Estás lendo

vulgaridade
As dúas páxinas que o xornal "la voz de Galicia" adica ao fin da folga do metal na provincia de Pontevedra son merecedoras de, polo menos, un pe de páxina na historia universal de infamia sección medios de comunicación. Os seus autores, situándose nunha especie de plano equidistante inicial, comezan repartindo culpas entre sindicatos e patronal para rematar entregados a un ataque cheo de descalificativos por toda argumentación contra os obreiros en folga, os sindicatos convocantes e os líderes da CIG, organización sindical que cargou co peso de todo o movemento de protesta. O artigo é tan insultante que un só pode entendelo dentro dunha lóxica xornalística de supervivencia: xa que o negocio da prensa agoniza, quitémonos as máscaras e fagámoslle o traballo sucio aos que de verdade teñen o control das cousas. Descalifiquemos. Sinalemos aos que toman as rúas loitando polos seus dereitos laborais como radicais e violentos. De paso, fagamos ver que non estamos ideoloxizados, que os ideoloxizados son eses traballadores protestóns e reivindicativos. Repitamos día tras día: o problema son os líderes sindicais "mesiánicos" (sic.) que, coa súa retórica inflamada arrastran aos pobres obreiros a unha loita que non lles interesa. Xulguemos: a carga da culpa recae sobre eses homes que toman as rúas e impiden o traballo normal e decente da xente que non se mete en líos, da xente razoable e traballadora que levanta este país cada día mentras outros queiman coches e tiran tornillos porque son uns lacazáns que só queren forrarse nestes tempos de crise. E a seguir cobrando, que para iso estamos, claro. A quen lle interesa a verdade.

Estamos no vran. Algúns privilexiados incluso temos vacacións e, cando podemos, botámonos na praia para desfrutar dos escasos raios de sol que caen por aquí. Aínda así os nosos cerebros siguen aí. Tamén certa capacidade para pensar por nós mesmos. Eu pregúntome,por qué hai tantos xornalistas conencidos de que os lectores somos idiotas? Que gañan adicando dúas páxinas a poñer a feder aos obreiros do metal mentras pasan de puntillas sobre a responsabilidade dos donos dos asteleiros? Que pretenden con toda a serie de artigos de sesgo populista-de-dereitas que levan no último mes? Son todo preguntas retóricas, claro.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.