Estás lendo

Líderes políticos carismáticos contemporáneos


"Si me dejan fluir, seguiré siendo revolucionario"

O autor desta cita, na que poesía e épica entrelázanse con naturalidade, na que o establecido recoñece a súa débeda co novo nun proceso de pregnancia continuado, é Nacho Uriarte, dirixente da marca xuvenil do PP e ex-vocal da Comisión de Seguridade Vial no Congreso, cargo que ven de abandoar por ter sofrido un accidente de tráfico cando conducía de madrugada cunha borracheira considerable polas estradas madrileñas.

Esta conciencia de ser un revolucionario de dereitas é unha patoloxía moi do noso tempo (hai tempo, alguén diría que é unha enfermidade moderna) que, dunha forma que só pode ser considerada prodixiosa, toma corpo no accidente no que se veu envolto. Prescindindo do obvio -ese vocal de Seguridade Vial que se esnafra conducindo baixo os efectos do alcohol- hai que recoñecer ao tipo unha coherencia considerable coa opinión que ten de si mesmo. Ou ben, hai que recoñecerlle unha concentración especial no duro traballo de ser si mesmo. Simplificando: dende o meu punto de vista, Nacho Vidal, perdón Uriarte, é o equivalente político do xa célebre John Cobra, e, por riba, moito antes de que JC fose o coñecido JC.

Examinemos a entrevista que ligo aí arriba (El País, 29 de abril de 2009). Cun pasado de ex-estudiante de empresariais que se pasou ao Traballo Social e ao tenebroso mundo das ONG, barbado, dirty-pijo e cantautor, o home tiña todos os boletos para rematar no PSOE, competindo con Leire Pajín e luminarias polo estilo na renovación do partido. Pero, misteriosamente, o home tivo un rapto de lucidez e dixo, pero que estou facendo, se en realidade só se pode cambiar o mundo dende a dereita. Só os que teñen o poder poden facer cousas poderosas (cita non textual estraída do cerebro do tipo mediante un procedemento confidencial que non podo revelar) co cal rematou 1) levando unha pulseriña de Rajoy coas cores da bandeira española e 2) presidindo a rama xuvenil do partido popular. Di o artigo "Uriarte solía ir desaliñado, pero ya no tanto. Las camisetas han dado paso a camisas rosa de Ralph Lauren". É dicir: o político cantautor viu a luz. Para que ir de dirty-pijo puidendo ser pijo-pijo. Ocultaría a súa vea artística baixo o traxe de Armani, as súas preocupacións sociais baixo o saldo da VISA, e a súa barba, a súa barba acompañaríao sempre como testemuña da súa mocidade salvaxe. Dotado dunha clarividencia e penetración psicolóxica excepcionais ("Ángel Acebes siempre me ha parecido una persona de centro"), Uriarte é un home marcado por unha biografía na que o excepcional é algo cotián ("Hombre de misa de domingo, tiene un tío que fue misionero en Perú, lugar del que le trajo una caja peruana, parecida a la caja flamenca, y con la que Uriarte hizo sus primeros pinitos musicales").

Ao que ía, que me despisto. Con toda esa febre revolucionaria queimándolle por dentro, Uriarte tiña que amosar nalgún momento quen era realmente ("Es un hombre que necesita de sus momentos introspectivos, de estar solo en su despacho, dándoles vueltas a las cosas"). Entregado á dura tarefa de labrarse unha carreira política, sentía cada día a chamada do salvaxe. A caixa peruana do seu tío avisándoo para que deixara florecer a súa selva interior. Por iso, nun momento de lucidez total, cun par de JB´s de máis como combustible, subiuse ao seu automóbil nun claro xesto de rebelión-contra-si e contra o trazo establecido das cousas na súa vida. O resto é historia. O seu accidente equivale ao "comedme la polla" de John Cobra. O inesperado irrompendo con violencia no curso corrente dos seus días. A natureza en crú dun home que decidiu ser consecuente con si mesmo. O xesto, situado entre o chiste máis ridículo e o acto de afirmación máis sublime, eleva ao seu autor ao olimpo da xente realmente fiel a si mesma: "si me dejan fluir seguiré siendo un revolucionario".

Un detalle menor: malia a súa dimisión do chollo do tráfico, Uriarte conserva a súa acta de deputado. Xa saben, a morna caricia dos cheques do erario público chegando puntualmente á súa casa cada fin de mes. Vidas paralelas.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.