Arquivos

Eric Vuillard, El Orden del Día



La guerra había resultado rentable. Bayer utilizó mano de obra procedente de Mauthausen. BMW reclutaba en Dachau, en Papenburg, en Sachsenhausen, en Natzweiler-Struthof y en Buchenwald. Daimler en Schirmeck. IG Farben en Dora-Mittelbau, en Gross-Rosen, en Sachsenhausen, en Buchenwald, en Ravesnbrück, en Dachau, en Mauthausen y explotaba una gigantesca fábrica en Austchwitz: IG Austchwitz, que de un modo totalmente impúdico figura con ese nombre en el organigrama de la firma. Agfa reclutaba en Dachau. Shell en Neuengamme. Schneider en Buchenwald, en Flossenbürg, en Neuengamme, en Gross-Rosen y en Auschwitz. Todo el mundo se había abalanzado sobre una mano de obra tan barata.

Resaca post-electoral

Como era previsible, o alcalde de Vigo voltou gañar as eleccións municipais. Cen mil votos, case o 70% do voto rexistrado (participación do 65%, o que fai que o seu resultado corresponda practicamente ao 45,5% do censo total), e a sensación de que enfronte non hai nin a curto nin no medio prazo nada capaz de facerlle sequera un pouco de sombra.

Estamos ante o triunfo aplastante da clase media orgullosa de ser viguesa. Do provincianismo cultural. Do kitsch como vector de intervención pública no deseño urbano. Do espectáculo entendido como lexitimación estética da política. Da ausencia da participación cidadá na toma de decisións no goberno da nosa vila. Da disolución de calquera conflito de clase na celebración confusa dende o poder municipal dunha identidade vaporosa sostida por eslogans como "vivimos nunha cidade fermosa" ou o mantra "viva Vigo". Dos intentos continuos por converter á cidade nun destino turístico a calquera prezo. Da política entendida como asfaltado de rúas, axardinamento e iluminación de nadal como todo horizonte de benestar cidadán. Do abandono das políticas sociais mediante a externalización de gran parte dos servizos a mans de grandes empresas do sector. Do apoio decidido á aposta institucional pola tercerización da actividade económica combinado cun laissez-faire totalmente entreguista cara as grandes empresas establecidas na cidade

Esta vitoria equivale á celebración do triunfo asoballante do-que-hai, da aceptación xubilosa por parte das elites institucionais locais da trituradora neoliberal e dos modos de vida adaptados a tal maquinaria socioeconómica. Combinado, por suposto, co característico verniz progre do "socialismo" hispánico: unhas pingas de feminismo light consensual, outro pouco de reivindicacións LGTBI ma non troppo e a vixilancia continua das rúas para evitar que estas se convirtan en escenario de conflitos graves ou de reivindicacións que non sexan as que se fan estritamente ante o governo da actual Xunta de Galicia. A deriva case peronista deste alcalde evidencia, por riba de todo, a imposibilidade de desmarcarse do marco do posible. A comunión entre poboación e rexedor fala do conservadurismo temeroso do momento -de aí ese voto masivo procedente dos sectores máis próximos á dereita tradicional- e de como este está instalado nos habitantes de Vigo (aínda que non so aquí, claro). Nada de riscos en ningunha fronte, nada de disidencias ante o-que-hai. Recoñezamos, neste momento lamentable, a capacidade do alcalde para entender a psicoloxía da xente no que se refire ás súas aspiracións colectivas e darlles saída dende o poder. Papá alcalde sabe o que queren os seus fillos-cidadáns.

Así pois, entreguémonos sen complexos ao manual de instrucións que regula a vida no conxunto deste occidente hipercapitalista (isto xa o facemos sos perfectamente). Isto é Vigo. Disfrutemos e poñámonos guapos para facernos unha selfie diante do dinoseto ou no interior da árbore de nadal. Corramos a holy run entre nubes de cores mentras nos sentimos supersolidarios. Disfracémonos para a "festa" da Reconquista. Riámonos moito co inglés e os bailes do noso alcalde rodeados de logos do concello por todas partes. Que este proxecto institucional de cidade sirva para sentirnos parte vagamente do noso destino colectivo. Sexamos participantes deste feixe de rituais planeados para desactivarnos política e socialmente pola vía do hedonismo espectacular.

Total, que importa nada.

Eleccións municipais 2019

O vindeiro domingo 26 hai eleccións municipais (e europeas, pero iso é outro tema, máis deprimente). Na miña cidade, Vigo, será a ocasión para que o actual alcalde, Abel Caballero, acade unha maioría absolutísima, refrendando así a súa forma de entender a política: decimonónica no fondo e profundamente posmoderna nas formas.

O esquema base do seu éxito consiste principalmente na combinación de cesarismo de cara amable e espectáculo autoparódico. O noso rexedor practica unha variante contemporánea da gobernanza consistente en a) ter un control case absoluto de todos os resortes que dan soporte ao poder (principalmente o control dos medios de comunicación locais e a desactivación de calquera disidencia interna organizada) e, b) caricaturizarse de forma habitual no exercicio de tal poder absoluto. Esta estratexia calculada remite a outro dos alcaldes máis tristemente célebres da historia recente da Galiza, o Paco Vázquez que gobernou de forma semellante a cidade da Coruña entre os anos oitenta do século pasado e a primeira década deste. O culto á personalidade aparece aquí como eixe central de ambas formas de entender a política. Pero, se no caso de Paco Vázquez este culto encaixaba dentro dunha modalidade digamos "moderna" de entender o papel dunha figura pública -dunha autoridade-,  no caso de Abel Caballero articúlase arredor do autoparódico e do bufonesco, ambos, hoxe en día, marcadores de "autenticidade", o cal ven sendo a maneira contemporánea de designar o "verdadeiro".

O triunfo abraiante dun personaxe destas características é sintomático da deriva colectiva de toda unha vila. Máis alá de políticas e actuacións concretas, o salientable destas tres lexislaturas -e da cuarta que xa se albisca-, é a concepción do político que comparten gobernante e gobernados. Unha réplica institucional do papel tradicional do pai de familia (o soberano schimttiano): unha figura que sabe o que é bó para os fillos/cidadáns, os cales, menores de idade permanentes, precisan dunha autoridade, dunha tutela, que os conduza sen preocuparse polas súas opinións. Abel Caballero ven sendo ese pai autoritario posmoderno que, simultaneamente, goberna a vila coma se fora unha cidade-estado renacentista, mentras non ten problema en concitar a risa allea a partir da súa autodenigración pública. A democracia só ten sentido, neste esquema, como mecanismo lexitimador cada catro anos da súa tarefa cesarista. Tras a máscara bufonesca e a cara amable do político hiperubicuo que sempre-saúda-aos-veciños late, pois, unha pulsión autoritaria que se manifesta en todos os frentes do seu goberno e que non é máis que a marca xeracional de certa clase política hispánica educada nas turbias augas da transición "á democracia" dos setenta do século XX.

Sumemos a esta concepción local o contexto económico actual. Con todas as cidades do planeta competindo por ser marcas globais capaces de posicionarse nun mercado mundial no que so se aceptan poxas á baixa (no fiscal, no laboral e no social), o goberno dunha vila mediana-tendendo-a-pequena nun recuncho na periferia da periferia europea está obrigado a botar man de recursos mercadotécnicos agresivos para posicionarse con claridade. Desbotada a opción complicada -destacar por ser modelo de goberno realmente democrático e apostar por plantarse fronte ás lóxicas neoliberais dominantes- so queda xogar a partida do espectáculo. E aí está o punto forte deste alcalde. Shows a conta da iluminación de nadal, carreiras multitudinarias cheas de cores, monumentos públicos vocacionalmente kitschs, millóns de euros invertidos en promoción turística da cidade, apelacións constantes a ese sentimento chamado "viguismo", enfrontamentos coa Xunta de Galicia a propósito da conspiración desta contra a cidade, postas en escea valleinclanescas de calquera evento que teña lugar e proclamas constantes de que esta modesta vila galega xoga na champions das megalópoles planetarias. O repertorio é inagotable. E a sintonía cos tempos é absoluta. De aí o apoio xeral dunha cidade antaño referente das loitas obreiras e hoxe orgulloso estandarte dos modos de vida desa entidade semificticia que coñecemos como "clase media".

Así pois, o noso alcalde, político e economista mediocre, showman sen control dos seus propios recursos e gobernante con ínfulas cesaristas sabe perfectamente que a súa é unha cidade na cal a suposta pertenza dos seus habitantes á "clase media" é xa un elemento identitario troncal, e, polo tanto, todos os seus esforzos están orientados a alimentar ese mito, a confirmalo de forma continuada, a reafirmar unha pertenza que ninguén parece disposto a cuestionar. Mentras o show funcione así de ben engrasado todo seguirá igual. Polo tanto a única opción que lles queda ás forzas da oposición -de esquerdas e galeguistas, claro- será comezar a pensar o post-abelismo. Ese momento dentro de catro ou oito anos no cal o baleiro que vai deixar a figura do actual rexedor debería permitir un cambio substancial. Para iso cumprirá erosionar o modelo dominante dende abaixo, presentando á cidadanía a contraface desta maneira de gobernar, as posibilidades que outra política antagónica da actual pode ofrecer aos cidadáns, tanto no plano simbólico como no material. A tarefa é inmensa. Desmontar o imaxinario imperante vinculado ás lóxicas neoliberais e do espectáculo semella ser unha cuestión máis que complicada. Así que, imaxino, haberá que poñerse mans a obra, aunar forzas, trazar estratexias e alianzas, e enfrontar as necesidades habituais. Estas, tan complexas e esgotadoras que fan das esquerdas protagonistas permanentes do contemporáneo mito de Sísifo no que estamos atrancados dende fai tanto.
 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.