Arquivos

expliquemos agora o que xa sabiamos que nos ía suceder



noticiero documental vigués
Jobá, marcho de Vigo e a Otan aproveita para invadir Samil. Siniestro Total non se deron conta de que un feito como este era probábel, pero un deses grupos friki-flauta que se dan na península ibérica de cando en vez, por unha vez na súa carreira, soubo ver o futuro cunha claridade que da medo (non tanto como o resto das súas cancións):




(PD: dentro de pouco teremos que respostar a preguntas do tipo "onde estaba vostede o día que a OTAN invadiu Samil?" Maldición eu non estaba alí!)
calma total
Tomo o sol polas tardes en praias diminutas cheas de cantullos. Fago o morto en augas lixeiramente máis quentes que as que son habituais en mi na península do Morrazo. Paso as horas contemplando un mar que non sube nin baixa. Paseo por calellas de casas brancas con sillas nas portas nas que falan veciños con aspecto de levar toda a súa vida alí sentados. Leo libros en cafeterías nas que o sol sempre entra por un lateral. Fago fotos. Vou á compra sen a carga de fastidio habitual durante o resto do ano. Cando meto a cabeza na auga o meu corazón latexa con máis lentitude. Cando a meto no xornal, acélerase lixeiramente. Polas mañás o sol sae ás seis e media. Hai tanta luz.
medo e noxo en cambados
(desculpas aos fans de Hunter S. Thompson polo xogo de palabras lamentábel)






[vía o tuiter de brétemas]
philip roth, indignación
O protagonista da última de Philip Roth ten dezanove -a idade na cal a algúns pásalles de todo mentres outros viven o prólogo dunha novela cuxo argumento principal xira en torno ao bostezo- e vive na América dos 50, a do ensaio xeral para a obra de teatro que estamos a vivir nos nosos días. O protagonista de Roth tenta ser o fillo perfecto mentras no seu interior algo vai collendo tamaño. É xudeu pero ateo. É bó estudiante pero totalmente asocial. Sabe falar, pero incéndiase con facilidade e a sinceridade lévao a darse trompadas continuamente. Góstalle unha moza, pero o estropea todo con ela de xeito absurdo. Mentras se suceden as situacións nas que entran en conflicto o seu eu de cara a fóra e o seu eu de cara adentro, el vai repetíndose un fragmento dunha canción americana que celebra a victoria dos chinos sobre os xaponeses na segunda guerra mundial. Un dos versos contén unha palabra, in.dig.na.ción, que se repite a si mesmo cada vez que o mundo exterior o leva ao conflito aberto. Contra si mesmo e contra os demáis. Conforme pasan as páxinas a palabra colle corpo, aumenta de tamaño, ocupa espazo no libro e afoga o resto da narración, ata que chega un punto no cal parece ser o único escrito. Pensei nun libro con once páxinas, unha por letra, cada letra a tamaño 90 puntos. I.n.d.i.g.n.a.c.i.ó.n. Hai que dicila máis.
summer paranoia (e IV)

X. O ministerio de non sei que pretende que unha fundación afín ao Opus Dei peche una páxina web supostamente educativa por sexista. A tal páxina, fundamentalmente, é unha apoloxía dun tipo de educación que xa estaba resesa nos anos cincuenta do século XX. Ese peche que pretende o ministerio de turno supón o de sempre: os cidadáns somos unha banda de descerebrados que precisamos unha tutela permanente pola nosa incapacidade de pensar por nós mesmos. Non é mellor que toda esa ideoloxía de baratillo esté exposta publicamente para poder rebatila, facer coña dela, e situala no seu lugar en vez de adoptar a postura preventiva tan cara aos ministerios de non-sei-que que consiste en pechar-censurar-eliminar?

XI. Acerca de eta: teñen táctica de guerra, pero non estratexia política. No plano militar o balance de forzas está contra eles. Á súa renuncia ao ideolóxico e ao político os leva cara unha auto-destrución previsíbel. Son un residuo de violencia premoderna na era da pospolítica, violencia espectacular e mediática -o único que semella importarlles- pero inoperante e ineficaz. Violencia ao servicio de ninguén, só da propia violencia. Matar só lles serve pra poder seguir matando. Nesta tautoloxía hai un ensimismamento siniestro no cal está ausente o principio de realidade. Nesa ausencia está a semente da súa propia desaparición: non saben en que mundo viven e non saben da súa condición de residuo. Nos dous sentidos da palabra, claro.

XII. Os primeiros días das vacacións neste pobo mediterráneo atopamos uns rapaces que vendían cunchas e ourizos de mar secos no paseo principal da vila aos turistas máis despistados. O que empezou sendo un xogo gracioso protagonizado por un par de nenas espabiladas con moito tempo libre, de súpeto voltouse tendencia entre a rapazada: unha ringleira de nenos de entre cinco e dez anos vende dende as citadas cunchas (xa en decadencia) ata gafas de sol dos chinos, pasando por rochas pintadas con paisaxes típicas, cadros do peirao en pleno solpor e xoguetes de segunda man variados. O libre mercado é unha enfermidade infeciosa. A ansia de vender cousas é un reflexo adquirido ou unha tendencia innata? Danme medo eses rapaces que combinan o ocio veraniego coa vocación empresarial e a ambición financiera (xa vin ofertas de 3x2 en cunchas e ourizos por "liquidación de stock") con tanta naturalidade como os novos taveiróns que saen en masa das escolas de negocios dispostos a comerse o mundo. Claro que, ultimamente todo me da medo.
 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.