4 de set. de 2009

despedidas, yojiro takita




Facía tempo que non ía o cine "en serio". Ultimamente só vexo películas de animación (que é un tema bastante serio, todo hai que dicilo) ou descerebres do tipo terminator:salvation e cousas polo estilo (vaia, esa precisamente non a vin). Onte rompín os meus saudabeis costumes e achegueime a ver a película esta, da cal tiña vagas referencias positivas. O invento, completamente inocuo, colle unha anécdota argumental interesante: a iniciación dun home novo no traballo de preparar aos defuntos antes dos enterros nunha complicada cerimonia na cal está presente a familia. Outro director elaboraría, supoño, algunha clase de tese arredor desta ritualización meticulosa do proceso de despedida dos mortos en oriente fronte ao trámite burocrático occidental, no cal a dor non se articula nunha ceremonia que intente alomenos simular un sentido, ou introducir unha mitoloxía mínima no terreo do inmanente para protexerse da exposición ao baleiro en crú. Pero este Yojiro Takita quédase na anéccdota, repetida como vinte veces ao longo da película, coloca seis secundarios de cartón pedra arredor do protagonista e encárgalle o resto ao seu director de fotografía: planos das montañas xaponesas nevadas, bandadas de gansos brancos recortados contra o ceo azul ou posados na neve, planos de estradas envoltas en néboa, automóbiles que se perden por vías interminabeis, casas tradicionais xaponesas, etc, etc. A película acada o seu cumio nun momento especialmente "intenso": o protagonista tocando o violoncello coa silueta recortada diante dunha grandiosa montaña nevada mentras a cámara xira arredor enloquecida en plan anuncio de coca cola. Así, entre cerimonias funerarias e planos da paisaxe xaponesa, transcorren máis de dúas horas que non se fan tan longas como parece. Ao saír do cine, no coche, falamos un pouco do tema. O "bonito" é perigoso. É unha categoría estética que remata sempre por devorar calqueira outro aspecto da expresión. Tela baixo control é complicado. A miña acompañante di no coche, si, como "os lunes ao sol": que "bonito" quedou Vigo nesa película!. Risas. Fundido en negro. Plano xeral das rúas da cidade pola noite iluminadas polas farolas entre refachos de néboa. Preciosísimo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario