Data Test A, B, C
Nalgún momento do mes de xullo descobrín, nunha resintonización das canles do TDT da miña televisión, que na parte alta da listaxe existían unhas emisoras de nome atraínte. Nos números 61, 62 e 63, Data Test A, Data Test B e Data Test C emitían, durante as mañás e as tardes, programas de horóscopos, teletenda e videoclips da década dos oitenta nunha esquina da pantalla mentras no resto, un continuo de mensaxes nos que xente ficticia en busca de parella real (tradución: empresas de telefonía en busca de pimpíns) emitían en loop mensaxes de desesperación en formato estándar:
- chico, de 40, busca muller de aspecto agradable para amizade e o que poida xurdir
- muller separada, dous fillos, 42, busca home serio sen medo ao compromiso
- home novo, 54, divorciado, aburrido, busca muller entre 25 e 35 para amizade e o que xurda. Seriedade.
- home maduro, 60, casado, busca muller entre 30 e 40 para compartir soidade
etc
O interesante dos Data Tests, porén comezaba a partires das 00.00. Caía o telón da mercadoría para todos os públicos e a desesperación sentimental light para deixar paso a un universo de pornografía soft salpicado de videoclips nos que podían verse mulleres espidas en motocicletas de gran cilindrada, mulleres espidas enriba de grandes camas Luis XV, mulleres espidas enriba de secuioas centenarias, mulleres espidas calzadas con grandes tacóns de agulla dándose duchas inacabables, mulleres espidas lavando automóbiles de luxo armadas de mangueiras a presión e esponxas capaces de producir espuma para mil lavadoiros de vehículos de motor.
Tamén podíanse apreciar algúns coitos en formato gonzo tal como dictan os cánones da pornografía en internet e dúos lésbicos seguindo a estricta normativa do lesbianismo segundo o voyeurismo masculino heterosexual.
O interesante nestas horas, máis alá das imaxes en movemento, eran as mensaxes, escritas polos mesmos buscadores de amor e soños das tardes e as mañás pero endurecendo lixeiramente a linguaxe
- chico, de 40, busca muller para follar. AGORA
- muller separada, dous dildos, 42, busca home sen medo ás fantasías sexuais
- home novo, 54, divorciado, aburrido, busca muller entre 25 e 35 para follar ou similares
- home maduro, 60, casado, busca muller entre 30 e 40 para compartir fantasías
etc
Ademáis dos SOS heterosexuais xerados por algún programa informático con poucas variables para combinar entre si, unha boa recua de mensaxes pedindo sexo entre homes ou mulleres asomaban a súa cabeza con timidez:
- chico, de 40, busca polla para follar. AGORA
- muller separada, insatisfecha, dous dildos, 42, busca muller en situación similar
- home novo, 54, divorciado, aburrido, busca home novo entre 25 e 25 para follar xa
- home maduro, 60, casado, busca home novo entre 30 e 40 para follar xa
As mensaxes engadían variables como a cidade (Vigo, Pontevedra, Ponteareas) e a posibilidade de intercambiar imaxes vía whatsapp.
En letra minúscula, os custos da chamada.
Todo salpicado polo ruido que xenera o baixo bitrate derivado do reparto do ancho de banda global entre as tres canles e outra ducia máis polo menos. Cadrados de cores, píxeles xigantescos, conxelación das imaxes con neve de fondo abondo para paralizar unha vila de tamaño mediano durante unha semana.
Despois de case un mes desconectado do abismo datatestiano, a pasada noite levei unha sorpresa: as canles 61, 62 e 63 estaban desertas. Alguén desconectara os tests e levou consigo os bots que xeraban aquelas mensaxes que invitaban a chamar a teléfonos que empezaban por 902 e 806 e outros polo estilo.
Lembrei aquela frase da novela "a serpe" de Stig Dagerman: "a nosa necesidade de consolación é inconmensurable". Quen a di é un supervivinte da segunda guerra mundial en 1946.
Con certa frecuencia penso neste aforismo. Comprendo que quen inventara os Data Tests A, B, C non precisaba ler a Stig Dagerman. Basta asomarse ás rúas e andar entre a xente e subirse a un bus e entrar nun supermercado e chegar a casa e mirarse ao espello e meterse na cama e apagar a luz. Un día tras outro.
A nosa necesidade de consolación é inconmensurable.
Fermosa escritura. Esa mestura da melancolía cos tecnicismos. Sinto punzadas de envexa.
Los Paul Morrissey y Derek Jarman del blog i.c. estaban condenados a atoparse
Entón plantou twitter?
Tomei unhas twitter-vacacións ata setembro.
Ven ben!
Publicar un comentario