Un artigo no suplemento do domingo do diario el País: Suiza trata de devolver a Haití a fortuna dos Duvalier, a cal, tras anos inmobilizada nun dos seus profesionais e inodoros bancos (o diñeiro, non olet, que dicía Sánchez Ferlosio), está a piques de voltar aos seus donos
Esta fermosa acción por parte das autoridades helvéticas forma parte dun plan de lavado de cara que leva a cabo o actual executivo suizo dende fai varios anos (o artigo non especifica cantos). Aproximadamente mil millóns de euros foron devoltos aos habitantes dos países expoliados por gobernantes corruptos de todo tipo e lugar. É todo tan exemplar, tan ético, tan bonitiño, que case se me saltan as bágoas -de emoción e arrepentimento pola miña feas palabras do post anterior-, até que, claro, agochada entre as liñas do artigo unha frase inocente faime saltar correndo a abrir unha nova pestaña no navegador e preguntarlle algo a google. A frase di, "a pequena nación alpina segue a ser o destino dun tercio de todos os capitais offshore do mundo". Só en Europa, o monto destes capitais ascende a 800.000 millóns de dólares. Se Suiza recolle a terceira parte, iso significa uns 260.000 millóns de dólares (contando só os procedentes de Europa). Se desa cantidade levan devoltos 1.000 millóns iso da un 0,38%. Mola.
Está moi ben. Grazas a ese 0,38% (a ver se chegamos ao 0,7 que mola máis) Suiza limpa a súa cara. Os malos son castigados, os bós quedan tranquilos e os realmente malos (é dicir, aqueles dos que non temos nin noticia) seguen gardando cartos neses lugares marabillosos que son os bancos suizos, os templos do capitalismo global onde acontece a maxia moderna: o diñeiro, sen memoria, sae da lama do crime e incorpórase ao prístino río das finanzas internacionais (ai, que o outro tamén son finanzas).
(E mentras, todos nós, convencidos de que a crise é culpa dos ninjas e da construción e de Zp, distraídos con toda a máquina de fume mediática, persistimos en obviar que o que está mal, profundamente mal, é o sistema. Ese que empeza nunha factoría chinesa (con 10000000000 de traballadores facendo calqueira cousa por un euro ao día en xornadas de 12 horas) e remata no lineal dunha gran superficie cunha persoa asombrada de pouco que custan as cousas e que, malia a crise, aínda imos tirando. E por moitos anos.)
Viva o mal, viva o capital, claro.
Publicar un comentario