Estás lendo

O silencio das (supostas) clases medias

Hai convocada unha nova folga xeral para o próximo xoves 27.

No meu colexio está instalándose ultimamente un costume que me preocupa: non se fala de política nin de nada que poida ser minimamente conflitivo. Así, os intentos de dous compañeiros meus por sacar o tema na cafetería dos profes conduciron a un silencio un pouco estraño. Non dou interpretado eses silencios. Non sei si significan "isto da folga interésame un carallo" ou "non vou discutir con xente que me importa un carallo de cousas que me importan outro carallo" ou "para que discutir de cousas que me importan un carallo: manteñamos este barniz de bó rollo suposto a base de non falar de cousas que teñan importancia".

Moitos dos meus compañeiros len os xornais. Beben despazo os seus cafés. Comentan as novas máis frívolas da prensa. Míranse con aburrimento e desinterese crecente. Falar supón, dalgunha forma, poñerse en xogo, expoñerse máis da conta. O tema da folga é complicado en moitos aspectos: xente que segue a crer que as folgas non serven para nada, agás molestar "á xente de ben", xente que pensa que as folgas son útiles de cando en vez pero esta non é unha delas, e xente que está convencida de que o seu deber ético é facer folga esta e as veces que sexan necesarias.

Os profes cremos estar a salvo na nosa trincheira imaxinaria mentras aí fóra o tsunami arrasa con todo. Porén, para cando queiramos levantar a cabeza non teremos nin siquera a quen mirar para pedir axuda. O estar calado resúltame cada vez máis unha forma especialmente agresiva de desaparecer do mundo. O problema e que, como o dinosaurio do conto, o mundo segue aí. E cada vez dá máis medo.

Comentarios nesta entrada

O Fuco

Prestoume o post. Parabéns. A cita do dinosauro lembroume ao "eu paso de política" que tanto lle gusta repetir á xente. Sempre que me din iso contesto o mesmo: "ti podes pasar da política, pero a política nunca pasa de ti".

cossimo

No program Bakuninista, a folga xeral é a panca empregada para iniciar a revolución social.Unha boa mañá todos os traballadores de todas as industrias dun país ou mesmo de todo o mundo, paran de traballar, obrigando entón as clases propietarias, ben a sometérense humildemente como moito en catro semanas, ou ben a atacar os traballadores que entón terían todo o dereito a se defenderen e a usaren esa oportunidade para derrubar todo o vello edificio social.[...]aínda que todo o mundo admite que semellante acción requeriría unha eficaz organización das clases traballadoras e unha morea de cartos. Eis o problema.Por unha banda, os gobernos, especialmente naqueles territorios cunha alta abstención política, nunca han permitir nin os niveis de organización nin os fondos necesarios para atinxir eses obxectivos; por outra banda, os acontecementos políticos E OS ACTOS REPRESIVOS POR PARTE DAS CLASES DIRIXENTES HAN CONDUCIR Á LIBERACIÓN DOS TRABALLADORES MOITO ANTES DE QUE O PROLETARIADO SEXA QUEN DE ESTABLECER TAL ORGANIZACIÓN IDEAL E CONSEGUIR TAL RESERVA DE FONDOS. Pero aínda que fosen quen de os conseguiren, entón nese caso, non terían necesidade de recorrer á estratexia indirecta da folga xeral.

ENGELS.
http://www.marxists.org/archive/marx/works/1873/bakunin/index.htm

As folgas son ferramentas necesarias cun alto valor simbólico e propagandístico; pero, dende un punto de vista estratéxico e pragmático, resultan claramente improductivas. Hai uns meses Francia estivo literalmente paralizada durante non sei cántos días pero a reforma da idade de xubilación foi igualmente aprobada.
Por outra banda, qué me di do silencio das clases traballadoras? Un empregado de carrefour ou un informático de e-bay, non habitan a mesma trincheira cós profes de instituto? Debemos facer folga para que o chantaxista sector do automóbil non destrúa postos de traballo? Pero se xa hai máis coches cá persoas! Temos que protestar pola perda de empregos no sector financieiro? Cal sería a súa postura se dentro dun mes a ugt convoca outra folga en solitario?
Se cadra, no fondo só intento xustificar a miña covardía pero ás veces, dáme por pensar que, perante todo este desamparo, a única solución contra o estalinismo de mercado e contra o productivismo ad infinitum é un retorno a algo parecido a un comunismo primitivo de novo cuño. Estamos atrapados nunha contradicción: temos que loitar contra uns poderosos cada vez máis poderosos que nos queren cada vez máis débiles; pero, no proceso, temos que loitar tamén contra nós mesmos. Ou algo así.

Por estas e por outras razóns que a vergoña me obriga a silenciar, eu mañá non vou.

willy

A estas alturas non son capaz de captar todas as sutilezas que propón, cossimo. Neste momento evolutivo do capitalismo turboalimentado ou como queira chamalo só hai dúas clases de actores xogando na liga planetaria da distribución da riqueza: os estados e as multinacionais.

E, sendo os estados os últimos capaces de establecer algunha clase de mecanismo igualitario por feble que sexa, os únicos capaces de facer efectivo un certo reparto da riqueza, os únicos capaces de chegar aos que non teñen nada de xeito efectivo, os únicos, en definitiva, con capacidade de fornecer o case extinto vínculo social e de alentar certa clase de emancipación vía a gratuidade da sanidade ou o ensino públicos e os únicos que poden garantir o funcionamento das democracias (o queda delas, precisemos), debemos dirixir a eles as nosas demandas de resistencia.

Eu fixen folga porque a) podo permitírmelo (se tivera un contrato temporal de 3 meses cobrando 700€/mes xa mo pensaría máis, claro, son pijo de chapapote, non un heroe da loita obreira), b) estou farto de todo -empezando por min mesmo-, e c) porque o ambiente de "non demos a impresión de que vivimos nun pais convulso non vaian cabrearse os mercados" xa me ten moi canso.

En calqueira caso, os seus motivos para non ir á folga non teñen nada que ver coa chea de xustificacións idiotas que levo escoitado estes días.

E se a UGT convoca outra, alí estarei, claro.

cossimo

A verdade é que xa estou arrepentido.

No pequeno ensaio Notas sobre lo camp, Susan Sontag di: "Me siento fuertemente atraída por lo camp, y ofendida por ello con intensidad casi igual. Es por eso por lo que quiero hablar sobre el tema, y es por eso por lo que puedo. Porque nadie que comparta decididamente una sensibilidad determinada puede analizarla; solo puede, cualesquiera que fueren sus intenciones, exponerla. Dar nombre a una sensibilidad, trazar sus contornos y referir su historia, exige una profunda simpatía, modificada por la repulsión.

Pois iso.

Piranha (making friends since 1973)

ups perdón, pasaba por aquí pero este es un nivel superior al mío. Me he vuelto a aquivocar al darle al botón del ascensor. Reitero mis disculpas (coño, reitero, si ya se me está pegando algo)

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.