16 de out. de 2011

Non matarás, Krzysztof Kieślowski (1988)


Unha rata morta na superficie dun charco, a carón dun billete enrugado. Un plano do charco dividido en dúas partes, a da rata e outra que permanece a escuras. A cámara barre lentamente de esquerda a dereita, dous segundos de escuridade, e, de súpeto, pola parte da dereita un gato negro aparece aforcado no traveseiro dun columpio mentras un grupo de nenos corren ao lonxe berrando e rindo. Así comeza "non matarás" o filme que o autor polaco rodou, xunto con "non amarás", xusto antes desa tetraloxía da redención que conforman "a dobre vida de Verónica" e "tres cores: azul, branco e bermello". O estremecemento e a incomodidade acompañan xa ao espectador dende os instantes iniciais, máis cando a rata perfílase cos contornos dun taxista filloputa maniático da limpeza e a orde que espalla sementes de maldade enbelenando animais domésticos abandoados por acá e acolá, e o gato negro -arquetipo clásico do MAL- toma a forma dun vinteañero que vaga polas rúas grises de Varsovia escalando peldaños tamén na súa peculiar andaina sen sentido.

Avisados xa dende o principio, sabemos que a rata vai morrer nunha lameira, e que o gato perecerá aforcado. A cuestión: quen será entón o autor material de cada morte, en que condicións van ter lugar estas e que van a significar. O rapaz que vaga pola cidade non semella ter ningún motor para as súas accións. Máis que un herdeiro intelectual do Raskolnikov dostoiesvkiano achégase, na súa carencia de anclaxes na realidade a un Mersault estrañado de todo, especialmente de si mesmo. Unhas babas nun café deixado a medias, un home ao que tira ao chan nuns urinarios públicos, un ladrillo que deixa caer dende unha ponte provocando un accidente de tráfico: o gato vai ensaiando accións pequenas a espera de atopar á rata. Cando sube ao seu taxi sabemos o que vai a acontecer, case intuimos o cómo. Porén, a experiencia do asesinato do taxista-rata incide na dificultade de matar, na banalidade do asasinato, na férrea anclaxe á vida dos seres vivos mesmo despois de ter cometido sobre eles toda clase de mutilacións físicas. O rapaz-gato mata ao taxista-rata e non experimenta remordementos por elo, só un fastidio de pouco percorrido polo chapuceiro que lle resultou todo. Subido ao taxi, queda prendado dunha cabeza bermella de diaño sorrinte que vai colgada no espello retrovisor do automóbil. Sen sabelo, está presenciando o seu destino. Os restos do taxista quedan nunha lameira, olvidados dun mundo indiferente á súa morte.

Entre os planos do demo-rapaz-gato percorrendo Varsovia e os planos do taxista-rata, o director inserta a historia dun avogado que cré na xustiza, nas leis, no dereito e na inocencia fundamental de todos os seres humanos: "dende Caín a humanidade non fixo senón perfeccionar os se seus métodos de castigo cos bós resultados que coñecemos", dí nunha entrevista de traballo. O avogado é admitido nun importante buffete xusto o día que se consuma o asasinato arredor do que xira a película. Subido a un ciclomotor verde, a súa ledicia destaca sobre un fondo de tráfico gris, o seu éxtase é unha discontinuidade nunha liña de desesperación e derrota pola que transitan os seus concidadáns.

O último acto da traxedia ten lugar tras unha elipse dun ano: o avogado defensor non consegue evitar a condea a morte do rapaz-gato. E é nesta parte final do relato, na descrición da maquinaria administrativa que leva a cabo a execución, onde descubrimos un terceiro nivel de maldade: o taxista-rata practica un mal de baixo nivel, movido por unha carraxe xorda cara todo o que o rodea, o rapaz-gato desenvolve un mal que procede do desarraigo absoluto, é un mal intermedio entre o humano e o divino, non ten motivación, pero carece da omnipotencia de Deus. O mal que emana do sistema xudicial que encarga unha pena de morte é un mal absoluto, adscrito á orde do mal divino: desmotivado e omnipotente, está por riba da vontade dos homes e lévase a cabo maquinalmente.

A secuencia do aforcamento estírase durante varios minutos: a presa dos gardas por rematar canto antes, a frialdade do verdugo, o tremor do avogado e o cinismo institucional de sacerdote e alcaide da prisión, mestúranse agriamente nun cuarto diminuto, cun cadalso chapuceiramente montado. Porén, desta vez, a vida abandoa con rapidez o corpo do rapaz e todos saen aliviados do cuarto de execucións como dicindo "había un problema e solucionámolo". Unha cubeta marela aos pés do executado recolle os fluidos do home morto. Unha vez máis, o plano do principio da película ten unha resonancia extraordinaria, pechando un arco de indignidade e banalidade que, parece dicirnos o director, é inherente á condición humana.

No plano final, o avogado, sentado no asento do seu automóbil, en medio dun campo, rodeado de vexetación, chora por todos nós, porque a vida carece de sentido e porque todo parece levarnos sempre polo peor dos camiños. Tamén, como non, porque, pese a momentos puntuais de alegría inmensa nos que parecemos estar-no-mundo e non fora de el, ao final só quedan ratas flotando sobre charcos podres, gatos aforcados en columpios oscilando por culpa do vento e maquinarias institucionais demoníacas impermeabeis á condición humana.

2 comentarios:

  1. pfffff y yo que quería verla pero...

    ResponderEliminar
  2. Ahora sólo falta que cuentes como termina "La pasión de Cristo" o Titanic.

    ResponderEliminar

Deixa o teu comentario