Estás lendo

Día 43 da corentena

Pasei de escribir os días pares de corentena a facelo os impares. Camiño da cincuentena, que significa isto? Mentras busco resposta a isto: a palabra de moda destes dous últimos días é pulsioxímetro. Un aparato que mide a saturación de osíxeno en sangue. Unha busca rápida en internet revela que están esgotados en todas as farmacias reais e online que un poida imaxinar.  Saímos do circuíto farmacéutico e imos ao retail online. No Corte Inglés, esgotados. No Lidl, esgotados. En Amazon, os cinco modelos con mellor puntuación dos clientes, esgotados. A paranoia ama os días impares. Crece neles como se atopara terreo aboado con esterco da mellor calidade. Hoxe é o día 43 da corentena. Surfeamos por internet entre o pánico -polos casos coñecidos que eran asintomáticos e de pronto convertíronse en pacientes UCI bruscamente- e a paranoia "son os pulsioxímetros as novas mascarillas e en breve van ser imposibles de atopar?".

 Un artigo dun divulgador que goza da nosa confianza alértanos un pouco máis: un pode ter o virus sen síntomas mentras os seus pulmóns van colapsando, pero, por culpa do mecanismo de intercambio de O2 (que non chega ben ao sangue) e CO2 (que sae con normalidade) nos alveolos pulmonares, un non ten sensación de afogo. O tema é que se a saturación de O2 cae demasiado pode ser demasiado tarde tamén. Entón, concluimos, se un sente unha fatiga abraiante e non sabe a que se debe, e ademais non ten ningún síntoma da enfermidade que nos ten pechados na casa, unha simple medida co pulsioxímetro pode marcar a diferencia entre entrar de cabeza a unha UCI ou non facelo. A paranoia e os días impares crecen de forma esaxeradas nestes tempos, seino, pero como dicía o noso querido William Burroughs "un paranoico so é unha persoa ben informada". Entramos en Amazon, ese sitio no que xuraramos fai case sete anos que non iamos entrar nunca máis. Facemos todo o que odiamos profundamente, dar datos á esgalla, ler as humillantes opinións dos clientes-bots que viven no ecosistema amazónico, regalar a nosa pasta a ese Jeff Bezos que é o tipo máis rico do mundo e non paga apenas impostos por elo e que sabe que o negocio son os datos e non os pulsioxímetros. Pasamos a Visa. O aparato chegará o 10 de maio, no día 58 da corentena. O futuro ten forma de número par. A paranoia ten gostos impares. Todo isto son arbitrariedades, pero en momentos de incertezas absolutas o voo dun pardal diante da ventá da casa pode ser o anuncio de algo. Que estamos facendo? Como bós colapsonautas, sucumbir. Derrotas pequenas que anuncian unha derrota maior para a que non estaremos preparados. Que o colapso nos pille coa saturación ao 98%, cifra óptima según os sitios de internet supostamente adicados á medicina.

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.