Estás lendo

Nestes tempos de profunda reacción

Volto ao título do artigo de Sánchez Ferlosio unha vez máis. Posiblemente sexa a cantinela que máis teño citado aquí dende aquel lonxano 2002 no cal abrín este blog. Buscando no meu propio arquivo non dou encontrado a ligazón ao texto pero case me da igual, a forza da expresión serve sempre para describir o momento no cal nos atopamos, como un insoportable día da marmota do cal non damos saído. A novidade, nesta inevitable repetición do mesmo, é que, a día de hoxe, 17 de xaneiro de 2019, a ultradereita hispánica ten abandoado a casa común da dereita (ese PP que albergaba a neoliberais, tradicionalistas, nostálxicos do franquismo, monárquicos, nacionalcatólicos e outras especies varias) para voar pola súa conta con notable éxito. A profunda reacción ten, pois, chiringuito propio de nome sonoro, líder identificable, unha masa social en ascenso alimentada a base de memes no whatsapp e toneladas de fake news, inimigos fáciles de identificar e unha carraxe infinita contra todo o que consideran que non respecta a "orde natural" das cousas.

Na miña lectura recente de "La destrucción de la democracia en España", o libro de Paul Preston sobre a segunda República española, atopei unha distinción que non coñecía entre as correntes dereitistas da época: os accidentalistas e os catastrofistas. Sendo todos eles nostálxicos do rexime anterior (xa fora a dictadura de Primo de Rivera ou a monarquía de Alfonso XIII) o que os dividía era a maneira na cal pensaban liquidar  ese invento do demo chamado "República". Os accidentalistas eran partidarios de acometer tal tarefa "dende dentro": gañar as eleccións e así levar a España a unha forma de estado "orgánica" ao estilo hitleriano ou mussoliniano. Para iso empregaron todos os medios legais ao seu alcance -incluíndo noticias falsas a esgalla na prensa afín- e ilegais -bandas de pistoleiros e matóns pagadas relixiosamente-. Os catastrofistas, porén, tiñan menos paciencia, sendo a súa opción preferida o golpe de estado e a imposición dunha ditadura fascista pola vía rápida. O libro de Paul Preston é un percorrido desolador polos seis anos de existencia da República e polos esforzos dos defensores das oligarquías económicas, dos propietarios dos grandes latifundios, da igrexa e de parte do exército para poñer fin ás esixencias de cambio social das masas obreiras e campesiñas españolas. A aniquilación do pulo reformista asociado á república trouxo eses corenta anos de dictadura fascista e ese pacto posterior entre os gañadores da guerra civil e o gran capital internacional que coñecemos como "transición" (mellor dito, segunda restauración borbónica). A suposta reconversión de catastrofistas e accidentalistas en demócratas entusiastas durante a devandita transición nunca tivo demasiada credibilidade. O que veu sucedendo é que as esixencias internacionais de democracia -por aquilo de explotar o mercado español sen trabas- convenceron a esta xente e aos seus descendentes de que podían manter os seus privilexios a cambio de certas concesións na orde social, cultural e simbólica.

Oitenta anos despois os descendentes ideolóxicos dos accidentalistas e dos catastrofistas séntense relativamente cómodos no marco da nosa democracia liberal e incluso defenden a morte ese documento claudicante que coñecemos como constitución española. Porén, as concesións nos eidos social, cultural e simbólico semellan ser demasiado para esta xente. Non basta co control da esfera económica, hai nostalxia do control completo, da volta a unha orde social que xa era reaccionaria décadas atrás. Estes herdeiros síntense víctimas -pobriños- da "dictadura do políticamente correcto", dos avances do feminismo, do recoñecemento legal das demandas da comunidade LGTBI, da presenza de migrantes e mesmo das normativas que restrinxen actividades como as touradas e a caza. Reclaman a volta a unha orde social que semellaba estar en vías de extinción e empregan expresións como "sen complexos" ou "políticamente incorrectos" como sinónimas dunha liberdade de expresión reducida a liberdade de insultar e desprezar aos demais. A "nova" extrema dereita -a que quedou no PP ou a que buscou acubillo en VOX ou en Cs- non se diferencia daqueles antepasados seus que fixeron todas as barbaridades posibles para laminar as demandas das clases populares nos anos trinta. Agora teñen smartphones e usan o whatsapp como se non houbera un mañá, discuten a liberdade real e a posibilidade da igualdade e síntense perdedores dunha guerra cultural que os oprime e coarta mentras reclaman dunhas esencias imaxinarias que xa estaban caducas fai case un século. O seu pulo vai coa nosa época e é síntoma dun retroceso bárbaro consecuencia do sistema económico que padecemos dende mediados dos oitenta do século XX. Como nos anos trinta, despois da desregularización neoliberal chegou a onda fascista. E unha vez máis toca dicir "nestes tempos de profunda reacción" e poñerse a actuar contra a combinación de autoritaritarismo neoconservador e economía neoliberal terminal que ameza con sepultarnos.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.