Estás lendo

Día 32 da corentena

Antonte cumpríronse cinco domingos de peche na casa. O tempo pasado desta maneira acumúlase e vai pesando, repartíndose polas distintas partes do corpo como unha substancia fluída de densidade variable. É algo imperceptible no día a día pero evidente se un se compara coa versión de si mesmo anterior ao 14 e marzo. A viaxe comeza a producir efectos secundarios. Non so a fatiga nin o aburrimento ou a incapacidade de concentrarse. Tras os mil intentos para desviar a atención do elefante na habitación, somos conscientes de como vai medrando, paseniñamente, unha ansiedade de baixa intensidade que permanece borrosa, en segundo plano, difícil de asignar a un síntoma concreto. Pode ser algún tipo de malestar orgánico de escasa importancia pero de persistencia estraña. Poden ser pensamentos erráticos ou baixóns emocionais que se producen inesperadamente. Variantes mínimas da melancolía sen obxecto, microaccesos de pánico, a mirada perdida na fachada de enfronte, buscando nas manchas de humidade algún tipo de sinal sobre o futuro. Etc.

Son vítima un pouco de todo o anterior. Cociñamos con calma, e, grazas a iso, estamos a comer bastante mellor do que o facíamos antes do confinamento. Adicamos cada día aproximadamente hora e media a facer exercicio e ioga grazas aos tutoriais de youtube. En xeral coidámonos dentro das posibilidades que ofrece a situación. Pero o desgaste interior crece día a día. Ás veces sentímonos como móbiles que están achegándose á liña vermella do indicador da batería, aferrados con forza aos rituais domésticos como único compás neste deserto no que se teñen convertido os días. A información sobre a situación comeza a ser unha pequena tortura. Xa ata moléstanme as gráficas, os modelos matemáticos que me fascinaban ao principio, as estimacións de cando a curva tomará a forma dunha función loxística, as especulacións sobre os rebrotes ou o proceso de desescalada que ninguén sabe como vai ser. Vivimos nun universo conceptual fabricado a base de cachos de matemáticas, bioloxía, socioloxía e antropoloxía que incorpora termos a velocidades inhumanas. O ritmo de difusión de vocablos novos e de confección de futuros probables é insostible. Tragamos toneladas de información tóxica cada día. Sen sabelo -sen querelo- embelenámonos de forma mecánica e programada, ao ritmo das novidades incesantes. A factura deste banquete descomunal de tóxicos informativos vai ser inasumible. As nosas almas, quebradas como as costas de pequenos lagartos en mans de rapaces crueis, xa non dan para máis. Precisamos un inmenso espazo aberto habitado polos ruídos que facemos os humanos cando estamos xuntos, lonxe das nosas covas actuais, lonxe dos titulares e a estatística e os futuros negros como un universo sen estrelas. Polo noso ben.

---------
Hoxe saín á rúa despois de tres semanas para facer unha pequena compra na tenda que temos ao lado de casa. Enfundado cos meus guantes de látex e a mascarilla preceptiva gardei os metros de distancia recomendados coa outra clienta da tenda e coa encargada desta. Alí metidos, formando un triángulo escaleno de dimensións variables, de cando en vez botabamos unha ollada entre nós, para confirmar que non estabamos dentro dun pesadelo distópico. Que as indumentarias e o distanciamento eran a nosa realidade real. Cando chegoume o turno de pagar intercambiei dúas frases mínimas, "que tolemia, todo", "que situación tan rara". A resposta foi unha boa labazada ás miñas queixas de tipo privilexiado que ten a sorte de estar vivindo todo isto amurallado na súa vivenda: "me lo vas a decir a mí". Terra trágame. Glubs.


Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.