Estás lendo

Día 24 da corentena

Durante estes días de corentena a miña dieta musical quedou un pouco reducida a dúas cousas: FKA Twigs e Purple Mountains. Non so, pero basicamente é o que escoito de forma reiterada.

No caso da primeira flipo con todo o que fai: as letras, os arranxos das cancións, as mesturas estilísticas, os vídeos, o artwork dos discos, a voz e a presenza que ten. Se LP1 (2016) era un disco sólido e brillante en bastantes ocasións, Magdalene (2019) paréceme unha obra mestra absoluta e incontestable. O tempo comatoso da electrónica esnaquizada que fai de base en pendulum mentras ela parece cantar nunha especie de trance extático interminable. Fallen angel, sen apenas sección rítmica e cunha especie de campá que funciona a modo de metrónomo-soporte para bases descadradas que nacen e morren abrindo espazo para unha voz pletórica de enerxía que repite "I´m a fallen alien, I´m a fallen alien". Celophane, que arranca con algo apenas maior que un suspiro a cámara lenta sobre un piano con tendencias suicidas, e, tras o cal, a voz vai crecendo en medio dunha atmosfera sonora enrarecida que a ameaza co rompela continuamente. Ou sad day, na cal Thalia canta como se fora unha Lana del Rey susurrante que vai crecendo en intensidade a cabalo dunhas bases que entran e saen da escena deixándoa, alternativamente, ben a solas coas súas confesións case a capela, ben amplificando as súas proclamas que escoitará todo o mundo con excepción da persoa a quen van dirixidas: "Ah, would you make a, make a, make a wish on my love?". Polo medio, as playlists automáticas de youtube ou spotify van introducindo temas de Kelela, Jorja Smith, Grimes, Charlie XCX ou mesmo Blood Orange sen que eu entenda moi ben por que os algoritmos estes fan semellantes deduccións, pero recoñecendo que me teñen ben controlado.



No caso de Purple Mountains (o disco do grupo homónimo do defunto David Berman, suicidado o pasado agosto de 2019), sento a necesidade idiota de ir ata o fondo das súas cancións. Collo a guitarra, busco as tablaturas en internet e trato de acompañar o fraseo vocal de David sen conseguilo. Son cancións sinxelas a nivel armónico e rítmico, pero as liñas melódicas fánseme imposibles. Porén, se hai algo que me rompe absolutamente, máis alá da voz crepuscular de David ou os arranxos infinitamente tristes a ratos ou ironicamente melodramáticos outras, son as letras. Nelas hai un espirse emocionalmente que resulta abraiante. David canta ao amor perdido, ás amizades que se estragaron, ao feito de facerse vello e atoparse so, aos tempos felices nos que o amor e as amizades estaban aí diante e eran cousas que se daban por supostas. Quizais os dous temas que máis me trastornan son All My Happiness Is Gone, e Maybe I´m The Only One for Me, monumentos absolutos á desolación total. A primeira, tras unha intro agónica de dous minutos, xoga cunha liña de baixo que da saltos cunha alegría que roza o pletórico mentres o xogo armónico e a letra abren o chan baixo os nosos pes: "Friends are warmer than gold when you´re old/ And keeping them is harder than you might suppose/ Lately, I tend to make strangers wherever I go/ Some of them were once people I was happy to know". O ritmo é o dunha canción pop para ir coreando no coche coa ventá baixada mentras tarareamos "toda a nosa felicidade foise" entrando nun curtocircuito emocional absoluto. O segundo tema xoga nas mesmas coordenadas: unha melodía que aspira a poñernos moi arriba mentres a súa letra busca perforarnos o corazón detallando a estrañeza de estar sempre so e rodeado de parellas por todas partes, cun protagonista incapaz de afrontar un autoodio insuperable: "I´ll put my dreams high on a shelf/ I´ll have to learn to like myself/ Yeah, maybe I´m the only one for me".  No meu top de favoritas siguen ás anteriores ese cántico incondicional ao amor da súa nai -I Loved Being My Mother´s Son-, a descrición dun inverno a solas nunha Nova Iorque nevada -Snow Is Falling In Manhattan-, o laio por un mundo ao que non chegan novas nin palabras dun deus que permanece xordo ás nosas plegarias -Margaritas At The Mall- e a descrición desapaixoada do equivalente á morte térmica do universo no nivel das propias emocións tras a ruptura co amor dunha vida -Darkness And Cold-. O conxunto é arrebatador e adictivo. Unha infección da que é difícil librarse. Berman morreu so, devorado polas súas adicións -incluidas débedas de xogo que rondaban os cen mil dólares- e deixando como testamento musical un disco que avisaba claramente da súa situación persoal a un paso do abismo. Coma é habitual, non había ninguén do outro lado para facerse cargo, so os fans entusiasmados co enésimo descenso aos infernos do seu artista favorito. Que desastre. David, what the fuck, tío.


(Os algoritmos, cando se trata de Berman, son máis predecibles nas súas incursións por outros artistas: Nick Cave, Bill Callahan, Will Oldham, mesmo Slowdive e movidas polo estilo. Que falta de imaxinación, por favor.)

Comentarios nesta entrada

 

Este sitio está baixo as condicións dunha licencia Creative Commons.

RSS Feed. Feito con Blogger. Plantilla Modern Clix, deseñada por Rodrigo Galindez. Modern Clix blogger template por Introblogger.