Estás lendo

39
Leo "pequeno panteón portátil" de Alan Badiou, unha recopilación de textos sobre filósofos feitos no momento da morte destes. Un compendio de necrolóxicas escritas dende a admiración, o recoñecemento aos maestros, e, como di o propio Badiou no seu breve pero fulgurante limiar, porque os quere. Ese limiar contén un momento estraordinario, no cal quixera quedarme a vivir ante a miña incapacidade para vivir realmente.

Eu sosteño que a morte non debe interesarnos, nin tampouco a depresión. Se a filosofía serve para algo é, en efecto, para arredar de nós o cáliz das paixóns tristes, para ensinarnos que a piedade non é un afecto leal, nin o laio unha razón para ter razón, nin a vítima aquilo a partir do cal debemos pornos a pensar. Por un lado, como así o establece dunha vez por todas o xesto platónico, é acerca do Verdadeiro, declinado se compre facelo ao xeito do Belo ou do Ben, como se orixina calquera paixón lícita e calquera creación de alcance universal. Por outro, o animal humano, como sabe Rousseau, é esencialmente bó, e, cando non o é, é porque algunha causa exterior o aboca a iso, causa que debe ser detectada, combatida e destruída sen a menor vacilación. Os que defenden que o animal humano é ruín, só queren domesticalo para facer del, ao servizo da circulación do capital, un asalariado moroso e un consumidor deprimido. Capaz como é de crear en diversos mundos verdades eternas, o home posúe en si mesmo aquel anxo que as relixións querían usurpar. Isto é o que nos ensina, desde sempre, a filosofía propiamente dita. Para que ese anxo se declare, cómpre termar dun principio, dunha máxima, a fin de contas sempre a mesma, baixo unha gran variedade de formas. Escollamos a de Mao: "Rexeitade vosas ilusións e preparádevos para a loita". Termar do verdadeiro contra o ilusorio e, sexan cales sexan as circunstancias, combater antes que renderse.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.