1 de abr. de 2010

Holidays

Chegou a primaveira pero algo vai mal. Os anuncios de Lise Charmel non acudiron este ano ás paradas de bus da Avenida do Aeroporto. Os conductores xa non se distraen nos semáforos nin nas curvas hai automóbiles escachados por desvíos involuntarios da mirada. É unha primaveira en estado de latencia. Chove de seguido e, entre temperaturas propias de decembro, correntes de aire polar zoupan a aqueles que se atreveron a sair á rúa. Aproveito as horas mortas -todas o son ou están en fase de selo- para facer traballos atrasados. Unha capa de nubes amenaza dende a boca da ría con continuar co festival de chuvia neste xoves supostamente de paixón. A Semana Santa lémbrame que a superstición organizada elevou os desfiles de moda sadomasoquista á categoría de Tradición Cultural. Na televisión hai procesións nas que soa o himno de España a toque de corneta, lembrándonos que isto da relixión garda unha relación profunda e musical co exército e as súas expresións culturais. Hai miles de mortos de aburrimento nas estradas. Ducias de canles de televisión dixital. Teño os pés fríos e dous libros enriba da mesa agardando unha oportunidade que se ve máis lonxana a cada momento. Por unha das fiestras da casa, nas miñas costa, sae o sol, miudiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario