Arquivos

Eleccións municipais 2023

 Mañá hai eleccións municipais de novo. Dende a perspectiva dese canódromo en que desemboca a política cando se reduce a mera contenda electoral, o can con máis posibilidades de gañar é o amado líder vigués, o Pablo Motos da política-show para o cal a única dúbida é saber se sacará 19, 20 ou 21 actas das 27 en xogo. Di o escritor de ciencia ficción Ted Chiang que a Intelixencia Aritificial é "un JPG borroso de toda a internet". Ás veces penso no alcalde desta cidade neses mesmos termos. Unha media aritmética dos desexos e esperanzas da cidadanía viguesa, máis hiperrealista que borroso pero igual de axustado ás esperanzas e ilusións medias desas supostas clases medias que viven nesta vila de tamaño medio. Unha media de medias que reflicte unha tristura contemporánea relacionada coa conformidade absoluta co-que-hai, unha situación de impasse entre a defunción do postcapitalismo e o xurdimento dese algo horrible que vai prefigurándose no horizonte como consecuencia da conxunción simultánea de varias crises solapadas.

O amado líder vigués, socialdemócrata polas mañás e neoliberal polas noites, que diría @ofunambulista (aka David Rodríguez), político criado no franquismo e economista postmarxista reconvertido a non-se-sabe-que, ten reducido a política local a unha sucesión de performances que, máis alá da vergoña allea que nos producen a algúns, resultan eficaces no seu propósito de non saírse do estreito carril da medianía, da mediocridade calculada e abrazada con alegría. A vella dimensión exemplarizante da política ten sido suprimida con violencia. O lema trumpista "a o conflito xenera atención, e a atención xenera influencia" ten sido aquí levado moito máis alá das súas premisas iniciais. Non so o conflito xenera a atención. O desleixo da institucionalidade reemplazada por shows vergoñentos produce unha simpatía estraña similar a que no circo se experimenta polo paiaso que cae e recibe tartazos unha e outra vez. A tontería hiperbólica xenera un espazo ambiguo no que un pode rirse mentras empatiza de forma algo enferma coa persoa que fai as estupideces. A area política, reducida a unha pista circense amplificada polos medios de comunicación e as redes sociais, é ocupada por unha figura que le correctamente as coordenadas emocionais e morais da nosa sociedade contemporánea. Ausente claquera proxecto emancipador ilusionante do horizonte da maior parte da cidadanía, e reducida a política a simple xestión do-que-hai e a promoción incesante da marca "Vigo", so nos queda contemplar con fatiga a perspectiva doutros catro anos máis do mesmo: "humanizacións" (beirarúas máis anchas, xardineiras por todas partes, tala de árbores), gastos descomunais en intervencións urbanas con moi pouco sentido, promoción turística incesante, victimismo localista fronte a unha Xunta de Galicia que aparece como a némese da cidade, e control absoluto dos medios de comunicación locais.

En fin, mañá toca outro episodio desa teleserie chamada "a festa da democracia". Disfrutemos. Yupi.

 

Apuntes para unha nova cartografía sentimental: o cadillac solitario como síntoma

Escoito na radio (en Radio 3 concretamente) unha versión en modo trap da coñecida canción "Cadillac solitario" de Loquillo, pequeno himno sentimental dos que vivimos a adolescencia nos remotos anos oitenta. O ritmo lento que lle impón o autor, Chico Blanco, coa súa autotuneada voz declamando como se estivera recitando unha oración queixosa, xunto cun fondo narcótico de sintetizadores que reempraza a sonoridade clásica de guitarra-baixo-batería, dalle unha nova dimensión musical ao tema. A melodía principal segue funcionando con éxito. Na miña cabeza unha voz vai cantando as estrofas milimétricamente ao ritmo terminal que marca Chico Blanco. Ao tempo, outra parte de min analiza o que se está a dicir, o contido textual e, claro, as alarmas van saltando por todas partes. O meu eu de 2023 remata mirando con certo asombro ao meu eu de 1983 (84?) preguntándose: WTF? Vexamos porqué.

O estereotipo que reproducía o personaxe Loquillo atopaba a súa máxima expresión sentimental no protagonista desta canción: un home que, víctima dun desengano amoroso, entregáse a unha espiral de sexo e alcohol buscando olvidar o dano infrinxido pola amante fuxida. Esta mística do home-illa incapaz de expresar emocións e unicamente capacitado para tratar de enterralas en litros de alcohol e sexo mecánico (isto, probablemente, outra fantasmada propia da época), procede dun estereotipo cunha raigame moito máis antiga.

Porén, a súa expresión artística na Expaña de 1984 (83?) tiña un público especialmente receptivo a este tipo de mensaxes. A etapa do postfranquismo, lonxe de abrir un horizonte de liberdade entendida como transformación democrática radical da sociedade da época, serviu para engancharse á estela do carro neoliberal de entón. Os ecos dos movementos polas liberdades que mobilizaran con forza as sociedades occidentais dos anos 60 e 70 capturaron o fluxo do desexo desatado tras o final do nacional catolicismo coas bridas do consumo e a idea do "eu" como marca persoal por riba de todas as cousas. A sociedade expañola de mediados dos oitenta, como xa se ten dito moitas veces, tras a etapa de mobilizacións obreiras e politización antifranquista dos anos setenta, transicionou dende o fascismo nacional-católico a unha seudodemocracia liberal (que evolucionaría a neoliberal con rapidez). Polo camiño produciría un tipo de subxectividade -fundamentalmente entre as súas clases medias- a medio camiño entre ambos polos ideolóxicos: machista, individualista, conservadora para os asuntos públicos, liberal para os asuntos privados, profundamente desconfiada de calquera reinvidicación de tipo "político" e desexosa de deixar atrás toda a etapa de conflitividade social que atravesara a década anterior.

Neste caldo de cultivo, moitas expresións artísticas recollen os valores dominantes e os encapsulan en formas "novedosas" para o gran público da época. Digo "novedosas" porque o rock dos oitenta non deixou de ser unha volta ás prácticas musicais do mundo anglosaxón dos anos cincuenta, sesenta e setenta. A estética, case tan fundamental como as propias cancións, xogou un papel crucial nos procesos de identificación, en especial no que se refire ás capas adolescentes da poboación da época. E así, unha serie de mensaxes profundamente conservadoras sobre a masculinidade e as relacións sentimentais, pasaron de contrabando como o colmo da modernidade e do progresismo grazas ao contraste cos valores dominantes da época anterior e ao verniz subministrado polas prácticas estéticas. Mentras o resto do mundo aprestábase a acoller os discursos da terceira ola feminista do século XX, en Expaña o máximo da modernidade musical na súa versión máis popular consistía en cantarlle ao desamor dende unha perspectiva profundamente retrógada.

Por resumir, que ven sendo o Cadillac solitario para quen esto escribe visto cos ollos de 2023? Fundamentalmente, unha cristalización ideolóxica dun momento histórico moito máis conservador do que pensabamos entonces e que non pasa a proba do nosos estándares actuais do que debería ser "ser un home". Porén, o artefacto conta cunha tonada afortunada (grazas a un compositor en estado de gracia -Sabino Méndez-), e, crucialmente, está cantada por un Loquillo imponente (alto, macarra, sobrado de chulería) que representaba o culmen da masculinidade do tempo, reforzada, ademais, por esa idea horrible de "autenticidade" que destilaban os rockers naquel momento baseada nas orixes obreiras do cantante. Hoxe sabemos que a letra da canción é simplemente estúpida -como case todas as de entón-, e que na sintonización cos valores dominantes da época está parte do segredo do seu éxito. O meu eu de entón, fascinado pola combinación de música e estética e seducido polo contido do que alí se dicía, adoptou interiormente a canción como unha sorte de himno propio, como un ideal de vida para un homiño habitante do último cuarto do século XX. Por sorte, demasiado cobarde para afrontar a vida dende semellantes coordenadas, incapaz nunca de adoptar semellante pose na realidade.

Visto cos ollos de 2023, o Cadillac solitario é un produto case arqueolóxico (un destinado ás emisoras como rock fm e similares), considerado por gran parte dos integrantes da miña xeración como unha cima da musica de entón. Para min supón un fito. Unha baliza que da conta do meu propio percorrido. De cando era un machista ignorante de tal condición (agora sigo sendo machista, penso que é inevitable con tantos anos enriba, pero como o sei, procuro ir corrixíndome). De alguén que fun, inxenuo, acrítico,  impresionable con estupideces, desfrutando de privilexios dos que nin sequera tiña conciencia. Non estou orgulloso.

O diario de Willy Sifones 2022-2002

 Da man da editorial (efémera) (ou non) Romero&Romero, chega o ladrillo que ninguén estaba esperando:


Ideado e producido por Cristina Romero e Rafa Romero, con un limiar do propio Rafa e outro de Antonio Doñate, e maquetado exquisitamente por Xose Carlos Hidalgo, o libro recolle todas as entradas deste blog (sen revisións nin cambio algún) dende 2022 ata 2002. Edición limitadísima de 25 exemplares, dos cales a metade están reservados para ser repartidos entre as amizades/familia do autor e a outra metade... veremos.

Síntome moi querido. E moi afortunado.

Grazas Cris. Grazas Rafa. Grazas Toni. Grazas Carlos. Sigo en shock, como un surfista borracho sobre unha onda inmensa coa que non contaba, ebrio sobre unha táboa de papel facendo saudiños tontainas aos bañistas e ás gaivotas. Que sensación.

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.