6 de set. de 2009

mecánica de fluidos na vía rápida
Tiramos case unha hora voltando das praias do Morrazo para Vigo. A caravana vai reptando pola estrada, como algo vivo, encolléndose e estirándose alternativamente de forma impredecible. Tolos en automóbiles de gran cilindrada fan adiamentos ao borde do suicidio. En medio do aburrimento e case sen saber como, chegamos á ponte de Rande. Con tempo de sobra miramos a esquerda e a dereita e descubrimos tres recheos que non coñeciamos. Bloques de formigón con naves paralelepipédicas de cor branca. Cintas de asfalto negro facendo contraste. A escena ten un algo violento atenuado polo resto da paisaxe. Se un millón de casas forman a máis grande favela de luxe que un poda imaxinar no mundo desparramándose polas beiras da Ría de Vigo, os recheos que puntualmente salpican a costa semellan ser un corolario lóxico a esta práctica urbanística, un conxunto de edificacións (posiblemente) ilegais máis nun contorno no cal só vale unha lei: a de que todo vale. No coche facemos unha reflexión amarga sobre o tema. A de sempre. Outra sobre a política, tamén escoitada demasiadas veces. Os tópicos habituais, claro. Despois a caravana estírase. Saímos por Buenos Aires cara a casa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario