Lembro estes días a Bonnie Prince Billy no auditorio B do Teatro Caixanova cantando esta canción fai xa case tres anos. Con esa forma hipnótica e case relixiosa que domina como poucos, bisbando ao borde da agonía "love comes to me", como se unha maldición o asaltara, como se anunciara a fin do mundo para dentro de cinco minutos. O lembro hoxe no automóbil, coas ventás baixadas, abríndolle a porta ao aire da primaveira, coa autoestrada detrás brillando en negro coma un espello cego. O lembro dende a ventá da miña clase, mentras fora as árbores estoupan de verde todas ao mesmo tempo como un exército programado e os adolescentes non saben como facer para non estoupar tamén. Hai unha maldición real nesta circularidade do tempo que nos fai repetir sen pausa o ciclo frío-escuro-inverno cálida-luminosa-primaveira. Estaba morto e isto de agora non é unha resurrección. Máis ben son o zombi que se levantou de forma imprevista. Posto en pé quixera rezar algo en agradecemento ás forzas inexplicables que o fan preciso. Se fora relixioso o meu mantra sería love comes to me. Oremos pois.
Publicar un comentario