Estás lendo

flash
Paseando polas rúas de Granada fai un par de días atopei unha praza adicada ao poeta Luis Rosales na cal figuran os últimos versos do seu poema "autobiografía":

así he vivido yo con una vaga prudencia de
caballo de cartón en el baño,
sabiendo que jamás me he equivocado en nada,
sino en las cosas que yo más quería.

É sorprendente ler algo así en plena rúa, a escasos metros dos anuncios dos móbiles e das fotografías semiporno dalgúns perfumes que inundan todas as rúas de todas as cidades do mundo. Rosales foi un dos escasos poetas falanxistas da época previa á Guerra Civil. O seu irmán entregou a Lorca, refuxiado na casa dos Rosales pensando que alí estaria seguro dado que se coñecían de toda a vida. Era católico, conservador e tradicionalista. A súa figura aparece coma o negativo case exacto de Lorca. Lendo os dous últimos versos do poema un non sabe que pensar. Hai unha intersección estraña entre o privado e o público, entre o psicolóxico e o sociolóxico en toda vida que non somos quen de desvelar. Actos doutras persoas chegan a formar parte de nós de xeito misterioso mentras case todo o que facemos nós mesmos remata por resultarnos completamente alleo. Para min eses dous versos teñen algo que ver co affaire de Lorca. Se eu fóra Rosales pasaría o resto da miña vida teimando con ese momento no que o amigo poeta confiado na miña casa familiar descobre de súpeto que foi traizoado por aqueles nos que confiaba plenamente. Sen ter que enfrontarse a cuestións de tanto peso, un non pode evitar pensar nas veces nas que a súa vida queda dirixida por algún tipo de acto de traizón. Deses que deixan un cráter, dos que marcan unha liña clara na que se pode ler "antes" e "despois" nos seus dous lados. Jamás me he equivocado en nada, sino en las cosas que yo más quería.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.