25 de out. de 2011
Still Walking, Hirokazu Koreeda (2009)
Que é unha familia? Da mesma forma que unha parella son dúas persoas que din ser unha parella, unha familia é un grupo de xente que di ser unha familia. O tautolóxico, polo tanto é parte esencial de ámbalas dúas cousas. O carácter performativo da propia palabra -ese definirse como algo para chegar a ser ese algo- expresa un desexo que está sempre balanceándose entre a plenitude da súa realización e a vértixe da posible desaparición.
Que é unha familia? Still Walking fai a pregunta a partires da reunión veraniega dunha familia xaponesa que rinde homenaxe ao fillo maior morto afogado quince anos atrás ao salvaren a vida dun compañeiro de clase. Arredor do oco que deixa a súa morte e da conseguinte presenza abafante que xenera a súa ausencia descurre calmosamente un relato que traballa en dous niveis diferentes: o público -a familia que se presenta como un ideal ante os demáis, un relato pechado sen fendas, unha foto para enmarcar, un escaparate a exhibir- e o privado -o real da familia: os segredos, as mentiras, os enganos e o traumático-oculto-.
Rodada dende unha óptica naturalista e centrada en dous espazos básicos, a casa familiar e o paseo até o cemiterio onde xace o irmán maior, a película xoga a amosar as conversas entre os persoaxes que forman a familia, a exhibir a combinación de forzas centrífugas e centrípetas que tiran das relacións interpersoais e dos rituais que lles dan acougo.
Os cabezas de familia son dous caracteres opostos axustados ao modelo tradicional de parella: un médico xubilado que non da superado o abandono da vida laboral e unha ama de casa lixeiramente histerizada que mantén unha relación de amor-odio co seu marido e con seu propio rol no universo familiar. O conflicto entre eles dous, a súa diferenza constitutiva como parella, é a que separa a cada un dos fillos dos proxenitores e a cada un dos irmáns entre si. As ligazóns familiares aparecen, pois, máis como un conxunto de rasgos negativos compartidos que como unha afirmación dunha substancia esencial.
O primeiro momento de desgarro na película, de aparición do suceso traumático fundacional que move a película polo tanto, é a presenza na casa do rapaz que sobreviviu ao afogamento grazas ao sacrificio do fillo maior. Como se soportase un exceso de vida dende a morte deste, o rapaz presenta unha obesidade desmesurada. Mentras soporta os reproches semiagochados da nai, autohumíllase ante toda a familia exhibindo unha existencia fracasada. O mozo encarna unha especie de carácter bufonesco que aparece ligado a unha sorte de mantra do tipo "non merecía vivir eu senón el". É, quizais, o persoaxe que liga máis solidamente a toda a familia: todos están na súa contra, todos o desprezan paternalistamente e el acepta con humildade este papel. A ausencia do fillo encárnase nese exceso de vida desacougada e desencarrilada, como un negativo da existencia exitosa que o fillo morto debería estar levando como suposto médico que -supoñemos- ía rematar por ser.
O poder dos mortos para definir os roles dos vivos sígnase neste personaxe desgraciado, pero non é esta a única marca do fillo maior na vida dos que o rodeaban. O fillo menor, restaurador en paro, vive asoballado polo silenzo resentido e despectivo do pai. Incapaz de axustarse ao modelo que este esperaba para el, paga o prezo da súa liberdade, de querer facer o que quere en forma dunha carraxe silenciosa e permanente que o fai sentirse estraño sempre no seo da súa familia. Quizais de todos os persoaxes é o máis doente: á dor do irmán morto ao que quería-admiraba-odiaba engade a imposibilidade de ser como el. A súa competencia co morto idealizado está abocada á derrota. O irmán maior é unha figura completa, perfecta no seu carácter de fillo-ideal. El, pola contra, é un pobre ser vivo agobiado polas continxencias do cotián, ferido pola circunstancia familiar e sempre á defensiva a causa da súa relación cunha viuva nova que ten un fillo dun matrimonio anterior.
A outra irmá, desenvolta socialmente e identificada co seu papel de ama de casa "moderna", agocha a segreda esperanza de quedar a vivir na casa dos pais e asumir o papel de xefa da casa familiar. En certo sentido é unha réplica algo frívola da súa nai, entregada ao ámbito doméstico e doída por non ter desenvolto unha carreira profesional "polo ben da súa familia". Esta relación entre nai e filla, contaminada por unha competencia non disimulada, é tan troncal como o papel que desempeña o fillo morto. Arredor dese burato negro a relación entre ámbalas dúas desenvólvese nun proceso algo enfermizo de afecto e celos. Para non deixar nada solto, o seu marido é un lacazán ao cal todos desprezan cariñosamente.
Por último, película xira de forma lóxica arredor do propio conxunto formado por estas relacións danadas e ensombrecidas pola morte do fillo maior: nai-pai, nai-filla, pai-fillo dando forma a un fresco das moitas razóns de como a dor común crea lazos complexos e vevenosos nos que é difícil distinguir a calor do afecto da asfixia do nó pechado arredor do propio pescozo. De novo, a idea de familia como conxunto de persoas unidas por un baleiro, por unha ausencia, por unha dor común que crece arredor dese baleiro e coma un cancro establece vasos comunicantes tóxicos entre os membros do grupo.
Neste circuito pechado e condenado á podremia ao longo prazo entra a parella do fillo restaurador, a viúva nova que porta a súa dor particular, que está "limpa" dos lazos tóxicos que xuntan ao resto dos membros da familia e que, dalgunha forma encarna a idea de que a única posibilidade de supervivencia para un grupo humano é a incorporación de membros externos que resitúen e recontextualicen as relacións existentes. É esta muller, capaz de sacrificar o recoñecemento do seu propio trauma, a que trae ondas de algo novo á superficie familiar. Non é tanto a súa persoalidade "psicolóxica" como a súa posición estrutural de elemento externo alleo á configuración familiar existente, sedimentada e solidificada, imposible de seren alterada dende o interior. A súa relación coa súa sogra e a súa cuñada obriga a estas a mirarse dun xeito diferente, a ser conscientes da súa competencia, da violencia agochada trala educada forma de sociabilidade que comparten. O seu fillo comparte xogos cos fillos da filla, como un elemento estraño que os fai conscientes da súa situación de privilexio respecto a el, e, por riba de todo, é capaz de chegar até o médico resentido e saltar por riba da súa dor para establecer un principio de ligazón, para traelo de volta á comunidade dos afectos.
Presentada a ausencia nuclear, os persoaxes unidos por ela, e os posibles elementos liberadores, só queda construir a escea da catarse. A visita de todo o grupo ao cementerio á tumba do fillo trae consigo a aparición dunha mariposa amarela pouco frecuente e de gran beleza que está asociada tradicionalmente aos espíritos dos defuntos. Cando, xa de noite, outra mariposa coma a vista no cementerio entra na casa a nai entra nun gran estado de excitación: o espírito do fillo morto está aí, nesa mariposa, nese exceso de vida que aparece por sorpresa nese niño de dor que é a casa familiar. Capturada polo fillo menor "vedes? Só é unha mariposa!", é finalmente liberada e devolta ao campo do que ven. Pero no proceso de captura e liberación opérase unha outra liberación milagrosa: o espíritu do fillo maior -a súa ausencia traumática- é devolto ao exterior -o trauma é resimbolizado, integrado na estrutura simbólica existente- e, grazas a isto, os membros da familia poden empezar a pensarse doutra forma, a desmarcarse da gravitación descomunal do fillo morto. O catalizador de todo isto é o fillo da viuva que observa, na mariposa que se alonxa no xardín, o xesto de despedida do seu propio pai morto, ao tempo que asume a integración na súa nova familia como a combinación da aceptación de dúas dores diferentes. O xesto da súa nai, que obvia o seu propio trauma, que sacrifica o seu recoñecemento en pro da súa nova familia de adopción é o momento ético decisivo da película e o que establece a lectura principal desta. Borrarse lixeiramente para que a convivencia non sexa un combate permanente, ou algo así.
Willy Boyero,¿No ve usted películas normales?
ResponderEliminar