Estás lendo

análise pos-eleccións: a volta á orde
Dicía Alan Badiou nun post anterior que a política -para el- era "a acción colectiva organizada, conforme a certos principios, que intenta desenvolver no real as consecuencias dunha nova posibilidade que se atopa rexeitada polo estado de cosas dominante". As eleccións ás que acabamos de asistir supoñen un golpe brutal a esa "posibilidade rexeitada polo estado de cousas dominante". Porque non hai definición mellor para a tímida alternativa que xurdira na última lexislatura en Galicia tras os vinte (sesenta en realidade) anos de dominación da dereita en Galicia. Un vello axioma político di que a dereita prefire a inxustiza ao desorde. E a sensación que teño e que, da man dun xornal de por acá (que curiosamente se di "de Galicia") e dalgúns medios de por alá (todos os que están pensando), creouse unha especie de sensación colectiva de que estaba acontecendo un gran desorde: unha foto nun iate de fai cinco anos, unha anécdota noxenta cun bus de xubilados en Baiona -que debería ter suposto a dimisión do tipo que organizaba os mítines do bloque-, unha polémica liliputiense en torno ao automóbil do presidente e o ruido mediático deses falsos mártires da nova dereita agrupados en torno a Galicia bilingüe foron suficientes para transmitir esa suposta sensación de desorde a unha cidadanía que -agora o teño claro- cre que as cousas deben cambiar o xusto para que parezca que cambian -non máis-, e que os que mandaron toda a vida son os que deben seguir mandando.

Políticamente, o "cambio" electoral é un desastre. A involución que vai vir en materia de urbanismo, defensa da nosa paisaxe, servicios sociais, promoción do galego, medioambiente, I+D+i, cultura ou educacion vai a situarnos nos anos finais do século xx. Iso, malia todo, creo que podería soportalo, e, en certo sentido, ata é bó para que certos sectores paralizados da esquerda patria collan e se levanten dunha vez.

Democráticamente, o "cambio" electoral é unha catástrofe. Esa idea fundacional da democracia como lugar baleiro (a imaxe grega dese ágora esperando a ser ocupado temporalmente) que non pertence a ninguén nin é propiedade de ningún axente político, social ou relixioso, que é problemático, suxeito a discusión permanente e inestable reventa por completo con esta volta do pp ao poder. E reventa porque eles consideránse os ocupantes naturais dese espazo baleiro. As celebracións dos militantes e simpatizantes do partido son transparentes: as de alguén que está recuperando algo que lle corresponde por dereito e que perdera de forma incomprensible. A dereita (a galega e a española), pola súa orixe política e social considera que o seu papel é mandar, ter o poder. Hai xente que nace para mandar e outra que non. E esta volta democrática daqueles que se cren os propietarios naturais do poder (o político, claro, o outro xa é seu dende fai moito) é, polo tanto, unha traxedia. Todo ese exército de "fillos de", "irmáns de", "sobriños de", "amigos de", educados e crecidos no seo das familias que medraron á beira do franquismo e que permaneceron intocables tras a transición, voltan a onde cren que lles corresponde. Ao sitio natural "da xente de ben", daqueles que cren no "bilingüismo harmónico", deses que opinan que o importante é ser "serios" e falar das cousas "que lle preocupan ao cidadán da pé". A súa concepción da cidadanía é a que ten un pastor coas súas ovellas. A da política, a de quen está convencido de ser o dono natural de todo. A do poder, unha maraña de favores e redes clientelares que se alimentan mutuamente.

Isto é o que hai. Este é o non-país no que vivimos.
Benvidos a 1980, again.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.