En 2011 o fotógrafo británico David Slater atopábase na illa de Sulawesi (Indonesia) tomando imaxes dos macacos negros crestados cando unha das femias do grupo que estaba a seguir colleu unha das súas cámaras e disparou máis de cen imaxes. Moitas delas estaban desenfocadas ou apuntaban ao chan ou ao ceo, pero algunhas correspondían a selfies perfectos nos que se podía ver á protagonista posar como se tivera conta en instagram e so lle faltara pasarlle o filtro Valencia ou poñer "aquí, sofrendo" á imaxe. As fotografías volvéronse virais rapidamente (esta especialmente) e, un par de anos despois, o fotógrafo descubriu que Wikipedia tiña as imaxes no seu banco de recursos gráficos alegando que estas pertencían ao dominio público, xa que dacordo coa lexislación estadounidense unha fotografía feita por un animal non tiña dereitos de autor.
Lin a nova onte na portada da Wikipedia e fíxome moita gracia. As imaxes do macaco femia son simpáticas porque certa cualidade humana parece impregnalas: o posado, o sorriso, a mirada entre vergoñenta e descarada, e mesmo o feito de estirar o brazo para facerse o selfie. Todo nelas destila algo que é irresistiblemente humano e que non ten moito que ver coa racionalidade distintiva da nosa especie, senón con elementos puramente expresivos que pensabamos exclusivos de nos. A nosa compoñente non racional, parecen dicirnos estas fotos, non é específica de nos en tanto colectivo animal. É un rasgo compartido con, polo menos, os primates superiores.
Hoxe pola mañá afeiteime despois de tres semanas sen facelo. A miña sorpresa ao ver o resultado sorprendeume a min mesmo. No espello alguén que dicía ser eu miraba con cara de susto para min. Alguén mais vello e máis canso do que era previsible a priori. Tardei un rato en relacionarme cos trazos que alí apareceran de súpeto, como un xiro de guión malo dalgunha serie peor. Enfrontado á realidade do espello sentinme como o macaco da imaxe. Quería facer a gracia, xogar un pouco, entregarme a un acto frívolo a priori. Porén, detrás das cores e as risas estaba a realidade. Tan cabrona coma sempre. En fin.
----
"Tan poca vida" está comezando a amargarme a vida. Demasiado tráxico para alguén na situación que estamos todos actualmente. Demasiados malos tratos e abusos. Demasiada culpabilidade e introspección. Demasiada intensidade sen freo. Demasiado de todo. Entendámonos. Vou na páxina 600 (de 1000), o libro está escrito cun nivel de virtuosismo altísimo. Pero cada vez que algunhas escenas de violencia humillante son recreadas minuciosa e cirurxicamente a miña cabeza entra en barrena. Preciso outro tipo de lectura menos incandescente. Igual de fermosa pero menos ferinte, que non me doa tanto apagar a luz antes de durmir e quedarme en soños vivindo nas historias de Jude, Wilem, Malcolm e JB.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario