Arquivos

TREME, primeira temporada, David Simon e Eric Overmyer (2010). Parte I: unha nota sobre Creighton e Lambreaux

Esta semana voltei ver a primeira temporada de Treme. Os dez capítulos en tandas de dous en dous, de luns a venres. Só podo constatar que, liberado do impacto da novidade, disfrutei cada minuto como se fora unha volta ao fogar continuada, como estar reencontrándose de seguido con cousas fundamentais que un cré saber sobre a vida, as persoas, o amor e a morte. Como na primeira vez, rematei soltando unha bágoa nese momento no que Toni Bernette abre o seu automóbil e colle a carteira de Creighton para descubrir que todo estaba aí. TODO.


Quizais o máis destacable desta serie na cal todo resulta arrebatador e emocionante sexa a contraposición entre os caracteres heroicos de Creighton Bernette (un John Goodman simplemente arrollador) e o Gran Xefe Lambreaux (un Clarke Peters telúrico que semella encarnar un poder terrenal no que se condensan séculos de historia). O primeiro, profesor universitario de literatura e escritor en crise, é un heroe dionisíaco posuído por unha cólera que vai tanto cara adentro como cara fora. O segundo, albañil e líder dunha tribu india formada por habitantes negros das barriadas pobres, é un heroe apolíneo, posuído por unha furia desbordante cara aos responsables da traxedia asociada ao Katrina. Cada un eles representa un modo de vida diferente no seo de clases antagónicas: Creighton vive coa súa dona -unha avogada indestructible convencida da forza das ferramentas da xustiza- e a súa filla adolescente nun barrio de clase media-alta que levou ben as inundacións e a devastación do furacán. O segundo vive nun barrio popular literalmente barrido da face da terra tras as inundacións. Ambos son conscientes de todo o que está índose ao carallo na súa cidade coa inactividade calculada das autoridades locais e federais e ambos, cada un á súa maneira, buscan dar saída á súa necesidade de alterar o aparentemente intocable curso das cousas.

Creighton Bernette non ten experiencia na loita coas inxustizas. A súa furia difúndese a través de incendiarios soliloquios que colga con gran éxito en youtube. Máis aló do recoñecemento dos seus veciños e amigos, carece de capacidade transformadora. Domina a palabra que sinala a inxustiza, pero está separado da posibilidade de actuar sobre a realidade por un problema inherente á súa procedencia: non sabe o que é formar parte dunha loita colectiva, carece de ferramentas para articular socialmente a súa necesidade de pelexar. Entregado aos seus discursos youtubeianos, vai perdéndose nunha espiral de estupefacción na cal a melancolía pola súa cidade perdida e unha sensación de abandono absoluta o conducen a unha calella sin saída. É o persoaxe tráxico da serie e aquel co cal non podemos evitar sintonizar unha franxa de público considerable.

Fronte a el, o Gran Xefe Lambreaux leva ás súas costas a herencia de décadas de loita. É o líder dunha comunidade de negros indios organizada arredor do desfile de Mardi Grass e a competición de traxes nas rúas con outras tribus. El si sabe que facer: escolle obxectivos concretos dentro da devastación xeral, estrutura unha loita organizada na que conta co apoio do seu grupo, traza unha estratexia de batalla con movementos definidos e cun estudo milimetrico de custos e consecuencias dos seus actos. É apolíneo porque a súa enerxía, a súa vitalidade emborronadas de cólera non se dirixen cara un automartirio de corte nostálxico senón a unha busca da transformación das condicións de vida nas que se atopan. É apolíneo porque a súa integración nun colectivo o pon a salvo da autodestrución persoal que conleva ser un heroe solitario. Lambreaux é un activista político no senso amplio da palabra. É un cidadán que participa da vida no seu barrio e que arrisca a súa propia pel na defensa dos seus o dos seus dereitos. Mentras Creighton embarranca nos baixíos da súa tristura de home solitario, Lambreaux cabalga sobre a rede comunitaria na que está integrado. Mentras Creighton sufre a erosión dunha pulsión autodestrutiva que o amor da súa muller e a súa filla non poden conter, Lambreaux crece día a día no decurso da súa loita, recupera o contacto cos seus fillos, cos seus veciños espallados polo país como refuxiados do desastre e crea novas ligazóns ao seu arredor. Enfrontado a políticos e policías, encarcelado por ocupar unha vivenda social, golpeado por non axeonllarse na súa detención, Lambreaux encarna no seu corpo o significado das palabaras que importan: dignidade, resistencia, responsabilidade, integridade.

No máis alá das consecuencias dese Katrina do que fala a serie atopamos que Creighton e Lambreaux confrontan dúas visións diferentes de como integrar a experiencia vital persoal no colectivo. Creighton é un prisionero da memoria: está invadido polo recordo doente de todo o que se perdeu nas inundacións da cidade. Cortocircuitado polo asalto continuado de sensacións e imaxes dun pasado ido para sempre, queda á deriva, estrañado ante todo, perplexo pola indiferencia do mundo. Lambreaux, pola contra, é quen de dar o salto fundamental: a memoria transformada en historia posibilita a integración desta na experiencia persoal e colectiva. Lambreaux pode distanciarse das emocións terribeis asociadas á destrución. É capaz de facer un duelo en condicións polas vidas e as cousas perdidas e de marcar con claridade o trauma da cidade arrasada na súa experiencia vital. Esta capacidade está ligada á súa traxectoria persoal: outros antes que el sofriron e padeceron e foron maltratados e ignorados polo mundo. O seu ADN cultural e antropolóxico, o seu capital simbólico, a súa inserción nunha historia máis ampla que a súa vida, nunha rede de tradicións e de mitoloxías compartidas, o facultan para enfrontar o presente dende unha posición á cal Creighton nunca podería aspirar. Lambreux pode darlle sentido a todo o que acontece e posicionarse fronte a elo. Creighton, abandoao a unha melancolía en espiral, pérdese nas viravoltas dun nonsense ante o cal está indefenso como individuo illado.

De fondo, como non, a experiencia singular dunha cidade na cal o popular adquire unha dimensión descoñecida nestes tempos de capitalismo disolvente. O aforismo marxista -empregado até o exceso- do capitalismo como substancia que converte en gasoso todo o que é sólido adquire aquí unha presenza case ominosa: o sólido son as relacións entre os habitantes dos barrios populares, o sólido é ese colectivo de músicos que vive ao día en casas que están a caerse, o sólido é esa comunidade de afectos e de circunstancias compartidas que leva aos habitantes a reclamar as rúas o Mardi Grass malia non ter rúas polas que pasear, o sólido é a tradición compartida e as singularidades antropolóxicas inherentes a cada comunidade, o sólido son os soños persoais integrados nunha rede común de desexos de melloras colectivas. O sólido son eses desfiles de xente disfrazada, esas bandas de música tocando nas rúas, esas persoas que non se renden ante adversidades continuadas, ante desgrazas intolerabeis e que, malia todo o que acontence din "non nos rendiremos, non sabemos como".
 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.