O mellor destes trinta e seis días de confinamento sucedeunos antonte: vimos
Portrait de la jeune fille en feu, de Céline Sciamma en filmin. Quedei impactado co filme e escribín
unha reseña na miña conta de filmaffinity (en castelán, que ahí non deixan escribir máis que na lingua oficialísima do estado expañol). Sempre a mesma pregunta: por que non a vin no seu momento? Lembro o cartel nos multicines norte alá por outubro e as boas críticas nas miñas revistas de referencia. É como que cando algo ten un recoñecemento unánime e abraiante póñome no sitio do escéptico absoluto. Así vou deixando de ver películas, de ler libros e de facer cousas, en xeral, que son imprescindibles por un reflexo que se atopa no punto medio exacto entre o paranoide e o narcisista. En fin.
No segundo lugar das "mellores cousas que me teñen pasado nestes días de confinamento" atópase o visionamento da primeira tempada de
Community. A serie (obra de Dan Harmon, o co-creador da marabillosa
Rick and Morty xunto a Justin Roilland) é de 2009 e nela saen Alison Brie (a voz de Diane Nguyen na superlativa
BoJack Horseman), Donald Glover (o nome real detrás de Childish Gambino), Chevy Chase ou Ken Jeong. Con frecuencia, cando a xente fai a súa declaración serifílica de turno, un se atopa no medio de listas cruzadas tipo "as cinco/dez mellores series de TV da historia" e movidas polo estilo, descubrindo -con certo asombro- que entre as cimas do formato case nunca hai a) algunha de debuxos animados ou b) algunha comedia. O top cinco ou top dez sempre inclúe -recoñézoo- algunhas das miñas series favoritas, pero é rarísimo atopar nestas listas -tan persoais, tan alimentadas tanto pola vaidade como por inseguridades varias- algo que se salga dos dramas profundos, do xénero negro con protas torturados, da marcianada libérrima ou da megaprodución con dragóns ou con osos polares nunha illa exótica. É difícil atopar a alguén que fale, por poñer algúns exemplos, de
The Young Ones,
The Black Adder,
Get a life,
The IT Crowd,
My name is Earl,
Mom,
Arrested Development ou
The Office (esta si que aparece de cando en vez). O humor sempre está un banzo por debaixo da gravidade, o que nos fai rir nunca xoga na mesma liga que aquilo que nos fai tremer de emoción ou nos fai apertar furiosamente o brazo do sofá pola tensión. Non o dou entendido. Poucas cousas fanme tan feliz como botar unhas gargalladas diante dunha pantalla. Porén, para moitas persoas non é suficiente. Facerche rir, parece ser, para a maioría da xente, sempre é insuficiente e semella evidenciar unha escaseza de profundidade ou lucidez. Por iso, cando descubro cousas como
Community, ademais de desfrutar como un tolo con cada capítulo, aproveito para refacer o meu listado persoal de series favoritas, reivindicando no meu espazo interior a miña propia lista de favoritas, as series campionas da risa as que volto cando poido. Eu, que tendo por natureza (quizais por educación, non sei) ao melodrama e ao exceso de adxectivos e adverbios grandilocuentes, recoñezo que (valga a redundancia) me recoñezo a min mesmo singularmente no acto de rir. Cando algo consigue que me salga esa risa, interiormente expreso un agradecemento profundo derivado de eliminar a distancia comigo mesmo coa que vivo o resto do tempo. Como cando un non consegue enfocar algo correctamente porque ten dúas imaxes superpostas e, de súpeto, estas encaixan dando lugar a unha soa. Iso é o que me fai a risa: elimina a distancia entre o que son e o que creo ser, fundindo temporalmente ambas cousas nunha soa. Ese acoplamento fugaz, compacto e sin fisuras é a idea que teño da felicidade. E todo por unhas risas. Que movida.
Publicar un comentario