Unha nota sobre "the wire"


Ciertamente, The Wire no versa sobre lo que ha sido rescatado o ensalzado en Estados Unidos. Versa, antes bien, sobre esa porción de nuestro país que hemos desechado, y sobre el coste que ha tenido para nuestra psique nacional el hacer eso. Es, en sus temáticas más amplias, una serie de televisión sobre la política y la sociología, y, a costa de aburrir a los telespectadores con esta noción, sobre la macroeconomía. Y es, francamente, una serie cabreada, pero con un cabreo completamente sincero.

(David Simon, na introdución de "The Wire. 10 dosis de la mejor serie de la televisión")


Encántame o concepto: the wire é unha serie cabreada con un cabreo completamente sinceiro. Moitos dos cabreos que percibo ao arredor son bastante de pose. Algúns case de deseño. Os cabreos verdadeiros andan agochados, recocéndose nun lume lento e baixo, difundindo a súa onda expansiva nos ámbitos da intimidade e do familiar. Eses cabreos privados deberían dar o salto ao ámbito do público, articularse a través dalgunha estrutura existente ou ben crear as condicións para alumear unha nova (poñámonos deleuzianos: o novo só pode xurdir da repetición do mesmo).

Estrañamente, os cabreos sinceiros son invisibeis frente aos cabreos de pose. Estes ultimos, de forma intencionada, marcan a axenda da actualidade. Son o falso fume co que se trata de agochar os verdaderos lumes.

Cabrearse e facer algo con ese cabreo. A cousa vai diso. Case nada.

Cuestións morais

A revista "retranca", dirixida por Kiko da Silva é a única revista satírica galega que existe na actualidade. Froito do esforzo de varios amigos, sae con certa periodicidade facendo burla dos "grandes temas" da actualidade galega. No seu último número elixen como excusa para a portada a visita do Papa-nazi-na-súa-mocidade (aka Bieto XVI) para tratar de facer que os seus lectores boten unhas risas. Cal é a súa sorpresa cando a imprenta de Murcia -Jiménez Godoy- coa que tiñan contratada a edición négase a entregarlles os exemplares acordados baixo contrato e xa impresos por "motivos morais". A nova non tarda en chegar á prensa "seria". Nalgúns sitios fálase de censura e secuestro, noutros de incumprimento de contrato e cousas polo estilo. Máis aló das cuestións comerciais, sorprende o fondo do asunto: o impresor, que se proclama católico na entrevista que lle fan no diario Público, xustifica que a súa moral impídelle a difusión da revista.


E claro, un non pode evitar preguntarse: publicar uns chistes contra o Papa é inmoral, pero secuestrar unha publicación, é un acto de afirmación de superioridade moral? O humor, é entón terreo propicio para a inmoralidade? Deberían prohibirse as revistas de humor ou só as que se rin do Papa?

Ai, que vivimos un país que cada día mola mogollón de máis.

Dende a resignación

Resignación é unha palabra fea. Remite aos mártires cristiáns morrendo na area do circo romano mirando para o ceo, aos estudantes pouco aplicados ante exames imposibles, ou aos asalariados con nómina observando a desactualización das súas rendas do traballo.

Buscando por internet algo de información sobre ela, atopo, nunha desas páxinas que louvan a figura de xente coma o papa-nazi-cando-era-novo esta sorprendente (para un lego) revelación:

En su origen etimológico resignación tenía un sentido contrario al que se le asigna hoy. Proviene del latín resignare: romper el sello que cierra algo. Volver a signar. Desde aquí fue evolucionando, o mejor, tergiversándose hasta la connotación actual de impotencia, abandono y sometimiento ante la adversidad que se vive.

"Romper el sello que cierra algo"

Un non pode romper sellos que pechan algo dende o sofá da súa casa cun portatil enriba das pernas (e a tele posta). Tampouco o pode facer dende o ordenador do seu traballo navegando por internet na busca de causas clicables. Nin siquera -esforzo supremo- enviando centos de mails con powerpoints sobre a deforestación da selva amazónica, a explotación infantil no sudeste asiático ou a evolución das temperaturas na superficie terrestre nos últimos 150 anos. Por suposto, menos aún escribindo nun blog, claro, iso sobreenténdese no apartado un.

Hai unha relación directa entre a navegación por internet e a resignación na súa acepción contemporánea. O mundo real -sexa o que sexa iso, pero principalmente todo o que non está mediado por algunha clase de interfaz-, prefigurado por estruturas que nos resultan inasequibles na súa totalidade, vé con bós ollos a nosa resignación e as súas ciber-consecuencias: cando un acaba esgotado de tanto clicar sinte que se liberou de algo que lle estaba proendo por dentro. Os restos da carraxe que un leva aínda consigo esvaecen despois dunha xornada de ciberactivismo intensivo. Mesmo escrbindo unhas liñas botando raios un séntese máis lixeiro, menos pringado coa merda que desprenden as súas contradicións vitais. Por iso os que deseñan o mundo real ven con bós ollos internet. É unha ferramenta estupenda para chamarlle: comunicación ao autismo compartido, coñecemento ás interminabeis series de datos e de opinións sen coherencia ningunha, relacións ao intercambio de cadeas de texto intrascendente e socialización ao acto de finxir que nos interesan as emocións e sentimentos dos demais cando só nos preocupan realmente as nosas propias cuitas. Dalgunha forma, nada que non houbera xa na era pre-internet, só que agora elevado á enésima potencia de forma abraiante.

Eu, que vivo resignado dende fai tempo -na acepción contemporánea da palabra-, quixera resignarme no sentido clásico. Romper o sello que pecha algo. Sei cal é o sello e teño unha intuición sobre o algo. Só preciso achar as forzas para enfocalas no punto axeitado. Tamén teño fantasías nas que borro a miña conta do facebook, a do twitter, o meu tumblr, o flickr e non sei cantas mamonadas máis coas que perdía o tempo activamente no momento de rexistrarme nelas para despois ir deixándoas de lado por simple aburrimento. O problema é que toda esa trangallada -xunto con este blog- distráeme do feito de pensar en serio sobre que son e que fago coa miña vida. E eu son moito de distraerse. Quizais demasiado. Pero á miña idade, e sabendo en carne propia que si, que a vida ía en serio, pode ser un bó momento para dicirse, xa me distraín de máis.

En fin, coma sempre, xa non sei de que estaba falando. Ah, si. De min. Que novidade.

Síntomas


400 exparamilitares serbios arrasan Génova coa escusa dun partido de fútbol entre as seleccións de Italia e Serbia. O líder da banda de anormais chámase Ivan Bogdanov, e foi recoñecido pola policía italiana grazas aos discretos tatuaxes que exhibía encaramado cal mono de feira a un dos valados do estadio Luigi Ferraris.

(Ademáis de anormal, competindo cos simios superiores en estratexia)

Así é a nosa querida Europa.

Mentres Sarkozy deporta xitanos rumanos fóra de Francia, nun episodio que lembra vellos momentos máis escuros da nosa historia recente -e recibindo por elo simplemente algunha palabra de disconformidade no parlamento europeo-, 400 simios tarados nostálxicos dos seus tempos de gloria homicida adicados á limpeza étnica en Bosnia pasean -arrúando todo o que se lles pon por diante- impunemente polas rúas dunha cidade europea camuflados de afeccionados ao fútbol.

As autoridades serbias e italianas discuten sobre quen ten a culpa. Obviamente, ambas. O que non se entende é porqué esa policía italiana que cargaba con alegría e motivación alá polo 2001 nas manifestacións antiglobalización que tiveron lugar durante o cumio de G8 e que remataron coa morte dun rapaz de 23 anos, permanecía agochada esperando a que os simios tarados homicidas rematasen de arrasar con todo (uhm, vale, quizais non foi exactamente así) .

Ah si. Exparamilitares descerebrados con tatús ata na punta do pijo. Estes son dos nosos, non coma os xitanos, que son lixo. Que máis dá que un día desfasen un pouquiño. Teñen que divertirse, os pobriños.

Europa, Europa.

Non é "o planeta dos simios, viaxe ao campo de fútbol", pero ten un aire:

No direction home

Hai unha estrañeza fundamental en cumprir anos: parece algo que lle está a pasar a outro. Esa discordancia entre que é un e como se ve a si mesmo tería gracia se non fora un pesadelo de cando en vez. Ás veces penso que todo vai de acostumbrarse a vivir coma se un fóra varios. Ou mellor, coma se un non fora ninguén, ou coma se fora alguén e ese alguén fora unha construcción fantasmagórica. Estou a ler algunhas cousas de psicoanálise e só o dialecto dos tipos é moi gracioso. Claro, xa sabía algunhas cousas grazas a Zizek e esa insistencia súa na tríada Real-Simbólico-Imaxinario e o gran Outro e o discurso do amo e o petit-object-a e o suplemento obsceno da realidade.

Ultimamente síntome a gusto coas miñas lecturas de J.A. Miller, en especial cando di cousas como:

La idea de Lacan era que uno se vuelve analista porque no puede hacer otra cosa, que eso vale cuando es una elección forzada, es decir cuando se ha dado la vuelta por otros discursos y se ha vuelto a él, se ha vuelto a ese punto donde todos los otros discursos aparecen como desfallecientes, y que uno solo se arroja en el discurso del analista porque no puede hacer otra cosa. Es algo muy diferente de un cursus honorum, es muy diferente que franquear etapas de un gradus. Es: a falta de algo mejor. Es: a falta de tener las ilusiones de otros discursos.

ou como:

De esta experiencia que tenemos inferimos que no hay nadie que pueda estar en armonía con su naturaleza, sino que en cada uno se cava esta falla, de cualquier modo que se la designe, la falla por ser pensante, y que por esto, nada de lo que haga es natural, porque reflexiona, reflexivo. Es un modo de decirle, de decir que está a distancia de sí mismo, que eso le produce problemas para coincidir consigo mismo, que su esencia es no coincidir con su ser, que su para sí, se aleja de su en sí. El psicoanálisis dice algo de este en sí, que este en sí es su gozar, es su plus de gozar, y que alcanzarlo solo puede ser el resultado de una ascesis severa.

Boh, eu que sei, outro intento de ir a ningures, supoño.

Non olet

Cal é o termo que se emprega para describir a aquel que sabe que lle van a pagar máis canto máis enxeniosa sexa a forma de chamar fillo de puta escravista aos seus xefes?



Ah, si. Cínico. Iso era.

Machete, de Robert Rodríguez

Ten que vir un tipo como Robert Rodríguez a lembrarnos as catro obviedades que todos sabemos: a) que os fascistas lévanse ben cos traficantes de drogas, b) que o comercio de substancias ilegais alimenta aos paramilitares que gardan a frontera tex-mex, c) que os inmigrantes ilegais son unha fonte de riqueza para os países de acollida, e d) que a distancia entre o sistema capitalista actual e a sociedade mafiosa que está por vir nun futuro próximo é cada día un pouco máis pequena.

Todo isto contado en clave mexploitation, con centos de polis corruptos, políticos aínda máis corruptos que os polis, heroínas do pobo suficientemente violentas e armadas, miles de membros (humanos) amputados e unha caligrafía visual debedora da serie Z e do cine de tiros máis arrastrado que un poida imaxinar. Mola.

40

Pensaba que, polo menos, doería un pouco.
Outra decepción máis. Cagontó.
Ah. "Os 40 son os novos 20!", que dicía Steve Carell en "the 40 year old virgin". Ao mellor non, pero como idea faime moita gracia!

Un fragmento dunha conversa escoitada na mesa do lado na cafetería hoxe pola tarde.

- Yo llevo un ritmo distinto al tuyo, cada día mío equivale a dos de los tuyos

Parenthood

Ando medio enganchado a series novas que prometen máis do que dan (como case todo nesta vida, por certo) e que, no fondo, dados os seus puntos de partida bastante fan dando o que dan.

Unha delas é Parenthood. Producida pola NBC é un (outro) exemplo da busca dese punto mitolóxico que supostamente existe entre o que é arriscado e o que é seguro, entre o que un sabe que funciona e o que non se sabe se funcionará. Un produto que pretende ser moitas cousas e que insiste nesa outra sofisticada ficción que chamamos naturalidade (que por estes pagos identifícase sempre co costumbrismo), insinuándonos que nas súas esceas non hai xuizos morais nen patróns predifinidos de conductas aceptabeis cando en realidade toda a estrutura dramática -polo que levo visto- consiste na posta en escea dun xigantesco xuizo ao que vai anexado un catálogo de conductas "normais" ou en vías de normalización.

Protagonizando esta falsa indagación nos dilemas e contradicións da paternidade está Peter Krause, o Nate Fisher daquela marabilla chamada "six feet under". Parella de mediana idade con filla adolescente e amigos e familiares en situacións semellantes. Nai relativamente comprensiva e pai considerablemente histérico ante os descubrimentos da súa creatura: noivos, substancias estupefacientes, festas, a vida lonxe do fogar en definitiva. O deseño de produción, como é costumbre nas series norteamericanas, é realmente magnífico: os fogares da rica clase media norteamericana, os barrios dos suburbios, o uso da iluminación como elemento definitorio de momentos de diferente intensidade dramática ou os vestiarios dos protagonistas poñen en pé un mundo que case coñecemos mellor que o noso e que, sen dúbida, está presente en certo imaxinario colectivo como o escenario no que levar a mellor das vidas posibles.

Pero, malia a seducción visual, algo non funciona correctamente nesta serie. Os conflictos entre pais e fillos ou entre membros da mesma familia, os enfrontamentos entre amigos ou mesmo os malentendidos ou disputas están estereotipados excesivamente. Os desenlaces poden preverse con unha antelación escandalosa. As supostas fendas na estrutura familiar ás que presumibelmente apuntan as tramas rematan por ser espazos de liberdade para os seus membros. A familia, di o guión con MAIÚSCULAS e a tamaño 2000 puntos é o reducto último onde un se sinte sempre a salvo e acollido. A familia, di o guión con MAIÚSCULAS e a tamaño un millón de puntos é unha sublimación do útero materno: podes mallar nas súas paredes, pero sabendo que sempre terás calor, alimento, teito e ese intanxible que coñecemos como afecto.

Ah, supostamente, a cousa pretende amosarnos como un remata por convertirse nun calco dos seus propios pais chegado o momento. Aínda que o que realmente nos conta é que non hai escapatoria ao modelo familia tradicional + coche + casa + fillos + aburrimento até a morte. E que debemos dar gracias por invento semellante fronte aos perigos dun mundo exterior cheo de xente tola disposta a aproveitarse da inocencia dos rapaces e da debilidade dos pais compracentes.

En definitiva, outro produto que camufla baixo o manto protector de certa incorrección política meramente cosmética unha (outra) apoloxía do tradicional de-toda-la-vida, dando lugar a un retrato inevitabelmente falso das familias de hoxe en día, e resultando especialmente desagradable polas súas intencións, precisamente, de ser expoñente do que supostamente hai. Outro día falarei de "Modern Family", que ven sendo o mesmo lobo pero con distinta pel.

Folga (II)

Vou á folga e descubro que no meu colexio somos unha minoría ridícula os que facemos tal cousa. Nos días previos, lembro, casi ninguén expresouse abertamente, pero eu entendín erroneamente o silencio como unha afirmación tácita de apoio con certo disgusto polos detalles da convocatoria. Mirando os datos de participación no ensino entendo algo máis as cousas. Os ensinantes somos cousas flácidas, clase media baixa coa mirada posta no peldaño seguinte do escalafón social (a clase media-media) e o terror disimulado polo peldaño seguinte en dirección descendente (clase baixa-alta? e desculpen esta mestura de frivolidade e grosería nas miñas clasificacións) expresado en tics lingüísticos nos que termos estéticos e impugnacións educacionais camuflan algo parecido a unha forma de racismo.

Pero, vale, os ensinantes somos unha clase social inútil pero necesaria: alguén ten que controlar eses parkings vixiados que son as escolas. Da un pouco igual que fagamos folga ou que non, o tecido produtivo non vai experimentar perturbacións pola nosa postura, polo que a nosa presenza nás folgas é testimonial (e valiosa nese sentido, claro) pero non imprescindíbel. E o feito da non-imprescindibilidade debería empurrarnos á rúa a protestar un pouco polo estado das cousas: xa que dentro do malo vivimos aceptabelmente ben, non estaría de máis amosar un pouco de inquietude polo marco xeral no que desenvolvemos a nosa tarefa educativa. Non somos espectadores de todo este chiringuito. Moitos dos meus compañeiros, estou convencido, pensan que si. Non son os únicos.

Xa na manifestación da CIG na que participo observo unha combinación estraña de caras novas e caras vellas. Tamén que a clase media de mediana idade está, simplemente, desaparecida de actos coma este. Moita xente míranos dende o alto dos edificios por diante dos cales transcurre a manifestación. Miran con certo susto o folclore típico destes actos. Os mesmos que sorrían ante as celebracións que cortaban rúas e montaban bulla este verán coa cousa do mundial miran para nós con evidente hostilidade, coma se foramos as tropas dun exército estranxeiro entrando na cidade. Non poido evitar pensar que todas esas caras nas que o temor e o desprezo se xuntan nunha mesma mueca son a gran victoria dos auténticos responsabeis de toda esta crise.

Os motivos para non facer folga: o máis repetido é "non é bó momento", seguido de "a convocatoria chega tarde". Obvio aquí os argumentos ultras que piden cousas como a desaparición dos sindicatos ou enuncian a inutilidade de calquera folga, así como os enunciados do tipo "respeten o noso dereito a traballar". Nos dous casos iniciais nótase con claridade a pegada do medo. E esta é a segunda gran victoria dos tipos e institucións que determinan as políticas monetarias e laborais dos estados sen ter sido elixidos para iso: convencer a todo o mundo de que calquera mínima saída do seu guión é un erro mortal que conducirá á nosa civilización ao abismo.

Como non, é obrigatorio pechar coa frase de Zizek que tanto circulou este vran: "resúltanos máis fácil imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo". Para moita xente autoconsiderada "de ben", ámbalas dúas son a mesma cousa. E esta é a nosa terceira derrota. Quero pensar que a conta dela fixemos onte folga.


Folga (I)

Mariano Rajoy: "Si hay algo especialmente contraproducente de esta huelga es la lesión imborrable que produce en la imagen de España"

Algún dos que dubidan, precisan algo máis para ir á folga si ou si?

Paradoxos laborais en momentos previos á folga

Vou ao súper que hai preto da miña casa a facer a típica compra apresurada de última hora de luns. Na sección de froitas e verduras traballa a nai dun ex-alumno coa que falo longo rato sempre que vou a aprovisionarme. Habitualmente, claro, do seu fillo. Porén, neste caso, o tema é a folga. Ela fala en plan "eses que van facer a folga" e eu contéstolle con respostas do tipo "nós, os que imos a facer folga".

Ignoro as súas condicións laborais, pero sospeito que ela debe ter motivos dabondo para ir a unha folga en serio. Eu non arrisco nada indo á folga. Podo permitirme participar en algo que sei que non me vai perxudicar máis aló dos 50 € que me serán detraídos do salario. A miña participación na folga é para que conste cando fagan o reconto e o meu nome forme parte da lista dos que lle din ao goberno "a súa política económica poderíaa estar levando a cabo a dereita e non notaríamos a diferenza; a xestión da crise está a pasarlle factura aos mesmos todo o tempo". Irei a unha das manifestacións de Vigo. Berrarei un pouco e celebrarei a movilización da multitude polas rúas.

A miña interlocutora, mentras me mira de forma diferente a outras ocasións, coméntame a súa preocupación por non poder facer o seu traballo o mércores. Tamén pregúntame que vai pasar no colexio. "Os servizos mínimos no ensino consisten en: unha persoa de dirección, unha persoa de secretaría e un membro dos PAS", "non vai a haber profesores entón?", "algúns haberá, pero a maioría faremos folga". Mírame con certa sorpresa. Traduzo a súa mirada: "estes vagos, por riba, un día sin clase polo morro". Pregúntame se debe mandar á filla ao colexio. "Non vai a haber apenas profes, pero vai estar aberto, os servizos mínimos", "pero ir para non facer nada...", "pois xa sabe", "e se pasa algo?", "algo?", "si, un piquete informativo", "estarán todos en citroen e en sitios polo estilo, os centros de ensino non son fundamentais na actividade da cidade", "será mellor que non vaia ao colexio", "paréceme boa idea", "moi ben, ata pronto", "adeus".

Marcho cos meus plátanos e as miñas cenouras e as mazás e dous paquetes de galletas. O pijo de chapapote facendo folga e a traballadora do súper criticando esta postura. Hai algo raro na situación. Non sei que pensar.

michael haneke, a cinta branca

Non sei que pensar das películas que me chegan precedidas da aureola de "obra maestra". Habitualmente tardo un tempo en facer a dixestión emocional ata das historias máis idiotas, así que xa non falo do suposto proceso de análise intelectual que un debe levar a cabo tras entregarse ao visionado dos produtos máis pretenciosos e, supostamente, sofisticados, saídos das factorías cinematográficas.

O primeiro é o cartaz do filme. Unha especie de encarnación infantil do MAL que mira cara algo que queda lonxe do noso alcance. Mira como miran os depredadores ás súas presas: coa atención obsesiva de quen observa aquilo que precisa devorar para sobrevivir.

O neno da imaxe é un dos coprotagonistas desta historia. Quizáis as reviravoltas narrativas importan pouco, así que prescindiré aquí de falar delas. O esencial é a reconstrucción do ambiente nun pobo alemán nos días previos á Primeira Guerra Mundial. A férrea estrutura de clases, a imposibilidade do ascenso social, o asfixiante sentido de pertenza a unha comunidade pechada, a educación autoritaria e o papel brutal da relixión como elemento vertebrador da moral pública: Haneke pon enriba da mesa todo isto con naturalidade, exhibindo un abrumador dominio da posta en escea, do manexo do tempo cinematográfico, do uso da luz e abusando de cando en vez do recurso ao fóra de campo para enfatizar sin facer énfase visual as esceas de violencia.

Nada que obxectar pois ao dominio do medio e á capacidade do director para seducir cunha historia na cal a Historia é iluminada dende un recuncho -un microcosmos, diríamos hoxe- dominado por unha violencia subterránea que explota puntualmente, anunciando un futuro de horrores e violencias a escala maior.

A mirada que proxecta Haneke sobre as súas criaturas cinematográficas é a habitual das súas películas: os seres humanos somos criaturas que entenden a política coma un exercicio de corrupción e arribismo, a moral como unha tapadeira para vicios inconfesabeis e o vínculo social como unha cadea intolerábel que, cando racha, libera o absurdo en forma de violencia inconteníbel.

Non hai, polo tanto, nada que facer coa especie humana. Ningún dos protagonistas da película escapa á podremia que retrata Haneke. En especial o grupo de nenos que, educados no respecto á autoridade e ás tradicións e sometidos aos delirios relixiosos dos seus pais, acaban converténdose nunha especie de gardiáns da pureza capaces de todo para preservar esta no seo da súa comunidade. Os mesmos rapaces que se farán adultos a finais da década dos ´20s e principios dos ´30s. Os mesmiños.

Dóeme un pouco o reduccionismo de Haneke: malia os supostos puntos de fuga da historia que supostamente permiten ao espectador sacar as súas propias conclusións, en realidade todo está mascado e dixerido previamente. O director faino moi ben: o seu extraordinario uso do branco e negro e esa cámara plantada estratéxicamente, que case parece non estar, fan da película un mecanismo de seducción do que é imposible fuxir. Pero a totalidade dos protagonistas están deseñados para resultar noxentos, ben pola súa maldade, ben pola súa incapacidade para facerlle fronte ao mal. E esta imposibilidade para a evolución moral, este destino inevitábel dos protagonistas e esta ausencia de humanidade da que fai gala o xefe de todo o invento terminan por resultar sospeitosas e desagradabeis.

O cine debe ser sinxelo retratando a complexidade. E, se é posible, debe evitar os maniqueísmos máis groseiros cando ten pretensións de radiografiar as interioridades dos procesos históricos. Aínda que a atracción das lecturas simplistas resulte tan irrestíbel como neste caso.

Oh oh

Uh!

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.