Estás lendo

O verdadeiro é un momento do falso

Agora que xa até Lucía Etxebarría cita a Guy Debord para os títulos das súas novelas, aproveito o tirón da campaña que veñen de facerlle os de Alfaguara á devandita escritora para facer unha breve reflexión sobre o máis divertido que teño visto en internet nas últimas 24 horas, a actuación do cantante John Cobra na gala de RTVE para elixir ao representante español no concurso coñecido como Eurovisión.

Acordemos que Eurovisión pasou nos últimos anos de estar integrada no sistema cultural como un evento kitsch a engrosar as filas do trash (o noxento, aquilo fronte ao cal o gusto estándar sente arrepío). Un trash mainstream que convirte o consolidado dentro da categoría "lixo cultural" en "evento masivo de certa calidade" (para quen?, pregunto eu), quitándolle no proceso aquilo que de non codificado ou crú podería ter. Dentro desta política televisiva de "viva o trash que nos dá audiencia" entra ademáis unha maniobra de suposta democratización na elección dos representantes patrios. O problema da democracia é que, claro, a xente vota o que lle dá a gana, fundamentalmente para facer dano cando se trata de casos coma este. Os filtros paterno-autoritarios encargáronse de corrixir no seu momento as aparicións do que sería o trash do trash (léase Karmele Marchante e similares) baixo escusas supostamente técnicas, coa intención de equilibrar o asumible trash mainstream (tipo OT) co máis indixerible trash saído das rúas ou dos platós televisivos. Neste último lote colóuselles aos organizadores de todo o acto o-cantante-coñecido-como-John-Cobra, representante daquilo que antes se denominaba lumpen e que agora podería ser considerado como bakala feito a si mesmo.

As esceas da gala televisiva son coñecidas: o público aubiando ao tipo durante a súa actuación mentras este, ante a mirada abafada da iron maiden showwoman Anne Igartiburu, soltaba "comedme todos la polla" varias veces ante unha audiencia que -presumo- estaba a morrer coa risa na súa casa.

O episodio revela como, no interior de algo profundamente falso -ese proceso supostamente democrático para elixir a un cantante nun espectáculo probablemente amañado que podería denominarse United Freak-Singers of the Ruined Europe- irrompe o inesperado, o non codificado, baixo unha forma inasumible para os hipócritas estándares do prime-time, montándose unha boa. Nese circo de falsedades e imposturas, no cal manéxanse con alegría termos como "calidade" ou "creatividade", de pronto, aparece algo verdadeiro, a ira espontánea dun dos freaks que vai de comparsa no momento de ser consciente de que os seus quince minutos de gloria chegaron ao seu fin. O que non son capaces de apreciar os avergoñados responsables do evento é o plus de veracidade que aporta o xesto do tal John Cobra ao seu show. Esta saída de guión, este movemento descontrolado do cantante valenciano, alumea siquera fugazmente unha veracidade da que, até ese momento, carecía todo o concurso.

Acostumados a que a televisión pública sexa un catálogo de poses escleróticas, unha permanente revisión costumbrista de tópicos audivisuais nos cales o rancio é celebrado como o verdadeiro e a cultura audiovisual máis casposa pretende pasar por ser o cumio da creación televisiva, o momento Cobra marca un instante de ruptura, un verdadeiro cortocircuito con esa herdanza insoportable coa cal carga a televisión pública española. En forma de vómito, claro, pero por algo se empeza.

Resulta sorprendente que, para todas as persoas para as cales os programas do corazón, os talk-shows de tarde ou as tertulias carroñeiras da noite son productos televisivos estandarizados, o acto Cobra resulte ser algo insoportable, cando as súas coordenadas estilísticas e mesmo formais están encadradas nas destes programas. O problema é que o tal Cobra é demasiado parecido ao seu público, é a imaxe insoportable do que ese público entendido como masa resulta ser. E, polo tanto, según dictan os cánones das boas maneiras só pode ser xulgado, encontrado culpable e expulsado do paraíso da celebridade televisiva masiva.

Buceando, sen embargo, en youtube, comprobo que o tipo, no fondo, aspira á respetabilidade, a formar parte do star system local coma sea. En especial, supoño, aspira a sentir a morna caricia dos cheques da SGAE chegando puntualmente á súa casa cada fin de mes:





Actualización
A verdade é que o tema non ten ningunha gracia. Desculpas pola frivolidade que desprende o texto anterior.



Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.