Estás lendo

Folga (II)

Vou á folga e descubro que no meu colexio somos unha minoría ridícula os que facemos tal cousa. Nos días previos, lembro, casi ninguén expresouse abertamente, pero eu entendín erroneamente o silencio como unha afirmación tácita de apoio con certo disgusto polos detalles da convocatoria. Mirando os datos de participación no ensino entendo algo máis as cousas. Os ensinantes somos cousas flácidas, clase media baixa coa mirada posta no peldaño seguinte do escalafón social (a clase media-media) e o terror disimulado polo peldaño seguinte en dirección descendente (clase baixa-alta? e desculpen esta mestura de frivolidade e grosería nas miñas clasificacións) expresado en tics lingüísticos nos que termos estéticos e impugnacións educacionais camuflan algo parecido a unha forma de racismo.

Pero, vale, os ensinantes somos unha clase social inútil pero necesaria: alguén ten que controlar eses parkings vixiados que son as escolas. Da un pouco igual que fagamos folga ou que non, o tecido produtivo non vai experimentar perturbacións pola nosa postura, polo que a nosa presenza nás folgas é testimonial (e valiosa nese sentido, claro) pero non imprescindíbel. E o feito da non-imprescindibilidade debería empurrarnos á rúa a protestar un pouco polo estado das cousas: xa que dentro do malo vivimos aceptabelmente ben, non estaría de máis amosar un pouco de inquietude polo marco xeral no que desenvolvemos a nosa tarefa educativa. Non somos espectadores de todo este chiringuito. Moitos dos meus compañeiros, estou convencido, pensan que si. Non son os únicos.

Xa na manifestación da CIG na que participo observo unha combinación estraña de caras novas e caras vellas. Tamén que a clase media de mediana idade está, simplemente, desaparecida de actos coma este. Moita xente míranos dende o alto dos edificios por diante dos cales transcurre a manifestación. Miran con certo susto o folclore típico destes actos. Os mesmos que sorrían ante as celebracións que cortaban rúas e montaban bulla este verán coa cousa do mundial miran para nós con evidente hostilidade, coma se foramos as tropas dun exército estranxeiro entrando na cidade. Non poido evitar pensar que todas esas caras nas que o temor e o desprezo se xuntan nunha mesma mueca son a gran victoria dos auténticos responsabeis de toda esta crise.

Os motivos para non facer folga: o máis repetido é "non é bó momento", seguido de "a convocatoria chega tarde". Obvio aquí os argumentos ultras que piden cousas como a desaparición dos sindicatos ou enuncian a inutilidade de calquera folga, así como os enunciados do tipo "respeten o noso dereito a traballar". Nos dous casos iniciais nótase con claridade a pegada do medo. E esta é a segunda gran victoria dos tipos e institucións que determinan as políticas monetarias e laborais dos estados sen ter sido elixidos para iso: convencer a todo o mundo de que calquera mínima saída do seu guión é un erro mortal que conducirá á nosa civilización ao abismo.

Como non, é obrigatorio pechar coa frase de Zizek que tanto circulou este vran: "resúltanos máis fácil imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo". Para moita xente autoconsiderada "de ben", ámbalas dúas son a mesma cousa. E esta é a nosa terceira derrota. Quero pensar que a conta dela fixemos onte folga.


Comentarios nesta entrada

toni

hombre macho, 'clase media baixa?' 'vivimos aceptabelmente ben?'

uyf, uyf

sodes universitarios, currades aproximadamente do que estudáchedes, gañades entre bastante ben e caralludamente, tedes bastante tempo libre e moitas vacacións (por suposto tamén un curre esixente e increiblemente fodido, isto non é un xuizo). vaia, eu elevaría o listón do teu análise de clase

Willy S.

Si, xa dicía no propio post que a miña clasificación oscilaba entre o frívolo e entre o grosero. E, vale, poñamos aos profes de ensino non universitario no medio da clase media, se tal cousa existe. Se tal zona máxica ten lugar no sistema de clases.

Anónimo

Se cadra unha folga xeral resúltalle inintelixible, carente de sentido ou mesmo excesivamente cargada de sentidos pouco atractivos, a esa maioría absoluta que rexeita as medidas aplicadas polo governo. Cando negaba a crise e cando decidiu adoptar as fórmulas do FMI. Ao mellor chegou o momento de buscar fórmulas máis imaxinativas nas que se sintan cómodos vostede e a froiteira.

Por afondar na súa liña argumental, ¿non será o sindicalismo contemporaneo parte da gran victoria dos auténticos responsables desta crise?

Hombre alto, seco y de mala intención o catadura

Y tú W.Sifones..¿De qué huyes?

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.