No segundo capítulo do seu libro "Seguir con el problema", Donna Haraway recupera a análise do nazismo que fixera Hanna Arendt no seu libro "Eichmann en Jerusalem" e o concepto de "banalidade do mal" que un asocia inmediatamente á filosofa alemana.
Haraway describe tal "banalidade do mal" como "a renuncia a pensar", rasgo que ela atopa tamén de forma evidente neste momento da historia humana que coñecemos como Antropoceno e que ela denomina Chthuluceno. Esta denominación xoga coa etimoloxía grega da palabra (khthôn, "deus ou demo do inframundo" e kainos "agora"), co nome dunha araña -a Pimoa cthulhu- e co guiño aos deuses extraterrestres tentaculares de H.P. Lovecraft dos que ela non gosta demasiado. A nosa época comparte, segundo este análise, ese rasgo eichmanniano que Haraway, seguindo a Arendt, describe como "neglixencia común e corrente":
É dicir, aquí temos a un ser humano incapaz de volver para si aquilo que estaba ausente, aquilo que non era el, o que o mundo é na súa simple mismidade unívoca, o que se reclama como inherente ao que un non é. Aquí hai alguén que non pode ser un camiñante, que non pode rastrexar as liñas de vivir e morrer, que non pode cultivar a respons-habilidade, que non pode facer presente para si aquilo que está facendo, que non pode vivir en consecuencia nin coas consecuencias, que non pode facer compost. Para Eichmann o propósito importaba, o deber importaba, pero non así o mundo.
[...] Esta cualidade non era un baleiro emocional, unha falla de compaixón, malia ser iso verdade en Eichmann, senón que era unha rendición moito máis profunda ao que chamarei inmaterialidade, inconsecuencia, ou, en termos meus e de Arendt, neglixencia.
[...] Non había maneira posible de que o mundo devira unha "materia do coidado" para Eichmann e os seus herdeiros (nós?). O resultado foi unha participación activa no xenocidio.
Nesta descrición tan limpa está contida tamén unha crítica inevitable das políticas do noso tempo. Neglixencia, na Galiza, declinouse alá polo mes de novembro de 2003 nas rúas con motivo do accidente e xestión desastrosa do Prestige como "in-com-pe-ten-cia". Esta palabra, entoada por centos de miles de persoas nas rúas, fixo tremer as estruturas de poder que o exministro franquista Manuel Fraga tecera na nosa terra cos fíos das relacións mafiosas durante varias décadas. Transcorridos quince anos dende aquel momento histórico no cal a rama galega da socialdemocracia hispánica e o nacionalismo galego de esquerdas se aliaran para botar da presidencia da Xunta ao dinosaurio filofascista, estamos de novo no mesmo punto que entón.
Esta última década, politicamente botada ao lixo baixo a presidencia de Núñez Feijóo, encarna con exactitude esa idea de neglixencia encarnada na frase de Haraway: "o propósito importaba, o deber importaba, pero non así o mundo". Aquí, "o mundo" ven sendo o conxunto da poboación galega e das paisaxes que forman o noso país, o noso patrimonio cultural e a especificidade que se deriva del, o sistema produtivo e a economía ligada a el, a nosa sociedade como totalidade que é parcial e localmente incoherente e a representación política desta. Todo isto foi reducido literalmente á súa mínima expresión durante estes dez anos a base de neglixencias de toda índole sempre ao servizo de intereses concretos, de entidades e persoas determinadas, diso que coñecemos como "elites económicas locais" entregadas aos procesos de acumulación por desposesión dos que fala David Harvey ao referirse á fase actual do capitalismo.
Feijóo e as súas políticas teñen incrementado a velocidade do proceso de colapso territorial do que fala Xose Constenla no seu libro "O colapso territorial en Galiza" gobernando a prol dos intereses das elites económicas galegas e coa mirada posta todo o tempo nos seus superiores madrileños, eses que se integran harmonicamente no conglomerado de intereses hispánicos relacionados coa banca, a enerxía, o transporte, a construción e os restos da produción industrial na desgraciada Expaña (omito aquí as súas máis que ben coñecidas relacións cun famoso narco). O seu modelo, calcado do hispánico "desarrollismo" dos anos sesenta do século XX, está centrado na redución conceptual da Galiza en destino turístico entrañable centrado nese mix de relixión e pachanga disney que coñecemos como Camiño de Santiago. En paralelo, temos asistido á conversión da superficie do país nun interminable eucaliptal cruzado por ducias de autovías e autoestradas tras as cales non hai máis plan que dar traballo ás grandes construtoras madrileñas. A crise de 2008, solventada co afundimento das clases populares do país, so serviu para acelerar as políticas neglixentes deste goberno, centradas na substración de recursos dos máis desfavorecidos, nos implacables procesos de xibarización do sector público, no engorde simultáneo das contratas privadas e no desmantelamento de gran parte do mínimo tecido industrial que aínda sobrevive.
Mención aparte merecen os ataques á propia cultura do país (significativamente á nosa lingua), o uso das subvencións ao mundo cultural como mecanismo de compra de vontades, o emprego partidista dos medios públicos de comunicación e a ausencia de políticas culturais máis alá das migallas repartidas entre os ultraprecarizados sectores da arte, o cinema, a música ou a creación en todos os eidos. Idéntica situación á vivida no mundo da investigación e das universidades: o desprezo pola ciencia e a ausencia de apostas claras neste eido crucial da vida cultural e económica do país falan das prioridades do goberno durante esta década. Como non, destacar tamén a erosión programada da sanidade ou da educación pública. Salvados por pura sorte das peores consecuencias da pandemia do Covid-19, agardamos cruzando os dedos que o actual rebrote do virus na comarca da Mariña non se extenda polo país, sabedores de que o noso sistema sanitario, diminuído de forma sostida en recursos e persoal durante estes dez anos, non está listo para afrontar algo así.
Di Haraway que "outro mundo non só é urxentemente necesario senón tamén posible, pero só se non sucumbimos ao feitizo da desesperación, ao cinismo ou ao optimismo e ao discurso da crenza e a incredulidade do Progreso". E nesta afirmación lémbrome da lectura que Bifo Berardi fai de Bergson en "Futurabilidade": "Para que unha posibilidade pase da virtualidade á realidade é preciso que encarne nun suxeito, e que ese suxeito teña potencia. Como encarna unha posibilidade nun suxeito? Como pode ter potencia un suxeito? Unha posibilidade encárnase nun suxeito cando o magma da posibilidade atopa unha concatenación que transforma ese magma nunha subxectividade intencional".
Trato de preguntarme como é posible xuntar a Haraway con Berardi, a necesidade dos tecidos e das ligazóns entre os seres chtónicos que imos habitar o Chthluceno nesta parte do mundo e a obriga da posibilidade encarnada. O que vexo ao meu arredor, a miña propia experiencia persoal, están lonxe de ámbalas dúas cousas. Penso que estaría ben que, por unha vez, chegáramos a un proceso electoral sendo holobiontes interconectados e magma listo para converter o virtual en actual. Pero, tratando de non ser optimista nin pesimista nin desesperado, nin cínico nin crente no Progreso e en mitoloxías semellantes, atópome varado no lugar de quen está a ver vir unha onda que vai levarse por diante as nosas expectativas. A realidade que intúo é o desa acumulación de mecanismos e estruturas ao servizo do capital nos seus planos mundial, europeo, expañol, galego e municipal, e, fronte a todos eles, un magma inconsistente heteroxéneo preso de mil contradicións que impiden a súa articulación. Sería fermoso que o menos malo acontecera nestas eleccións do vindeiro 12 de xullo para sentir que, malia todas as trampas e trabas e imposibilidades destes procesos, temos dado un primeiro paso -pequeno, quizais case insignificante- pero necesario. Aínda que sexa para ter algo mínimo que poder celebrar o luns. Eu que sei.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario