.
😘💪🏻
Non se che vai esquecer. Forza!
Publicar un comentario