Un mes despois da saída de Cris do hospital temos ido descobrindo de novo todas as cousas vellas que formaban o tecido invisible da nosa realidade. Dende unha caña cos amigos ata un paseo polas areas de Bon en abril baixo un ceo luminoso co vento do norde cortando suavemente os nosos beizos, o conxunto das nosas rutinas e dos nosos afectos aparece agora iluminado cunha luz nova. Todo o que rodeaba a nosa existencia de clase media, tinguido polo gris da repetición e a intercambiabilidade dos días, de súpeto colleu unha cor diferente, unha sorte de vibración oculta que se fixo evidente dende o momento en que, fora do hospital, atopamos que o mundo seguía onde estaba.
A estraña coincidencia da volta á realidade co comezo da invasión da Ucraína por parte do exército ruso deunos para algunhas bromas privadas. Como se todo o que estaba acontecendo aí fora formase parte do guión dun drama idiota escrito por un tolo furioso. Nós, que viviamos de estar pendentes de analíticas e efectos secundarios de pastillas diversas e de medidas continuas de peso e tensión arterial, de pronto tomamos conciencia de que a realidade seguira o seu curso nun movemento acelerado co que non esperabamos coincidir. Dentro do hospital seguiamos as noticias dende tuiter ou dende os xornais, mesmo poñendo algunha que outra vez a canle 24 h da tve. Pero era información consumida do mesmo xeito que un fai un binge watching dalgunha serie. Unha intoxicación de ficcións incongruentes e heteroxéneas, impactantes pero con pouca capacidade para deixar pouso algún, sequera algunha clase de resto significativo nos nosos sistemas de afectos e pensamentos.
Os primeiros minutos fora do hospital consistiron nunha mestura estraña de emoción e alucinación. Lembro con claridade a luminosidade dese día de febreiro coa rúa ateigada de xente e un tráfico intenso enchendo a calzada fronte á porta de saída. Un balbordo inmenso que contrastaba con furia co silencio do laberinto hospitalario, un caudal de vida expresado en forma de movemento, de son e de imaxes. Nada comparable á forma encapsulada, controlada, medida e vixiada da que viñamos. Parados na beirarúa, durante varios minutos experimentamos unha sorte de renacer (o dela máis real, o meu máis metafórico). Finalmente, tras un montón de semanas sentindo a vida como unha substancia fráxil sempre no límite da fractura irreversible, puidemos achegarnos a ela de xeito aproximado a como era antes. Un irresistible tumulto que sempre busca desbordar os seus propios límites. Unha inundación ou un furacán ou unha explosión sostida. Algo de intensidade indescriptible que, malia pasar desapercibido nas espirais devoradoras do cotián, é quen de amosar as posibilidades que contén, a potencia que alberga, cando os corpos están dispoñibles para sostelo. E canta ledicia cabe nesta dispoñibilidade.