skip to main |
skip to sidebar
Estás lendo
- ELDERS: Señor Foucault, cre vostede, despois de ter escoitado isto [a intervención de Chomsky na que interpelaba a Foucault sobre porque lle interesaba a política e el dicíalle que non lle podía respostar por non estar no mesmo plano de discurso], que podemos describir as nosas sociedades como democráticas?
- FOUCAULT: Non, en realidade, nunca se me ocorrería chamar democrática á nosa sociedade. Se por democracia entendemos o exercicio efectivo do poder por parte dun pobo que non está dividido nin ordenado xerarquicamente en clases, é claro que estamos moi lonxe dunha democracia. Paréceme evidente que estamos a vivir baixo un rexime de ditadura de clase, dun poder de clase que se impón a través da violencia, mesmo cando os instrumentos desta violencia son institucionais e constitucionais; e a ese nivel, falar de democracia carece por completo de sentido.
[...]
Por outra banda, unha das tarefas que considero urxentes e perentorias, por riba e máis alá de todas as demáis, é a seguinte: deberiamos indicar e amosar, mesmo cando están ocultas, todas as relacións do poder político que actualmente controlan o corpo social, oprímeno e reprímeno.
[...]
Sabemos que a verdadeira tarefa política nunha sociedade como a nosa é realizar unha crítica do funcionamento das institucións que semellan neutrales e independentes; facer unha crítica e atacalas de tal maneira que se desenmascare a violencia política que se exerceu a través destas de maneira oculta, para que as poidamos combater.
Na miña opinión esta crítica e esta loita son esenciais por distintos motivos: en primeiro lugar, porque o poder político vai moito máis alá do que un sospeita; hai centros e puntos de apoio invisíbeis e pouco coñecidos; a súa verdadeira resistencia, a súa verdadeira solidez quizais se atopa onde un menos espera.
Probabelmente, sexa insuficiente afirmar que detrás dos gobernos, detrás dos aparatos de Estado, está a clase dominante; debemos localizar o punto de actividade, os lugares e as formas na que se exerce a dominación.
E porque esta dominación non é só a expresión, en termos políticos, da explotación económica, senón o seu instrumento e, en gran medida, a súa condición de posibilidade, para suprimir unha é necesario discernir outra de maneira exhaustiva. Se non logramos recoñecer estes puntos de apoio do poder de clase, corremos o risco de permitirmos a continuidade da súa existencia e de vermos con este poder de clase reconstituírse a si propio, mesmo logo dun aparente proceso revolucionario.
Publicar un comentario