Veño de ver "Guns of the trees", a primeira peli de Jonas Mekas (aquí o meu ladrillo correspondente -en castelán, a lingua oficial do país filmaffinity- sobre ela). Entre as imaxes escóitase de cando en vez a Allen Ginsberg declamando os versos de "sutra de xirasol". Buscando un pouquiño atopei esta fermosa versión en galego de parte do poema no blog mylece en Galícia (con til no i), que copio e pego aquí coa esperanza de non estar infrinxindo ningún dereito de autoría ou algo semellante. A parte que poño entre dúas liñas horizontais cara ao final non aparecía no devandito blog e tiven que apañar como puiden unha translación (máis que unha tradución) dende a versión en castelán mentres botaba un ollo á versión orixinal. Que movida, como fan os profesionais da traducción para pasar a poesía dunha lingua a outra???
SUTRA DE XIRASOL
Camiñei polas beiras do peirao de lata e banana e sentei so á enorme sombra dunha locomotora da Southern Pacific para mirar o solpor encol dos cómaros con casas coma caixas e a chorar.
Jack Kerouac sentou ao meu carón nun poste de ferro estragado e oxidado, compañeiro, pensamos igual verbo da alma, desertos e angustiados e co ollar triste, cercados polas raíces nodosas de aceiro de árbores de maquinaria.
A agua aceitosa do río reflectiu o ceo vermello, o sol afundiu nos cumios finais de Frisco, non hai peixes nese regato, non hai ermitán neses montes, soamente nós propios con ollos reumáticos e resaca coma vellos nugalláns na ribeira do río, cansos e agudos.
Mira o xirasol, dixo, había unha sombra gris e morta contra o ceo, grande coma un home, sentada no cimo dunha morea de serraduras derramadas--
--Rubín encantado--foi o meu primeiro xirasol, lembranzas de Blake--as miñas visións--Harlem
e Infernos dos ríos Orientais, pontes renxendo Sandwiches Graxentos de Joe, carriolas de bebé mortas, pneumáticos negros e sen debuxo esquecidos e sen recauchutar, o poema da ribeira, condóns & potas, coitelos de aceiro, nada inmaculado, unicamente o estrume húmido e os artefactos de coitelas aguzadas indo cara ao ceo pasado---
e o Xirasol gris arrandeado contra o solpor, crebadizo deserto e poeirento co charrizo e a brétema poluída e fume de locomotoras vellas no seu ollo--
corola de lagañentas pugas dobradas e rotas como unha coroa mallada, sementes caídas fóra da súa face, boca a-piques-de-ficar-sen-dentes de aire asollado, raxeiras obliteradas encol da súa cabeza peluda como unha enxoita arañeira de arame,
follas saíntes coma brazos saíndo do talo, acenos da raíz de serraduras, anacos rotos de xeso caídos dos garabullos negros, unha mosca morta na súa orella,
Impía mallada e vella cousa fuches, meu xirasol Oh miña alma, ameite daquela!
A roña non era roña de home senón morte e locomotoras humanas,
--------------------------------
todo aquel traxe de po, aquel velo de escurecida pel de vía férrea, aquela polución da meixela, aquela pálpebra de negra miseria, aquela enfeluxada man ou falo ou protuberancia de algo artificial peor co lixo — industrial — moderno— toda aquela civilización pintando a túa delirante áurea coroa —
e aqueles desolados pensamentos de morte e poeirentos ollos sen amor e extremos e raíces resecas debaixo, no amontoamento- fogar de area e serradura, billetes de goma de a dólar, pelexas de maquinaria, as tripas e entrañas do saloucante e doente automóbil, as valeiras e solitarias latas coas súas oxidadas linguas ai!, que máis podería eu citar, as afumadas cinzas dalgún cigarro pene, as conas das carretillas e os leitosos peitos dos automóbiles, cus desgastados de cadeiras & esfínteres de dínamos — todos estes
enredados entre as túas momificadas raíces — e ti aí erguido ante min no solpor, toda a túa gloria na túa forma!
Unha perfecta mostra de beleza de xirasol! Unha perfecta excelente adorable existencia de xirasol! Un doce ollo natural para a nova lúa enrolada espertou vivo e excitado aferrando nas sombras do ocaso a mensual brisa dourada do abrente!
Cantas moscas zoaron ao teu arredor inocentes do teu lixo, mentres maldicías aos ceos do ferrocarril e da túa alma de flor?
Pobre flor morta? Cando esqueciches que eras una flor? Cando miraches a túa pel e decidiches que eras unha sucia e vella locomotora impotente? A pantasma dunha locomotora? O espectro e a sombra dunha outrora poderosa e demente locomotora americana?
Xamais fuches unha locomotora, Xirasol, fuches un xirasol!
E ti locomotora, ti es unha locomotora, non esquezas o que che digo!
De modo que arrinquei o xirasol fraco como un esqueleto e suxeiteino ao meu costado coma un cetro,
e entoo o meu sermón fronte á miña alma, e tamén fronte á de Jack, e á de quenquera que desexe ouvilo,
---------------------------------------
--Non somos a nosa pel cotrosa, non somos a nosa terríbel crúa e poeirenta locomotora sen imaxe, todos somos por dentro xirasoles belos e dourados, estamos benditos pola nosa propia semente & dourados peludos espidos cohibidos--corpus medrando dentro de loucos pretos cerimoniosos xirasoles no solpor, asexados polos nosos ollos so a sombra da locomotora tola solpor na ribeira en Frisco visión esgrevia de latas na tardiña sentados.
Allen Ginsberg, Berkely 1955
Publicar un comentario