Estás lendo

A destrución do tempo

Vinte anos atrás, alá por 1998, os cursos académicos comezaban con mantas de chuvia sobre as nosas cabezas. A volta ás clases significaba: calzado de auga, chubasqueiro, paraugas e roupa xa algo abrigosa. O frío e a humidade retornaban á nosa vida xunto coa normalidade. De feito, durante moitos meses do ano ter frío e estar mollado eran a normalidade, os atributos exteriores das nosas existencias. Porén, a medida que foi avanzando o século XXI algo foi mudando na ecuación anterior. Primeiro setembro comezou a perder a condición de mes limiar entre o verán e o outono para pasar a ser un mes de temperaturas lixeiras e chubascos escasos, unha primaveira crepuscular saturada de ocres e follas retorcidas caíndo das árbores. Despois, outubro empezou a contaxiarse desta enfermidade primaveral que aqueixaba ao outono. Finalmente, pasado 2012 ou así, setembro pasou a ser por méritos propios parte do mes de agosto, e outubro, case sen darnos conta, tamén. En 2017 houbo unha seca sen precendentes durante este mes e unha vaga de incendios que culminou na xornada tráxica do 16 de outubro, aquela tarde apocalíptica na cal semellaba que toda a provincia de Pontevedra era unha pira funeraria e a cidade de Vigo o centro dalgún inferno de contornos indefinidos. Este 2018 o curso comezou coa rapazada indo á escola en bermudas e camisetas, coas clases machacadas por un estraño sol de media mañá capaz de levar as temperaturas do seu interior máis alá dos 25º. Hai algo de inútil no feito de tentar dar clase con semellante calor. É como que  certa exhuberancia vital invade estes espazos lixeiramente necrosados interrogándonos insistentemente: "que facedes aquí metidos, como estades perdendo estas horas aquí dentro, por que non saídes alá fora onde todo é unha invitación a mover o corpo e a relacionarse de forma espontánea cos demais, fuxide de aquí". Pero a maquinaria escolar é poderosa e estas preguntas que nos asaltan rematan afogadas polos sons da xornada, quedando un eco esvaído nas aulas que fainos sentir levemente incómodos de cando en vez, como un resto dun pequeno bigbang de malestar co que convivimos civilizadamente.

[Percorro rapidamente as miñas páxinas de referencia en internet sobre o tempo: os prognósticos meteorolóxicos a medio prazo coinciden en que durante o resto de setembro andaremos este ano -na comarca de Vigo e arredores- rondando os 30º de máxima con noites algo frescas. Outubro, na imprevisible previsión a longo prazo, intúese seco e cálido, como unha postdata cruel a un verán que vai camiño de durar medio ano.]

Miro para 1998 e atopo que por aquel entón o meu estado de ánimo ía asociado coa climatoloxía de forma matemática. Tras a exaltación veraniega sempre chegaba unha melancolía de vidros mollados e rúas percorridas por regatos grises. As luces dos automóbiles desdibuxadas pola chuvia continuada semellaban faros estragados incapaces de mostrar dirección algunha, avisos inútiles sobre a deriva da existencia. O principio do curso era o momento en que un se dispoñía a encarar meses de grisura e de días curtos que daban para pouco ao rematar a xornada laboral, meses de recluírse nesas celdas que chamabamos "fogar" á espera do retorno da luz do sol e da calor que consolaba ao corpo cando remataban os meses de marzo. Agora, que andamos en camiseta ata novembro e que deixamos as ventás da casa aberta pola noite agardando por un pouco de aire fresco, miramos para ese tempo e botamos de menos non só os anos de mocidade perecidos inevitable e inutilmente, senón a consolación que supoñía esa rutina de humidades e fríos, esa zona de transición entre estacións que ía acomodándonos aos hábitos invernais case cariñosamente, como se alguén tivera planeado que mereciamos ir acostumbrándonos aos pouquiños a estremecernos co ar frío das mañás e cos solpores ás cinco da tarde.


Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.