"Estes dez mandamentos resúmense en dous: Amarás a Deus sobre todas as cousas e ao próximo como a tí mesmo"
O adolescente Tomek (máis adiante saberemos que ten 19 anos) durme nunha cama que non sabemos se é súa ou allea. Unha venda cubre parte do seu brazo esquerdo. Intuímos algo que será confirmado máis adiante. Imaxes dunha muller levando a cabo a rutina do cotián na súa casa alternan co rostro durmido de Tomek. De súpeto unha man movéndose como a cámara lenta achégase ao seu brazo vendado. Outra man, máis enrugada, máis deteriorada polo tempo, interrompe o avance da primeira. Observamos entón sobre o corpo do adolescente durminte a man da muller madura, e sobre esta, a segunda, dunha muller que está xa entrando na senectude. A muller de maior idade parece actuar como garda do corpo do rapaz fronte ao avance da outra. Podemos pensar a imaxe ideal do si-mesmo protexida fronte ao avance do real, sen importar o prezo a pagar por esta protección. Como é habitual en Kieslowski, o inicio da película revela as claves desta e senta as bases do desenrolo lóxico que vai vir no resto da metraxe.
Sentei a ver a película cunha desas frases de Zizek na cabeza lida en "lacrimae rerum", no capítulo chamado "a teoloxía materialista de Kieslowski": "o amor non existe, só hai unha necesidade infinita de amar. Cada amor concreto, empírico, está destinado ao fracaso, pero aínda así voltamos a namorarnos unha e outra vez. Só dende o amor somos capaces de pensar a nosa soidade." A diagnose é certeira. A historia de Tomek e Magda presenta dous namoramentos, un despois do outro, asíncronos e especulares, que poñen de manifesto simultaneamente a imposibilidade do amor como ideal e a necesidade do amor concreto para facer fronte a ese abismo que é a propia subxectividade.
Tomek, na súa observación obsesiva de Magda aparece ante nós coma un tolo que mantén unha distancia de seguridade permanente ante a vida, o cal impídelle levar unha existencia verdadeira. A súa condición de orfo semella estar, en parte, na base da súa actitude vital, pero no so está aí a clave da súa posición. Agochado tras un telescopio, Tomek espía a vida de Magda, a existencia desta en loita co real, onde as feridas son verdadeiras e as satisfaccións -sempre parciais- iluminan con frecuencia os seus días. A parella Tomek-Magda é a representación das famosas dúas caras da moeda: el ordea as súas cousas obsesivamente, establece rutinas de ferro e fuxe dos accidentes da vida para non sofrer, conseguindo con iso un sofrimento doutro tipo, claramente peor no longo prazo. Fronte a el, a muller na cal recae o seu ideal de amor, Magda, entrégase ás continxencias da existencia sen temor, sen pararse a avaliar os riscos nen a facer cálculos utilitarios. Entre estas continxencias, a busca dunha parella con pretensión de estabilidade na cal non remata de ter éxito. A obsesión de Tomek o achega ao típico psicópata de película de terror: a través de pequenos enganos vai entrando na vida dela, causándolle molestias de todo tipo até descubrirse cando ve que a cousa se lle vai das mans. A aposta de Magda por vivir conforme aos seus propios desexos fai dela un persoaxe pleno en certo sentido: a súa inestabilidade vital é a garantía da súa estabilidade como persoa.
O mal que causa Tomek é de baixa intensidade, por riba de todo está a súa amada idealizada, e, cando obrigado polas circunstancias, ten que poñerse fronte a fronte co seu obxecto de desexo entra en crise.
O impacto traumático que altera o percorrido da película ten lugar no momento en que Tomek atravesa a súa fantasía. Das imaxes sin densidade do seu telescopio, da distancia de seguridade da súa ventá de cristal na oficina de correos na cal traballa, e mesmo nese contacto case sen palabras tras aceptar o posto de repartidor de leite para ir a casa dela a levalo, pásase a unha escea que é o cumio da autohumillación: Tomek entra na casa dela tras un breve intercambio telefónico, e alí, sometido ao contacto físico con ela (as súas mans tocando as pernas espidas dela), ten unha exaculación cos pantalóns postos. Así, de forma brutal, Tomek pasa de vivir na fantasía dun eu ideal en comunión co seu amor sublime a un estado de desublimación depresiva froito do contacto real cos seus fluidos internos. O amor ideal deixa caer a súa máscara e tras ela só está a calor viscosa do seu semen nos seus pantalóns. Ante esta situación, Tomek sae correndo, e, incapaz de vivir coa imaxe da súa caída, só atopa unha saída.
A película deixa caer aos pouquiños esceas da relación de Tomek coa muller coa que vive, unha viuva que fala todo o rato do seu fillo -imaxinario?- que virá a visitala nun futuro indeterminado e que, mentras tanto, ofrece a Tomek a posibilidade de instalarse na súa casa indefinidamente. Esta muller actúa como garda da imaxe ideal de Tomek. Gusta do seu sentido obsesivo da orde, da súa responsabilidade no traballo, do seu acatamento dunha forma de vida "normalizada" sen excesos nen tolemias. Unha vida en frío, mantendo o real a unha distancia prudencial que evite o risco do contacto excesivo cos outros. En certo sentido é a materialización da autoconciencia narcisista dun Tomek que oscila entre escapar da súa burbulla semiautista e permanecer nela indefinidamente. Esta muller, nunha escea aparentemente intrascendente, dille a Tomek: "se algo te causa dor, faite dano noutro sitio para esquecer a primeira das causas".
Tomek, traumatizado polo encontro con Magda, pola destrución da imaxe sublime de ambos, segue o consello da súa nai-conciencia adoptiva: inflixirse dor noutra parte de si. Pechado no baño, colle unha maquinilla de afeitar e córtase á altura da muñeca esquerda, nunha escea que está desestetizada por completo, reducida ao banal e que resulta, por todo iso máis terrible que se fora desenvolvida mediante virtuosismos na posta en escea, no tratamento da cor ou mesmo na posición da cámara. Sabemos que Tomek non morre. O seu acto sacrificial -o seu paso ao acto- produce unha estraña inversión na relación con Magda. De súpeto, ela atopa na mirada del algo que antes non detectaba: a imaxe idealizada de si mesma, por riba das decepcións cotiás, por riba das continxencias diarias: Magda gústase na imaxe que de si mesma adiviña en todo o esforzo e a tolemia de Tomek. A partires deste punto ela namórase del. Dunha imaxe sublime del, máis ben, na cal intercámbianse os roles de subxecto e obxecto do desexo. Un Tomek durminte é, a partires da súa hospitalización, agora asediado por unha Magda que quere saber quen era a persoa que a espiaba. Onde antes só vía os rasgos desacougantes dun neurótico obesivo agora séntese iluminada pola mirada limpa dun adolescente que a idealizaba. En realidade, o sabemos, ela desexa o desexo del sobre si mesma, deixando aberto até o infinito un bucle de narcisismo que, parece decirnos Kieslovski, é a fantasía constitutiva do amor.
Finalmente, tras moitos intentos fallidos, Magda chega até a habitación dun Tomek aínda durminte. O seu telescopio, a vista do seu propio edificio. Magda mírase exactamente dende a posición na cal era observada por Tomek. E nese recoñecerse na mirada do outro hai un goce narcisista que, como auga acugulada nunha presa, a desborda. No peche da película conectamos co comezo: a man de Magda aproximándose ao brazo ferido de Tomek é parada pola nai adoptiva deste, nun xesto que, agora si, entendemos: fronte ao contacto traumático co real, hai que preservar a burbulla do ideal para non perder a cordura nin a vida. Achegarse ao abismo dos outros, si, vale, pero sen pasarse, sen traspasar certo límite de seguridade.
A conclusión final é, como mínimo, tan desoladora coma a de "non matarás": amar é imposible, pois detrás do amor són hai unha fantasía construída sobre unha espiral infinita de narcisismo e malentendidos da que é imposible fuxir.
joder, ya ni amar me dejas!
ResponderEliminar