Arquivos

Catro anos sen a miña tía Mariló

 En novembro de 2017 faleceu a miña tía Mariló aos 63 anos de idade como consecuencia do rebrote dun cancro que superara tres anos atrás. Este verán de 2021, como os anteriores dende entón, boto de menos a súa presenza na casa dos meus pais, o seu estar como un balbordo de alas de bolboreta, a sensación de froita fresca recén recollida que daba sempre a súa conversa. A miña tía Mariló entraba sempre na casa dos meus pais co sorriso posto. A ledicia natural de rencontrarse coa súa irmá maior, co seu cuñado -o meu pai- cos seus sobriños e con quen estivera alí nese momento. Sen finximentos nin reparos: o feito de estar xuntos sempre era un motivo de celebración, e a súa aportación de partida comezaba obligatoriamente por estar de bó humor, por transmitirnos o grato que lle resultaba o momento de reunirnos de novo.

Nos veráns, na casa dos meus pais, deixaba as cousas na mesa da cociña (sempre traía algo para acompañar o xantar), revisaba os acontecementos que se perdera dende a última vez que nos miráramos e comentaba con paixón e ironía as novas que traían os xornais, entre escandalizada e divertida, xogando cos titulares e esaxerando un pouco a súa reacción ante a barbarie xeralizada que percorría o mundo.

O seu último verán connosco, en 2017, non foi como os demais. A metástase avanzaba imparable polo seu organismo. O seu corpo, atravesado por dores incalmables, encollíase a ollos vista dun día para outro. A transparencia do seu sofrimento conmovíanos tan profundamente que eramos case incapaces de dicirlle nada. A miña tía Mariló, que sempre traía o consolo da súa presenza consigo, esvaraba paseniñamente con cada hora, nun traxecto que non admitía compaña. A miña nai, ao seu lado, sempre pendente de cada xesto, sofría silenciosamente coa desaparación progresiva da súa irmá. Acostumada a manterse en pé pese a todo, esforzábase por gardar a súa dor nalgún lugar remoto da súa alma, procurando mantela a distancia, expulsada a outro país do que, sabía perfectamente, pronto voltaría como unha besta desbocada.

Así, no verán de 2017 todos contíamos a respiración nas comidas coa miña tía Mariló. Acostumados ao seu caudal de risas e á súa conversa, a vernos mellorados no espello da súa mirada, contemplabamos o seu silencio como quen mira arder unha paisaxe. No seu lume persoal ardíamos tamén nós, a distancia, afogados polo fume que deixaban as súas queixas en voz baixa, as súas miradas doentes, o seu corpo fráxil que se facía pequeno case cada hora de agosto, como se o sol daqueles días non quentase e ao seu arredor sempre fixera un frío de aire acondicionado averiado.

Lembro a súa figura envolta nunha toalla sentada nunha tumbona tratando de acumular raios de sol sen éxito no seu corpo preso dun enfriamento incomprensible. Dando cabezadas nun estado intermedio entre a vixilia e o sono, nun rictus que condensaba o tránsito que estaba a experimentar. Cando tiña unha sesión dura de quimioterapia ou de radioterapia chegaba esgotada como se lle tiveran quitado todas as forzas que aínda lle quedasen, mentras ela, aínda así, trataba de racionalizar a dor inexplicable que se extendía como un exército imparable por todos e cada un dos osos do seu corpo. Pese as boas palabras e ás frases de consolo referidas a unha próxima melloría, que, según os médicos chegaría máis adiante, o noso silencio compartido, o noso silencio estupefacto, o noso silencio abraiado pola experiencia que estaba a atravesar, creaba un espazo angustioso ao seu arredor so fracturado por comentarios esporádicos sobre as cousas do día, as do mundo ou mesmo as nosas, tan nada nese momento.

Cara a setembro xa albiscabamos o desenlace que ía ter lugar. A velocidade dos procesos, a fractura do seu organismo. A desaparición total das risas, dos comentarios. As bolboretas que deixaran de sacudir as alas. A froita fresca que xa non estaba. Contíamos a respiración e esperabamos o milagre. O medicamento axeitado, o tratamento correcto, algo que se lle tivera escapado á mediciña e que actuase no último momento.

Nada foi posible.

A miña tía Mariló morreu un par de meses despois dese verán de 2017. O noso mundo familiar xa non volveu a ser igual. A miña nai afanándose en vivir coa dor pola perda, unha esfera escura de densidade infinita albergada nalgún punto do seu corpo.

A miña nai segue a falar da miña tía Mariló en presente. É a súa unha presenza que continúa entre nos con insistencia e dozura. Unha presenza que, de cando en vez, lémbranos os días de todos os veráns anteriores a 2017. Cando estaba con nós e ao seu arredor habitaba permanentemente unha ledicia atmosférica, unha celebración continua de estar xuntos que boto de menos con frecuencia matemática. Desexaría ter sido doutra maneira todos os anos anteriores para terlle transmitido explicitamente o feliz que me sentía na súa compaña. O dichoso que me facía compartir horas con ela. As risas e as bromas. Toda a lixeireza que acompañaba o tempo xunto a ela. A sensación danzarina de estirar as horas cociñando e conversando e indo á praia tomar o sol, como se os días de estío foran os grans de area dun areal inacabable que sempre foran a estar aí, á nosa disposición, e nós pudieramos pasear por el indefinidamente. Deixándonos ir coa confianza inconsciente que temos na durabilidade de todo o que é bó, de todo o que está ben.



Faber cóntalle a Montag as tres cousas que lle faltan no seu razoamento sobre a importancia dos libros en Fahrenheit 451

˝Dase conta agora de por que os libros son odiados e temidos? Amosan os poros da faciana da vida. A xente comodona so desexa caras de lúa chea, sen poros, sen pelo, inexpresivas. Vivimos nunha época na que as flores tratan de vivir de flores, en lugar de medrar grazas á choiva e o negro esterco. Mesmo os fogos artificiais, pese á súa beleza, proceden da química da terra. Así e todo, pensamos que podemos medrar manténdonos con flores e fogos artificiais, sen completar o ciclo, de regreso á realidade. Coñecerá vostede a lenda de Hércules e de Anteo, o loitador xigantesco, cuxa forza era incrible en tanto estaba chantado en terra. Pero cando Hércules o sostivo no ar, sucumbiu facilmente. Se nesta lenda non hai algo que pode aplicarse a nos, hoxe, nesta cidade, entón é que estou completamente tolo. Bo, aí, está o primeiro do que dixen que necesitabamos. Calidade, textura de información
- E o segundo?
- Ocio
- Oh, dispoñemos de moitas horas despois do traballo
- De horas despois do traballo, si, pero, e tempo para pensar? Se non se conduce un vehículo a cento cincuenta quilómetros por hora, de modo que so pode pensarse no perigo que se corre, estase intervindo nalgún xogo ou se está sentado nun salón, onde é imposible rifar co televisor de catro paredes. Por que? O televisor é "real". É inmediato, ten dimensión. Diche o que debes pensar e dino a berros. Ha de ter razón. Semella tela. Asobállate tan apremiantemente para que aceptes as túas propias conclusións, que a túa mente non ten tempo para protestar, para berrar: "Que parvada!"
- So a "familia" é xente [refírese ás persoas que aparecen no televisor de catro paredes]
- Que dis?
- A miña esposa afirma que os libros non son "reais"
- E grazas a Deus por iso. Un pode pechalos, dicir: "agarda un momento". Un actúa como un deus. Pero, quen se ten arrincado algunha vez da garra que o suxeita unha vez instalado nun salón con televisor? Dalle a un a forma que desexa! É un medio ambiente tan auténtico como o mundo. Convírtese e é a verdade. Os libros poden ser combatidos con motivo. Pero, con todos os meus coñecementos e escepticismo, nunca fun capaz de rifar cunha orquesta sinfónica dun centenar de instrumentos, a toda cor, en tres dimensións, e, formando parte, ao mesmo tempo, deses incribles salóns. Como ve, o meu salón consiste unicamente en catro paredes de xeso. E aquí teño isto -amosoulle dous pequenos tapóns de goma-. Para as miñas orellas cando viaxo no "Metro".
- "Dentífrico Denham"; non mancha nin se reseca- dixo Montag cos ollos pechados-. Onde iremos a parar? Poderían axudarnos os libros?
- So se a terceira condición necesaria puidera sernos concedida. A primeira, como dixen, é a calidade da información. A segunda, ocio para asimilala. E a terceira: o dereito a emprender accións baseadas no que aprendemos pola interacción ou pola acción conxunta das outras dúas. Cústame crer que un vello e un bombeiro arrepentido poidan facer gran cousa nunha situación tan avanzada.
 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.