31 de mar. de 2020

Día 18 da corentena

Hoxe morreu Rafael Berrio aos 56 anos de idade e, parece ser, tras unha longa enfermidade. Tiven a sorte de velo en directo un par de veces. Transmitía un tipo de fraxilidade física que se contrapoñía coa forza do seu carácter. Un cantautor sensible e afiado moi lonxe de todos os tópicos ao uso sobre este tipo de músicos, capaz de falar de todo o importante desde a complexidade e sen caer nunca no sentimentalismo a partir dun discurso musical cheo de matices e referencias de todo tipo, tanto estritamente musicais como literarias ou artísticas. Eu resumo as súas cancións nestas catro: "Mis amigos", "Las pequeñas cosas", "Simulacro" e "La alegría de vivir". Un cóctel de desesperación e celebración do existente, de laio polo que desaparece co paso do tempo e de elexía pola intensidade e a paixón de estar vivos. Como dicían no capítulo un da segunda tempada de Westworld: "qué o real? Aquilo que é insubstituíble".

Non me esquezo desta versión de "Guillermine" (de La Buena Vida), que grabou con Rosa Martí para o disco homenaxe a Pedro San Martín (o baixista de La Buena Vida, que morrera nun accidente de tráfico en 2011). Esta, e a súa versión de "Tormenta en la mañana de la vida", debín escoitalas un millón de veces nun momento de fin de ciclo moi doente fai case unha década. Grazas Rafa.



-----
A vida dentro de casa segue polo seu raíl. Un tren que non vai a ningures. Un tren que é unha illa que é un pantano (e paro que non se me ocorren máis comparacións fáciles). O tempo detido pero transcorrendo pese a todo. Estamos na Nostromo pero o Alien non vai saír de ningún estómago, máis ben morrerá dentro de nos mentres consumimos o tempo da nosa condena. Levo dez dos dezaoito días metido na miña habitación por se collín o bicho para non contaxiar a Cris. Se mo din a priori non o crería nin tolo. Xa non teño febre nin dores nin malestar dende fai tres días. Gardarei a reclusión habitacional ata pasar os días nos que se supón que, se tiven o virus, xa non son perigoso para ninguén. Non sei se somos moi estúpidos e estamos a comportarnos irracionalmente polos motivos correctos ou se somos demasiado calculadores e é o noso exceso de racionalidade o que nos está a foder de mala maneira. Nin sequera sei se este antagonismo está ben formulado. Parfitt don´t approve it, fixo. Segue a sorprenderme a facilidade de adaptación á movida esta. A sinxeleza coa que aceptamos o noso novo estatus. Preocúpame saber que, probablemente, podería estar así moito máis tempo se fora necesario. As novas apuntan a que moi posiblemente ata primeiros de maio non podamos volver a levar unha vida "normal". A cuestión é: que vai quedar das "vidas normais" despois de todo isto? Deixamos atrás un porto ao que probablemente xa nunca poderemos regresar. A "vida normal" é un concepto moooi 2019. Estamos noutra época, témome: a de non esperar nada do futuro excepto a degradación de todo o existente. Polo menos das miñas facultades escritoras. (Xa non eran moitas) ((xa che entendimos)) (((vale))).

29 de mar. de 2020

Día 16 da corentena


En 2011 o fotógrafo británico David Slater atopábase na illa de Sulawesi (Indonesia) tomando imaxes dos macacos negros crestados cando unha das femias do grupo que estaba a seguir colleu unha das súas cámaras e disparou máis de cen imaxes. Moitas delas estaban desenfocadas ou apuntaban ao chan ou ao ceo, pero algunhas correspondían a selfies perfectos nos que se podía ver á protagonista posar como se tivera conta en instagram e so lle faltara pasarlle o filtro Valencia ou poñer "aquí, sofrendo" á imaxe. As fotografías volvéronse virais rapidamente (esta especialmente) e, un par de anos despois, o fotógrafo descubriu que Wikipedia tiña as imaxes no seu banco de recursos gráficos alegando que estas pertencían ao dominio público, xa que dacordo coa lexislación estadounidense unha fotografía feita por un animal non tiña dereitos de autor.

Lin a nova onte na portada da Wikipedia e fíxome moita gracia. As imaxes do macaco femia son simpáticas porque certa cualidade humana parece impregnalas: o posado, o sorriso, a mirada entre vergoñenta e descarada, e mesmo o feito de estirar o brazo para facerse o selfie. Todo nelas destila algo que é irresistiblemente humano e que non ten moito que ver coa racionalidade distintiva da nosa especie, senón con elementos puramente expresivos que pensabamos exclusivos de nos. A nosa compoñente non racional, parecen dicirnos estas fotos, non é específica de nos en tanto colectivo animal. É un rasgo compartido con, polo menos, os primates superiores.

Hoxe pola mañá afeiteime despois de tres semanas sen facelo. A miña sorpresa ao ver o resultado sorprendeume a min mesmo. No espello alguén que dicía ser eu miraba con cara de susto para min. Alguén mais vello e máis canso do que era previsible a priori. Tardei un rato en relacionarme cos trazos que alí apareceran de súpeto, como un xiro de guión malo dalgunha serie peor. Enfrontado á realidade do espello sentinme como o macaco da imaxe. Quería facer a gracia, xogar un pouco, entregarme a un acto frívolo a priori. Porén, detrás das cores e as risas estaba a realidade. Tan cabrona coma sempre. En fin.

----
"Tan poca vida" está comezando a amargarme a vida. Demasiado tráxico para alguén na situación que estamos todos actualmente. Demasiados malos tratos e abusos. Demasiada culpabilidade e introspección. Demasiada intensidade sen freo. Demasiado de todo. Entendámonos. Vou na páxina 600 (de 1000), o libro está escrito cun nivel de virtuosismo altísimo. Pero cada vez que algunhas escenas de violencia humillante son recreadas minuciosa e cirurxicamente a miña cabeza entra en barrena. Preciso outro tipo de lectura menos incandescente. Igual de fermosa pero menos ferinte, que non me doa tanto apagar a luz antes de durmir e quedarme en soños vivindo nas historias de Jude, Wilem, Malcolm e JB.

28 de mar. de 2020

Día 15 da corentena

Estamos no terceiro sábado de peche na casa. Tres fins de semana deixando esmorecer os días cunha soa idea na cabeza: que pasen. Hai tempo odiaba a expresión "matar o tempo" como maneira de dicir "estar entretido". Matar algo que nin sequera está vivo parecíame un absurdo. Matar un parasito que se nos mete no corpo e nos enferma e envellece, pero que tolemia é esta. Hoxe, porén, mato o tempo con certo gusto, sen brusquidades, adicándome con morosidade exquisita a algunhas cousas que me gustan. Lectura, música, series, escritura, comida, mirar pola ventá, adormentar na butaquiña da habitación, deixarme horizontal na alfombra xunto á cama, quedarme coa cabeza pegada á parede mirando para o chan durante minutos, esas cousas. O ciclo repítese con certa frecuencia. De tanto matar o tempo xa non escoito os seus berros cando o estrangulo coa axuda da corda da guitarra. Tampouco cando o afogo colocándolle as mil páxinas de "Tan poca Vida" enriba. Nin sequera cando capturo partes das súas extremidades pechando con violencia a tapa do portátil. Ás veces síntome como William en Westworld cando en plena tolemia pensa que está a matar a un anfitrión e [ollo espoiler e bla bla bla] resulta que non, que a quen liquida é á súa filla e dáse conta de que se lle foi a cousa das mans. Pero outras véxome máis ben como Teddy, o vaqueiro nobre, demasiado para o seu propio ben -aínda que Parfit non diría tal cousa- decatándose de que [ollo espoilerazo ñi ñi ñi] Dolores, a "muller" que ama, ven de convertelo nun asasino desapiadado simplemente tocando o seu software orixinal. Non o digo por nobre senón por desapiadado. Xa lle collín o gusto a "matar o tempo". Pero claro, un sabe que isto é unha ficción. Todos sabemos quen está matando a quen nesta situación. [Ollo espoiler ti ri ri ri]

------------
Pola mañá entregueime á nostalxia -esa cousa reaccionaria á que aínda non sei se aplicarlle a doutrina William ou que- e "estiven" no youtube dando saltos polos vellos temas dos Housemartins. A memoria é cabronceta e acostuma a debuxar as nosas peores paisaxes persoais con cores magnificentes e música vibrante. No meu caso, as miñas (idiotas) lembranzas de adolescencia están moi estreitamente ligadas a este grupo. Tiña un amigo moi fan que me contaxiara daquel entusiasmo seu -entre outros- e, xuntos, adicábamos a malcantar algunhas cancións que nos rechiflaban. Hoxe, no meu peche habitacional, entregueime a ese surfeo memorialístico que tanto nos gusta ás persoas de certa idade e descubrín que a miña declinante memoria garda con celo gran parte das letras de moitas cancións daqueles tempos como se fora un material radiactivo que se resistira ao seu decaimento. É estraño como a lembranza de certas emocións contén ela mesma un resto de emoción capaz de patearche o corazón con suavidade, poñéndoche dúas rúas antes da bágoa pero sen chegar a cruzar a primeira delas.

26 de mar. de 2020

Día 13 da corentena

Paso os días 22 e 23 de marzo nese estado pastoso ao que da lugar a mestura de febre e da súa ausencia, adormentando e espertando en tramos de dúas ou tres horas, comendo o que pouco que me pide o corpo e convertendo a visita diaria á ducha no momento máis destacado do día. Chamo ao teléfono do coronavirus, conto os meus síntomas e fanme un diagnóstico exprés: "ten gripe, garde repouso e non salga de casa". A noite de onte esperto de madrugada cunha explosión de náuseas e gañas de vomitar que logo remiten e déixanme de volta no ciclo de períodos de sono e vixilia dos días anteriores. Hoxe vou mellor, escaso de forzas pero -afortunado de min- sentíndome querido e recibindo os mellores coidados do mundo. Nalgún momento de lucidez o luns vexo a última das pelis da saga "Resident Evil" (de 2016 xa!!!) e descubro que, no fondo de toda a trama Umbrella, había un grupo de multimillonarios que estaban crioxenizados á espera de que o T-virus acabara con todos os terrícolas para voltar logo sendo os escasos habitantes dun planeta limpo de pesados seres humanos sen pasta. Malia ser un filme horrible -que desperdicio de tempo e de cartos mimá- ver á Mila Jovovich mallar ao multimillonario líder responsable da idea deixoume bastante bo sabor de boca.


Onte, un pouco mellor en xeral, púxenme a ver a segunda temporada de Westworld dende a cama (descubrín que xa hai unha terceira! (emoticona de xesto concentrado con gota de sudor (tres veces))). De momento está a resultarme excesivamente grave debido ás súas irritantes pretensións transcendentais -ai eses diálogos- pero, ao tempo, abraiante tanto no nivel visual como na narración das miles de historias paralelas que se van bifurcando e confluíndo sobre o parque infinito que dá nome á serie. Ao igual que en Resident Evil, a responsabilidade de todo o mal que se desata é dos multimillonarios que queren ser inmortais. Penso que tantos avisos por parte da ficción audiovisual mainstream non deberían caer en saco roto: se esta franxa da humanidade está traballando -por activa ou por pasiva- en desfacerse da maioría do resto de nós teremos que facer algo canto antes!

------------
Onte pola tarde, nun dos meus escasos momentos de lucidez, comecei coa lectura de "Razones y personas", o libro de Derek Parfitt que merquei no Nadal e que levaba esperando meses para ler. En momentos como este láiome por non ter o nivel de inglés necesario para ler o libro na lingua orixinal e ter que contentarme coa súa versión en castelán (emoticona do tipo coa man cubríndolle a cara). Tomo notas ao tolo sabendo que nalgún momento a propia lectura acabará por absorberme e deixarei de lado o proceso de anotar por resultar demasiado interruptivo (existe esta palabra?) (o dicionario online da RAG é claro: non) (vaia, a min gústame)



 (e xa, que teño que poñerme con Westworld)

22 de mar. de 2020

Día 9 da corentena

Esta noite durmín bastante mal (ao contrario que o resto das noites ata agora). Acalorado e con dores variados tomeime a temperatura varias veces entre as catro da mañá es as catro da tarde: 36.7, 36.9, 37.1, 37.4, 37.2, unha leve febrícula que deixoume coa dúbida: pillei o virus? e, se foi así, en que momento? Pasei o día nese estado intermedio entre o sono e un estar desperto tipo boxeador a piques de caer redondo. Sen comer pero bebendo auga cada pouco, preguntándome se esta especie de síntomas gripais -febrícula, dor de costas- apuntan a que o bicho está pasando polo meu corpo ou que. Por riba, dubido: chamarei ao teléfono no que se dá conta dos casos? A miña idea inicial era facelo inmediatamente pero a medida que fun atopándome mellor preferín deixalo á espera de como estea hoxe pola noite. Xunto a Cris fago un plan de confinamento na casa (bastante básico): eu quedo na habitación ata que se pase o período no cal un se pode dar por curado (14 días dende os primeiros síntomas) e ela no resto do piso. A dous metros de distancia excepto para comer algo (hoxe case nada, mañá veremos). Mirámonos con certa preocupación pero contemos a expresión desta. O feito de estar aquí diante refórzame na idea de que non estou moi mal.

----
(36.5, respiro aliviado á espera do que pase esta noite)

-----
Dando voltas na cama lembrei un par de párrafos de "Proust y los signos" de Deleuze que me levan perseguindo fai un tempo:

A equivocación da filosofía consiste en presupoñer en nós unha boa vontade do pensar, un desexo, un amor natural do verdadeiro. Por isto a filosofía só chega a verdades abstractas que non comprometen a ninguén e non transforman nada. As ideas formadas pola intelixencia pura só teñen unha verdade lóxica, unha verdade posible, cuxa elección é arbitraria.

[...]

A verdade nunca é o produto dunha boa vontade previa, senón o resultado dunha violencia no pensamento. [...] A verdade depende dun encontro con algo que nos obriga a pensar e a buscar o verdadeiro.

Cal é a verdade que sae ao noso encontro neste momento de confinamento no fogar, cal é esa violencia que nos vai obrigar a pensar e buscar o verdadeiro da situación? Miro ao meu arredor. Cando salgo ás oito a aplaudir á ventá saúdo a veciños que non sabía que existían. Falamos coa complicidade dos que van navegando nun barco que ameaza con afundirse. Isto é novo para todos nós. Nos xornais moita xente reclama un reforzo inmediato do público -como se iso fora posible despois de catro décadas de desfeita neoliberal-, unha reclamación de deixar atrás a lóxica do beneficio como única guía moral para o noso mundo. Como di Luis, a verdade desta situación é a invibilidade contemporánea da vida, reducida a parte dun proceso no cal a nosa subxectividade é irrelevante, e esa invibilidade simplemente pasou ao primeiro plano das nosas preocupacións agora que estamos, como case todo o engrenaxe, varados nos nosos pisos tratando de darlle sentido ao tempo. Dicía Slavoj Zizek que o carácter permanentemente acelerado do capitalismo parecía non admitir unha imaxe estática del. Porén, continuaba, a imaxe existe: o vertedoiro. O capitalismo en repouso é a acumulación de restos, de lixo, de sobras. Agora mesmo a maioría da poboación conformamos ese vertedoiro: somos como os entullos e os cascallos do sistema, intercambiables,  prescindibles, suprimibles no mecanismo de produción do mundo. E a violencia desta verdade é a que debería mover o noso pensamento e a nosa acción se tal cousa aínda é posible.

21 de mar. de 2020

Día 8 da corentena

Onte o día voou de maneira inexplicable. As rutinas diarias estiráronse preguiceiramente: o almorzo demorouse, a ducha foi como unha visita ao balneario, facer a comida converteuse nun delicado proceso artesanal de resultados mediocres, a sesta, entre documentais de animais na 2 -son marabillosos, por certo, pena que so atenda durante quince minutos-, prolongouse perigosamente, abundaron as videochamadas a esgalla, as visitas ao tuiter fora de hora e houbo un exceso de atención ao whatsapp. A tele-ponte pareceuse bastante a unha ponte normal, moito movemento e pouca actividade. Non dimos feito nin as nosas series de exercicios habituais. Nos grupos de whatsapp baixou a circulación de idioteces variadas e algunhas conversa nun dos grupos do cole acadaron niveis inesperados de profundidade. Parece que a saturación de memes e vídeos comeza a deixar sitio a un tipo de comunicación máis centrada en saber dos outros que en obter o like instantáneo a partir das tonterías compartidas. O subidón de dopamina que produce saber que do outro lado alguén está a rir con algo que enviamos: non hai nada máis aditivo nin máis esgotador. Pero ao mellor pode que rematemos fartos de tanto chute e necesitados doutra clase de estímulos cerebrais, máis relacionados coas pausas longas, a atención prolongada e a concentración. Como dicía tan fermosamente Benjamin, "o aburrimento e o paxaro que incuba o ovo da creatividade". Sen paxaro non hai ovo.

Con todo, aconteceu algo importante: o streaming de Luis Montero na canle de youtube da Fundación Mallorca Literaria a partir do seu texto "La realidad supera a la (ciencia) ficción. Tres apuntes morales sobre la pandemia." A partir das teses do seu libro "Dejad que las máquinas vengan a mi" sobre o Principio de Humanidade Suficiente, analizou o estado no que nos atopamos instalados a conta da pandemia vírica. A destrución do suxeito como entidade política, a redefinición dos outros (os outros que son case-eu e cos que compartimos unha especie de intimidade colectiva fronte aos outros-radicais "os que están do outro lado do palo selfie"), o invivible da vida neste momento do capitalismo, a redución da existencia a mini-traballadores mini-consumidores devorados polo que el chama "a zona", as moreas de outros que nin sequera teñen acceso a tal zona na que aínda queda un resto de confort material, o mundo das consecuencias que crean as súas causas, a sociedade que virá convertida nun inmenso mercado sen lei unha vez que caia toda a estrutura social e política (como se ve na película "joker")... Mil e un temas para os que a pandemia do coronavirus serve como catalizador que separa as figuras do primeiro plano do telón de fondo. Quedei con dúas frases coas que resoei persoalmente: "[A propósito do que veña tras a pandemia:] vivimos entre el optimismo salvaje y la guerra civil global. A dónde iremos a parar?" e "Este alejamiento forzado hace que recuperemos la necesidad de acercarnos a los demás mediante la palabra: recuperarnos como entes que hablan en vez de como entes que ejecutan."

Rematado o streaming tiña gañas de darlle un abrazo. Escoitalo sempre estimula a miña necesidade de seguir pensando, de non conformarme co-que-hai, de esforzarme por tratar de entender aínda sabendo que navegamos nun océano de informacións contraditorias no que nos custa un mundo distinguir o relevante do innecesario. Lembreime dos catro días que pasamos con el en setembro. Que privilexio!

 Xa pola noite descargueime a primeira parte do videoxogo "Monument Valley" un prodixio estético que me tivo dúas horas enganchado como un parvo. Máis dopamina en trailers para o meu escacharrado lóbulo prefrontal (emoticonos de cara sudorosa). Metido na cama seguín lendo a novela "tan poca vida", libro brutal sobre a masculinidade terminal do século XXI. Tan poca vida. Exacto.


19 de mar. de 2020

Día 6 da corentena

Contoume Cris despois da súa saída á compra que, onte pola tarde, parte da rapazada do edificio reuniuse para xogar ao fútbol no nivel menos tres do garaxe. Lonxe das miradas (e do contacto) dos adultos, producían un rebumbio feito de risas, berros e impactos de balón que subía polas rampas como un vehículo reloucando por rodar sen control. Mentres, fora, no parque infantil precintado pola policía municipal preto de casa, o silencio semellaba reverberar entre os columpios. O barullo, o DNI da rapazada, desprazado das zonas de xogos ao garaxe do edificio, fíxome lembrar outro barullo: o que acontece a diario no patio do colexio, ese que un ignora por ser parte habitual da paisaxe cotiá. Decateime de que con isto da corentena esa paisaxe que atraveso habitualmente absorto nos meus propios pensamentos cobraba perfís nítidos na miña memoria. Unha silueta ben definida, como o perfil dunha montaña ou o skyline da cidade. Un telón de fondo e un estado de ánimo ao tempo. Pregúntome que está a facer todos os días a rapazada que permanece concentrada no interior dos pisos da cidade, ese exército de pequenas baterías que non saben como dar saída ao seu exceso de enerxía.

Onte, o programa de actos apretouse bastante. Saímos a aplaudir ás oito da tarde, máis por saudar á veciñanza que por outra cousa. Saímos ás nove a machacar as cazolas para protestar polo novo escándalo económico no que está metida a monarquía expañola. As nove e cinco vimos o final do discurso de Felipe VI, un texto marciano e sen vida, puro cartón pedra institucional cheo de tópicos sobre a grandeza da nación expañola e da fortaleza que nos dá estar todos unidos. Ás veces penso que ler esas trapalladas sen botar a rir polo medio require un esforzo realmente grande. É un actor sobrepagado, e o papel que intenta representar xa non se sostén por ningures.

Rematei de ler "Por qué fracasó la democracia española". A certeza de que todo o conto da transición foi un timo de grandes dimensións e de que o papel do rei Juan Carlos I foi basicamente garantir os privilexios dos círculos franquistas -dende o exército á igrexa pasando pola xudicatura e o empresariado patrio- fíxome ver aínda con máis noxo o discurso de onte de Felipe VI, pura propaganda dunha institución insostible e completamente podre que, ogallá, agardo ver caer antes ou despois.

No planning de hoxe houbo algunhas novidades como o "zumba" para inútiles arrítmicos (nivel cero), e o (xa) habitual aspirado frenético. Un veciño dun par de rúas máis alá da nosa deu un concerto moi aplaudido pola xente que o rodeaba. Escoitabamos a música e os berros de "bravo" e "ole" que saían desde as ventás. Todo o raro vai volvéndose normal mentres lemos con inquietude que a situación pode prolongarse máis alá do mes que supoñíamos inicialmente. Moito máis alá.

Hoxe, dúas mensaxes anónimas circulando por internet promoven respectivamente un aplauso colectivo a Amancio Ortega -que ven de aplicar un ERTE a 37.000 traballadores- e saír a cantar "hola don pepito hola don josé" en plan "celebremos o día do pai cantándole a la vida". Se sumamos a isto o dos aplausos das oito observamos algo estupefactos como o horario vai saturándose de eventos, algúns lixeiramente absurdos, outros, idiotas ata a medula, e, algúns máis, moi sospeitosos de vir dos círculos dereitistas que teñen tomado as redes sociais.

A sensación é a habitual: as horas pasan despazo pero os días vanse voando. Estamos atarefados pero a actividade que levamos a cabo é case de recheo para tratar de esquecer temporalmente a situación na que nos atopamos. Non facemos case nada valioso en si mesmo, excepto tratar de estar ocupados. Tamén afiamos discretamente o pesimismo e tratamos de aferrarnos ás rutinas. A nosa esperanza pasa por facer nacer da repetición algo que teña sentido máis alá da supervivencia material. Ler, tocar, escribir, ver pelis ou series, bailar, facer exercicio, falar cos seres queridos por videochamada ou a través de mensaxes: todo o que antes tiña un sentido propio agora semella ser a maior parte das veces unha distracción para non deixarnos a soas cos nosos peores pensamentos. E ser consciente delo non axuda moito. Maledizione. E ademais, claro, está a miña tendencia natural ao melodrama. Tampouco axuda, pero faime ver o ridículo do ton da maioría das miñas reflexións. E iso axuda algo. Non moito. Algo. Hmm. Corten.

18 de mar. de 2020

Día 5 da corentena

Hoxe saín mercar algo de prensa escrita pola mañá. As rúas están sen coches circulando. Hai xente paseando aos cans. Na obra que hai xunto a casa seguén a traballar coma sempre. No kiosko hay unha cola de tres persoas separadas polo estrito metro de distancia. Na porta, un plástico marca a barreira entre o vendedor e os clientes. Este leva luvas e máscara "das boas" (non sei cal é o termo médico). Pides o que queres e el sácao e ti pagas.  Para iso ten que dobrar as costas nun xesto algo estrano. O seu horario reduciuse a unha banda de 8 a 13 horas. Témome que as lumbares van darlle máis problemas que o coronavirus como non teña outra solución para facer os intercambios. Volto a casa e noto o silencio dos automóbiles ausentes. O meu barrio é un balbordo continuado de milleiros de vehículos habitualmente. Lembro que onte lin que, coa ausencia dos turistas, voltáronse ver crocodilos (era un fake, claro), cisnes e golfiños nos canais de Venecia (isto si de verdade). O silencio nas rúas é o noso equivalente a tales sucesos. Un golfiño de silencio acompáñame mentras volto a casa. O aire fresco da mañá de primaveira senta ben. A sensación de estrañeza inicial vai sendo remplazada por outra pior, a de notar como vou acomodándome ás novas circunstancias. Capacidade de adaptación ou a resignación de toda a vida? Subo ao piso polas escaleiras. Por unha ventá aberta divísase moi ao lonxe unha franxa ínfima do azul do mar. Por un instante teño unha alucinación olfativa e noto o olor do sal no ar. Un traballador do concello está a pasar un cortacéspede xunto a un parque infantil precintado pola policía municipal. O recendo a herba recén cortada non está mal. Sin ser o sal, sírveme para chegar ata casa con certa alegría microscópica. As pequenas cousas e bla bla bla: me cago en todo.

(Leo no tuiter de Bill Callahan: "my love to the social media distancers" e teño un milisegundo de satisfacción inmensa)

17 de mar. de 2020

Día 4 da corentena

O pasado venres 13 a consellería de educación suspendeu as clases a mandou para casa a todo o colectivo escolar. O mesmo día o goberno de Pedro Sánchez declaraba o estado de Alarma e decretaba o confinamento persoal nas casas coa intención de conter a explosiva propagación do coronavirus covid-19. O escribo todo seguido sen respirar porque aínda que os sucesos están frescos na memoria semellan ter sucedido fai mil anos ao tempo que lembran o comezo dalgunha mala novela de zombis e contaxios globais.

Levo catro días metido na casa sen saír, excepto o sábado ao mediodía para unha compra rápida. O GADIS do barrio presentaba algúns lineais baleiros: o papel hixiénico, a salsa de tomate, as verduras e as pizzas precocinadas. A xente conta con pasar moitas horas no baño facendo pizzas e pistos a toda máquina, supoño. As caras das empregadas -case todas mulleres- eran expresivas dabondo da situación vivida dende o martes da semana pasada cando os rumores dunha propagación expoñencial comezaron a espallarse dando lugar a esa transición que Carlos Prieto chamou, nun artigo memorable, "da pachorra á histeria". Unha delas falounos da tolemia da xente, das reposicións continuadas e do baleirado inmediato, das horas extras descontroladas e do pánico a contaxiarse polo tempo compartido con milleiros de persoas a menos dun metro de distancia. Unha muller que estaba cerca dixo unha frase que me sorprendeu pola súa falta de ironía "estantes vacíos? desabastecementos? pero se estamos nun país do primeiro mundo!". Tras pagar so puiden dicir un tímido "moitas grazas" ao saír, consciente da miña situación de privilexio fronte ás persoas que seguen a traballar para garantir a subministración básica. Regresei a casa coa miña compra sentíndome, ao tempo, aliviado, temeroso, preocupado e bastante idiota.

Pasamos o tempo procurando escoitar o menos posible as noticias sobre o tema. Poñemos un pouco a radio a primeira hora da mañá e mentras facemos a comida. Procuro ver o tuiter tamén a primeira hora e despois da comida, aínda que non consigo evitar miralo de cando en vez máis do que debería (emoticono de tío sudando cos ollos pechados). Polas mañás estou diante do ordenador. Busco vídeos para ir empezando a subilos á web da escola, procuro facer exercicios resoltos para mandar por correo electrónico ao alumnado que o precise e estou pendente do mail para resolver dúbidas sobre o material que vou enviando. Polas tardes intento ler polo menos durante dúas horas tras a sesta. Neste momento:

https://www.traficantes.net/libros/por-qu%C3%A9-fracas%C3%B3-la-democracia-en-espa%C3%B1a

Tras a lectura adícome a tocar un pouco, non demasiado para que os veciños non me odien. Nestes días, ademais, limpamos a casa algo obsesivamente, case con furia, pasando a aspiradora coma quen manexa unha lixa ou dándolle lixivia e amoniaco aos baños coma se a limpeza extrema fora servirnos para manter aos virus alonxados da casa. Tamén, convencido por Cris, facemos unha hora de "exercicio" (se se lle pode chamar así): un pouco coas cintas de TRX e outro pouco de yoga con tutoriais de youtube. O resultado é que chego á hora de cear bastante escangallado e con fame dabondo. Tras isto tirámonos no sofá e poñemos netflix sen demasiado convencemento. Empecei un par de series das que me aburrín enseguida (o anime "the fairy tail", copia chunga do xa de por si chungo "seven deadly sins", a pretendidamente gamberra "paradise police" e cousas polo estilo). Porén, algo bó ten netflix agora mesmo: o catálogo case completo de Miyazaki. Dende o venres deunos para revisitar Porco Rosso, Nausicaa do Val do Vento e Laputa, a illa no ceo (en xaponés pronúnciase algo así como "Lapta"). Seguimos os horarios habituais de sono. Durmimos ben. É estrano.

Como ritual colectivo de emerxencia a xente está a saír, dende o venres, ás 20.00 horas ás ventás para aplaudir aos sanitarios. Nós fixémolo dous días pero onte xa non. Hoxe nin idea do que faremos. Non sei que pensar desta historia. Por unha banda paréceme o típico rollo sentimental que basea certo ideario difuso ("bravo pola sanidade pública") na importancia dos xestos e na expresividade grupal (algo co que non estou moi dacordo). Pero, por outra banda, paréceme unha tolería bastante guai que rompe a lóxica do enclaustramento e obríganos a mirar á veciñanza e a saudarnos. O son das palmas subindo polas rúas é estrano. Unha melodía que sube e baixa de volume, traendo consigo unha mensaxe de euforia efímera, aburrimento, esperanza e temor simultaneamente.

Algo que procuro evitar é o uso do whatsapp máis alá das mensaxes de traballo ou as de familia e amigos. O sábado entráronme máis de cincocentos entre os distintos grupos nos que estou. Por sorte a app trae unha opción de "leído" que evita ter que ler nada. Tratei de seguir o fío dos distintos grupos nos que estou moi o principio, alá polo venres pola noite, pero a avalancha de memes, chistes, mensaxes alarmantes de supostos expertos, vídeos máis ou menos graciosos e audios totalmente innecesarios fixéronme fuxir. Aínda que a comprendo, séntame mal esta explosión comunicativa. Dixiro as cousas moi despazo e preciso que me veñan ordeadas para non saturarme enseguida. Pola contra, estou a desfrutar de algo que non fixera ata hoxe, as videoconferencias co móbil. É unha sensación peculiar. Ver ás persoas á que ves a cotío dende a pantalla do móbil, ser visto por elas sen moito que dicir. Conversacións banais nas que so importa ese mirarse para confirmar que seguimos aí, como un exército no cal os soldados se buscasen para saber que os compañeiros son aínda presenzas reais, os corpos e as voces sobre os que descansan os nosos afectos e a integridade do noso propio mundo.

Hoxe xa escribín de máis. Supoño que para os vindeiros días non me vai dar a cousa para tanto. A ver.