Estás lendo

o tempo do pensamento inútil
Toda opinión é igual de respetable. É o principio básico do noso tempo, e recolle unha idea enganosa acerca da liberdade e unha especie de falso principio regulador da igualdade. Penso moito acerca disto ultimamente. Porque só atopo opinións que non son capaz de respetar. E emisores de opinión que deberían estar calados, en nome da igualdade e da liberdade que, se nos di, de forma repetitiva, conforman de maneira fundacional as nosas sociedades.

Hoxe tivemos unha especie de festa nocturna no colexio. Unha celebración astronómica (no sentido literal da palabra) promovida pola anpa con telescopios e chocolate a media noite. Moitos pais e moitos alumnos, moi boa noite, música en directo e bo ambiente. Sen luces, entre a romería e o evento científico, todos resultamos máis próximos. Non poder verse de todo rebaixa as liñas defensivas do día a día. Un retira as barreiras máis exteriores e déixase levar. Unha exalumna de fai dez anos cóntame a que se dedica actualmente e o seu periplo último en casas okupadas, montando mesas redondas, conferencias, obradoiros, ciclos de cinema pola xeografía galaica. Fala con entusiasmo pero o seu discurso ráchase cando me conta que case ninguén vai as actividades que preparan con tanto esforzo. En cambio, aos concertos que montamos, sempre ven unha morea de xente. Que está moi ben, pero dame rabia, non todo pode reducirse a cervexa e música e porros. A miña xeracion, sentencia, está atrofiada. Tes sorte, dígolle, a miña xa está morta, xa só somos un puñado de zombis camiñando entre unha morea de ruidos e opinións. Incapaces de atopar algo que sexa de verdade. Algo pequeno alomenos que esté nos arredores dalgunha verdade. Despedímonos despois de ver Saturno nun dos telescopios. Prometo asistir a algunha das actividades. Ambolos dous sabemos que é mentira. Pero a velada estivo ben, para que estropear a representación. O zombi dille adeus á rapaza que empeza a albiscar o sentido da palabra "desencanto". O zombi queda en medio da negrura do patio, rodeado de telescopios preguntándose onde fun parar. Que é todo isto. Que cousa sou. Cando morrín sen darme conta e porqué sigo en pé. Que fago coas miñas opinións de merda sobre min mesmo e sobre o mundo e sobre a xente. Como as borro. Como me reseteo. Quero deixar isto.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.