Estás lendo

Pequenas insurreccións cotiás

Estou na cola do traumatólogo, 9.30 h da mañá, esperando o meu turno. Estou tranquilo e pouco impresionado, ao meu arredor non hai ningún caso grave que convoque o pesimismo derivado das desgrazas alleas. Algúns nenos co pé torcido, algúns adultos con muletas ou algún membro fracturado convenientemente tratado, algún deportista amateur con  rotura de fibras. O típico. De súpeto un home enfurecido entra na nosa zona. Peta con violencia nunha das portas. Sae unha médico. Discuten. O home, alporizado, bótalle en cara que xa o cambiaron dúas veces de porta e que leva dende as nove de acá para alá, que xa está farto, que non hai dereito. A médico, aburrida polo discurso di, eu non podo facer nada, eu non dou as citas. Entra de novo na consulta. Pecha a porta. O home -temíame este momento- diríxese a nós, público mudo que espera polo seu turno. Non hai dereito, di. A outra vez, por culpa da folga esa, non me atenderon, di. Eu veño de bastante lonxe, berra. E a saída da autopista estaba fatal, di. Todo pola puta folga esa, di. Eu estaba aquí as nove, di. Pasaron o meu turno, di. O home mira ao auditorio, algúns nenos que esperan teñen os ollos moi abertos mentras miran para o home. O resto miramos para o chan, para as paredes, para os carteis de non fumar, para as ventás sen limpar dende fai algunhas semanas. A carón do home, unha administrativa mira a pantalla do seu ordenador coma se nela estivera acontecendo a retransmisión en directo da fin do mundo. Despois faise o silencio. Os berros do home non son substituídos por nada, e queda coma un eco deles na sala de espera do centro de saúde. O home bota outra mirada agardando algo, unha voz discrepante, un berro de bravo, unha palabra de solidariedade. Nada acontece. Cando volto a mirar, o home está entrando no baño. Willy S., di unha voz ás miñas costas, son eu, pase. Desaparezo na consulta do traumatólogo.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.