Estás lendo

A soidade colectiva

Fai xa tres semanas estoupou unha pequena onda de malestar colectivo. De xeito imprevisto, os organizadores dunha difusa -e confusa- vaga de manifestacións polo territorio hispánico atopáronse con miles de persoas acampando nas principais prazas das principais cidades españolas. A necesidade de comentar o que estaba acontecendo retratou con rapidez aos medios productores de opinión tradicionais do país e a esa masa evanescente de internautas que observan sen mollarse, que tuitean por non estar calados, que miran o facebook de esguello e clican compulsivamente nos millóns de "me gusta" esparexados polo chan desa comunidade virtual.

O retrato colectivo, xa cunha perspectiva mínima, é maiormente desolador, alomenos para quen escribe estas liñas e articúlase dacordo a tres esquemas, dous deles diferentes superficialmente pero coincidentes no fundamental:

- Enfoque 1: o movemento do 15M é unha reunión de restos da sociedade, de xente non integrada incapaz de asumir compromisos concretos co seu tempo e que vive nas fantasías utópicas froito do cruce imposible entre certo neohippismo new age e determinadas correntes anarquistas-libertarias irreductibeis a todo intento de integración. Non se lavan, chean todo de lixo, as pulgas, o sexo libre e as drogas brandas son o seu selo de identidade por riba das esixencias políticas. Diagnose: que se retiren do espazo público e deixen á xente de ben levar a cabo os seus traballos honrados que son os que fan funcionar este país.

- Enfoque 2: o movemento do 15M representa unha erupción de saudable indignación crecida ao carón da crise económica e alimentada polos defectos dun sistema de partidos que exclúe a representación parlamentaria dos grupos minoritarios e permite o crecemento no seu seo de toda clase de elementos corruptos que, máis que amosar as feblezas do sistema, mostran as debilidades dos seres humanos en posicións de poder manexando grandes sumas de cartos. Diagnose: que se retiren do espazo público e formalicen as súas propostas nalgo concreto, que se incorporen ao activismo cívico e fagan valer as súas propostas nos foros pertinentes para rexenerar a vida pública e contribuir á mellora da democracia e de todo o sistema de representación que sostén a esta.

- Enfoque 3: o movemento do 15M representa o imposible que se volta real. Como acto ético constitúe unha impugnación de todo o sistema, da marca "democracia" como significante-amo desta etapa do capitalismo liberal. O movemento do 15M non pretende a reforma do existente senón a destrución do que hai, presentando como novidades formas de organización orixinais ao marxe das tradicionais. O movemento do 15M é un ensaio a pequena escala de algo máis grande que latexa nos recunchos das nosas sociedades, o alento dos que non teñen representación, da parte sen parte que carece de valor como interlocutor nas nosas sociedades. A súa existencia demostra que só os actos éticos impensables poden alterar o estado de cousas. O espontáneo, o non previsto, o fluxo do devenir-acontecemento, son as marcas da súa aparición. Diagnose: que a súa loita entre en conexión coas loitas anteriores, que as súas demandas fagan tremer as estruturas reificadas da nosa democracia liberal, que a súa voz sinale a aqueles que realmente-teñen-o-poder, e que das súas asambleas salgan novas palabras que substiúan ás vellas, que os seus soños xa non sexan os soños habituais, senón un máis alá do-que-hai que poida traer aquí e agora todo o que está sinalado como imposible: o vello sono revolucionario da igualdade e a liberdade verdadeiras, dotadas de contidos reais e non só teóricos.

(continuará)

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.