1 de ago. de 2022

Byung-Chul Han, Infocracia

 



O discurso esixe separar a opinión propia da identidade propia. As persoas que carecen desta capacidade discursiva aférranse obstinadamente á súa opinión porque, do contrario, ven ameazada a súa identidade. Por este motivo, calquera intento de sacalas da súa convicción está predestinado ao fracaso. Non atenden á outredade, non escoitan. En cambio, o discurso é unha práctica de escoita. A crise da democracia é, ante todo, unha crise de escoita.

[...]

O narcisismo e a atomización crecente da sociedade péchannos os oídos á voz da outredade. Levan, así mesmo, á perda da empatía. Hoxe en día, todo o mundo venera o culto ao ser propio. Todo o mundo se performa e produce. Responsable da crise da democracia non é a personalización algor´timica da rede, senón a desaparición da outredade, a incapacidade para escoitar.

A situación discursiva na que se procura chegar a un entendemento non existe de forma incondicional e acontextual. Está máis ben rodeada dun horizonte de autoevidencias culturais ou prácticas sistematizadas socialmente que determinan a acción comunicativa de forma prerreflexiva. Habermas denomina mundo da vida (en alemán, Lebenswelt) ao horizonte de modelos de interpretación coincidente. Constitúe un consenso que serve de pano de fondo e brinda estabilidade á acción comunicativa.

[...]

Un mundo da vida intacto só é posible nun sociedade relativamente homoxénea que comparta os mesmos valores e tradicións culturais. A globalización e conseguinte hiperculturización da sociedade disolven os contextos culturais e relacións de tradición que nos ancoran a un mundo da vida compartido. Hoxe en día, xa non existen ofertas convencionais de identidade que teñan validez prerreflexiva. Xa non nos lanzan a un mundo da vida que percibimos como obvio e a problemático. Agora, o mundo da vida é unha cuestión de deseño. O horizonte global percibido como indestrutible está sendo sometido a un proceso de fragmentación radical. Canda a globalización, a dixitalización e a conexión en rede aceleran o esboroamento do mundo da vida. As crecentes desfactificación e descontextualización do mundo da vida destrúen aquel "pano de fondo holístico" da acción comunicativa. A desaparición da facticidade do mundo da vida dificulta enormemente a comunicación que procura o entendemento.

Ante a desfactificación do mundo da vida, aparecen a necesidade e o esforzo por configurar espazos na rede onde volvan ser posibles experiencias de identidade e comunidade, é dicir, construír un mundo da vida baseado na rede que sexa percibido como autoevidente e aproblemático. A rede, por tanto, é tribalizada. A tribalización da rede como refactificación do mundo da vida está estendida sobre todo no espectro político da dereita, onde hai unha elevada demanda de identidade no mundo da vida. Aparentemente, o espectro liberal, formado por cosmopolitas, amáñase sen a tribalización do mundo da vida. No espectro da dereita, até se bota man das teorías conspiratorias como ofertas de identidade. As tribos dixitais brindan unha experiencia intensiva de identidade e pertenza. Para elas, a información non constitúe un recurso de coñecemento, senón de identidade. As teorías cospiratorias están especialmente indicadas para formar biotopos tribalistas na rede por permitir aplicar estratexias de delimitación e segregación; estas estratexias son constitutivas do tribalismo e da súa política de identidade.

[...]

A pretensión de validez das tribos dixitais como colectivos identitarios non é discursiva, senón absoluta, pois carece da racionalidade comunicativa [aquela inherente ao discurso]. Esta comporta determinadas regras. En canto á opinión manifestada, esixe como condicións tanto que poida ser criticada como fundamentada: "Unha manifestación cumpre o requisito de racionalidade cando e na medida en que encarna un saber falible para ter así unha relación co mundo obxectivo, é dicir, cos feitos, e permite o acceso a unha valoración obxectiva". [Habermas] No universo posfáctico dasa tribos dixitais, a manifestación xa non ten en absoluto relación cos feitos; carece de toda racionalidade. Non é nin criticable nin esixe fundamentación. Porén, quen a profesa adquire un sentimento de pertenza. Deste xeito, o discurso é substituído por crenza e profesión. Fóra do eido da tribo á que se pertence só hai inimizades, a outredade que compre combater. O tribalismo contemporáneo, que non só se observa na política identitaria da dereita, senón tamén da esquerda, divide e polariza a sociedade. Fai da identidade un discurso protector ou unha fortaleza que repele calquera diferenza. Leva a unha ditadura tribalista de opinión e identidade que carece de toda racionalidade comunicativa.

Hoxe en día, a comunicación é cada vez menos discursiva a medida que vai perdendo a dimensión da outredade. A sociedade desintégrase en identidades irreconciliables sen alteridade. No canto de producirse un discurso prodúcese unha guerra de identidades. A sociedade perde así o común, si, o espírito colectivo. Xa non nos escoitamos entre nós. A escoita é un acto político na medida en que é grazas a ela como as persoas se fusionan nunha sociedade e se capacitan para o discurso. Funda un nós. A democracia é unha comunidade de escoitantes. A comunicación dixital como comunicación sen comunidade destrúe a política da escoita. Entón xa só nos oímos falar a nós mesmos. Isto sería o fin da acción comunicativa.


Celebremos que o filósofo máis mainstream de agora mesmo, Byung-Chul Han, ve por fin a publicación do seu primeiro libro traducido á lingua galega grazas á editorial Catroventos. Nesta obra de 2021, influída decisivamente polos catro anos do período trumpista, o filósofo coreano pon a lupa no papel corrosivo das redes sociais -ou, como di el, das tribos dixitais- sobre as sociedades democráticas. Habituado a gatuñar sobre os hombros de Hegel, Nietzsche, Benjamin ou Harendt para fiar as súas reflexións, nesta volta escolle como referencia central a Habermas e as súas teses sobre a Teoría da Acción Comunicativa para tratar de botar luz sobre a fenomenoloxía das fake news, a posverdade, a burbullización da experiencia persoal en internet ou a erosión da democracia derivada do goberno algorítmico das nosas existencias.

O seu estilo habitual, tirando cara a sentenzas curtas que se van encadeando cunha lóxica interna implacable, fai do libro unha lectura amena, atrapante e lúcida. Han non di nada que nos soe a novidade nin exhibe unha especial musculatura conceptual, pero recolle ideas alleas con habilidade e elegancia para confeccionar un patchwork intelectual coherente e sólido que sempre interesa e serve de panca para dirixir ao lector pola obra dos autores citados e para estimular procesos propios de pensamento e reflexión.

Libro ideal, por tanto, para levar á praia e ir lendo entre chapuzón e chapuzón e entregarse, tras a lectura de cada capítulo tostándose un pouco ao sol, a un exame persoal (e colectivo) da propia relación coas redes sociais, do custo do mergullamento persoal intensivo na internet e do control dos algoritmos da nosa vida privada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario