Estás lendo

antonio altarriba + kim, el arte de volar



Nunha entrevista recente a Belén Gopegui na revista "La Dinamo", esta viña a dicir que a súa literatura, en realidade, non tiña mérito algún, porque, si acaso, o que ela puña en xogo cando escribía era o seu nome, o seu prestixio como escritora, a súa reputación ou calqueira outro concepto gasoso do estilo. A loita verdadeira, dicía, ten lugar cando un pon en xogo o seu corpo, a súa vida. Iso é todo o que conta e o demáis son caralladas, xogos de salón, divertimentos incluso. Non puiden deixar de lado estas afirmacións mentras lía este cómic, a crónica da vida dun campesiño aragonés que nace e pasa a súa infancia asfixiado pola miseria e a brutalidade das condicións de vida no campo nos últimos anos vinte e principios dos trinta, entra en contacto coas condicións salvaxes da vida dos obreiros na Zaragoza dos anos trinta, loita do lado republicano durante a guerra civil, refúxiase na Francia anterior á II Guerra Mundial, loita contra os nazis e volta, desarraigado, derrotado e afundido á negrísima España do franquismo.

A súa derrota absoluta conmove profundamente. A súa vida posta en xogo continuamente defendendo a vida que el e moitos como el consideraban xusta avergóñanos a todos os vividores acomodados que estamos onde estamos como consecuencia dun mero chou histórico, non como responsables do noso destino nin da nosa loita. Nós, os que disfrutamos do confort material, do morno atontamento de quen non loitou por nada do que ten, do luxo de adicarse ao escapismo que posibilita a industria cultural dámonos conta da fatuidade da nosa existencia gracias a historias coma esta. O relato, afortunado cruce de drama persoal e traxedia histórica, consegue algo pouco frecuente, chegar ata ideoloxía a través da emoción. Recomendo con todas as miñas forzas a lectura deste cómic. Porque os Antonios Altarribas que perderon todas as batallas nas que loitaron merecen, como mínimo, a honra da lembranza. Aínda que sexa a duns miserables coma nós. Coma min. Coma ti.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.