19 de mar. de 2020

Día 6 da corentena

Contoume Cris despois da súa saída á compra que, onte pola tarde, parte da rapazada do edificio reuniuse para xogar ao fútbol no nivel menos tres do garaxe. Lonxe das miradas (e do contacto) dos adultos, producían un rebumbio feito de risas, berros e impactos de balón que subía polas rampas como un vehículo reloucando por rodar sen control. Mentres, fora, no parque infantil precintado pola policía municipal preto de casa, o silencio semellaba reverberar entre os columpios. O barullo, o DNI da rapazada, desprazado das zonas de xogos ao garaxe do edificio, fíxome lembrar outro barullo: o que acontece a diario no patio do colexio, ese que un ignora por ser parte habitual da paisaxe cotiá. Decateime de que con isto da corentena esa paisaxe que atraveso habitualmente absorto nos meus propios pensamentos cobraba perfís nítidos na miña memoria. Unha silueta ben definida, como o perfil dunha montaña ou o skyline da cidade. Un telón de fondo e un estado de ánimo ao tempo. Pregúntome que está a facer todos os días a rapazada que permanece concentrada no interior dos pisos da cidade, ese exército de pequenas baterías que non saben como dar saída ao seu exceso de enerxía.

Onte, o programa de actos apretouse bastante. Saímos a aplaudir ás oito da tarde, máis por saudar á veciñanza que por outra cousa. Saímos ás nove a machacar as cazolas para protestar polo novo escándalo económico no que está metida a monarquía expañola. As nove e cinco vimos o final do discurso de Felipe VI, un texto marciano e sen vida, puro cartón pedra institucional cheo de tópicos sobre a grandeza da nación expañola e da fortaleza que nos dá estar todos unidos. Ás veces penso que ler esas trapalladas sen botar a rir polo medio require un esforzo realmente grande. É un actor sobrepagado, e o papel que intenta representar xa non se sostén por ningures.

Rematei de ler "Por qué fracasó la democracia española". A certeza de que todo o conto da transición foi un timo de grandes dimensións e de que o papel do rei Juan Carlos I foi basicamente garantir os privilexios dos círculos franquistas -dende o exército á igrexa pasando pola xudicatura e o empresariado patrio- fíxome ver aínda con máis noxo o discurso de onte de Felipe VI, pura propaganda dunha institución insostible e completamente podre que, ogallá, agardo ver caer antes ou despois.

No planning de hoxe houbo algunhas novidades como o "zumba" para inútiles arrítmicos (nivel cero), e o (xa) habitual aspirado frenético. Un veciño dun par de rúas máis alá da nosa deu un concerto moi aplaudido pola xente que o rodeaba. Escoitabamos a música e os berros de "bravo" e "ole" que saían desde as ventás. Todo o raro vai volvéndose normal mentres lemos con inquietude que a situación pode prolongarse máis alá do mes que supoñíamos inicialmente. Moito máis alá.

Hoxe, dúas mensaxes anónimas circulando por internet promoven respectivamente un aplauso colectivo a Amancio Ortega -que ven de aplicar un ERTE a 37.000 traballadores- e saír a cantar "hola don pepito hola don josé" en plan "celebremos o día do pai cantándole a la vida". Se sumamos a isto o dos aplausos das oito observamos algo estupefactos como o horario vai saturándose de eventos, algúns lixeiramente absurdos, outros, idiotas ata a medula, e, algúns máis, moi sospeitosos de vir dos círculos dereitistas que teñen tomado as redes sociais.

A sensación é a habitual: as horas pasan despazo pero os días vanse voando. Estamos atarefados pero a actividade que levamos a cabo é case de recheo para tratar de esquecer temporalmente a situación na que nos atopamos. Non facemos case nada valioso en si mesmo, excepto tratar de estar ocupados. Tamén afiamos discretamente o pesimismo e tratamos de aferrarnos ás rutinas. A nosa esperanza pasa por facer nacer da repetición algo que teña sentido máis alá da supervivencia material. Ler, tocar, escribir, ver pelis ou series, bailar, facer exercicio, falar cos seres queridos por videochamada ou a través de mensaxes: todo o que antes tiña un sentido propio agora semella ser a maior parte das veces unha distracción para non deixarnos a soas cos nosos peores pensamentos. E ser consciente delo non axuda moito. Maledizione. E ademais, claro, está a miña tendencia natural ao melodrama. Tampouco axuda, pero faime ver o ridículo do ton da maioría das miñas reflexións. E iso axuda algo. Non moito. Algo. Hmm. Corten.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario