safety car en pista!Un día desta semana van vir os examinadores que fan o informe PISA ao meu colexio. Malia que non se dan os resultados por centro, senón o global de toda Galicia, reina certa inquietude disimulada entre nós. Por unha banda, un non está moi acostumado a que unha instancia externa avalíe os resultados do seu traballo. Pola outra, a idea de que a educación é comparable a unha fábrica de automóbiles na cal a calidade examínase comprobando in situ as deficiencias do produto final dame noxo directamente. Moitos dos meus alumnos de 4º da ESO andan propoñendo abertamente un boicot a esta actividade. Os motivos son variados, pero poden resumirse en dous: para que facer un exame que non lles vai servir para nada, e, como no, a actitude bartleby, prefería non facelo. Simpatizo con eles.
A tendencia contemporánea é considerar o ensino como unha instancia xeneradora de man de obra máis ou menos cualificada que debe reproducir o esquema da desigualdade sobre o cal se fundamenta a nosa sociedade. Neste senso son dos que viven nunha contradición vital flagrante: mentras penso que a escola debe xogar un papel emancipador -como explica marabillosamente Jacques Rancière no "maestro ignorante"- as miñas prácticas docentes fanlle o xogo ao sistema educativo: fago exames (o máis clasista dos sistemas de control do rendimento escolar), dou "clases maxistrais" "explicativas" (como facían os meus profes de fai mil anos), xogo cos absurdos dos meus propios sistemas de cualificación ("tes un 4,999, síntoo, estás suspenso"), apenas me preocupo pola atención aos estudantes máis problemáticos (descargo o traballo no profesorado de apoio) e manteño en pé todo o tinglado educativo que considera a aprendizaxe como unha carreira de obstáculos na cal hai que ir saltando unha sucesión de vallas interminable.
Gustaríame poder rachar con todo isto. Mandar á merda a miña forma de dar as clases, de avaliar, de cualificar e de estruturar a miña actividade conformada arredor deste modelo que reproduce o esquema diso que Bordieu chamou "a ditadura dos intelixentes". Teño algunhas ideas e o apoio de moitos dos meus compañeiros, teño certos medios a miña disposición e o desacougo permanente que me empuxa a facer o cambio. Porén, se o penso demasiado síntoo un pánico descontrolado. Non creo o suficiente na alternativa que pretendo. Non son o bó que debería ser para soster o esforzo da transformación. Quero militar nun tipo de entrega profesional pero non atopo as forzas. Láiome da miña parálise mentras pecho os ollos e trato de experimentar esa lentitude que sinten os pilotos de fórmula un cando hai un accidente e sae o coche de seguridade. Trato de estirar a pausa, sabendo que antes o despois terei que pisar de novo o acelerador a fondo.
Maldición. Que hostia estou a facer.